O CONCELLO DE PORTAS SÚMASE ÁS DISTINTAS ACTIVIDADES QUE SE FAN EN TODO O MUNDO PARA CONMEMORAR O DÍA INTERNACIONAL SEN TABACO

Hoxe, 31 de maio, conmemórase en todo o mundo o Día Mundial sen tabaco. Dende os concellos de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas, a través do Proxecto de prevención das condutas adictivas, queremos sumarnos á Organización Mundial da Saúde (OMS) , co fin de resaltar os riscos asociados ao tabaquismo; tanto para a saúde, como noutros ámbitos, e avogar por políticas eficaces para reducir o inicio no seu consumo e fomentar o seu abandono entre as persoas fumadoras.

Resaltamos o lema do  Día Mundial Sen Tabaco deste ano 2022, que se centra na protección do medio ambiente.

“ENVENENA O NOSO PLANETA#TABACCO EXPOSED”

A continuación adxúntase o Manifesto do Día MUNDIAL SEN TABACO 2022, así como o cartel da campaña da OMS para conmemorar este día.

ABERTO O PRAZO PARA INSCRIBIR A NENOS E NENAS NAS ACTIVIDADES DE VERÁN 2022 “CAMIÑANDO XUNTO@S” CON PREFERENCIA PARA OS EMPADROADOS EN PORTAS

O Concello de Portas abre o prazo para inscribir aos nenos e nenas nas actividades de verán 2022 baixo o título “CAMIÑANDO XUNTO@S”. Terán preferencia de inscrición os rapaces e rapazas que estean empadroados no concello de Portas.

Poderán participar nestas actividades os nenos e nenas con idades comprendidas entre 3 e 14 anos. O número máximo de prazas serán de 55 no mes de xullo e 30 en agosto.

O prezo por participante e mes será de 50 euros (no caso de dous irmáns, 80 euros) e 35 euros a quincena. Os non empadroados terán que abonar 70 euros/mes (dous irmáns 112 euros) e 45 euros a quincena. Aplicarase un desconto do 40% para as familias numerosas.

O PRAZO DE INSCRICIÓN REMATA O 10 DE XUÑO.

As solicitudes pódense recoller no rexistro do Concello de Portas ou ben na Sede electrónica do Concello (Taboleiro de Anuncios).

https://portas.sedelectronica.gal/info.2?x=g9y-echPIZ1kAwXDjxd-feIqBwHyAY9s*FpK0NRllikJcspXU7jVV*5Z2BoLnOUmgfAgnxtB7TewQ9wFjwQbTcxKtjMpbK8bD3ReuFHRxgFXZatviZrRQsaR7e6qv6WI

TODO LISTO PARA RECIBIR COS BRAZOS ABERTOS A CELEBRACIÓN DUNHA NOVA EDICIÓN DO FESTIVAL PORTAMÉRICA NO ENTORNO DA AZUCREIRA DE PORTAS

O Concello de Portas estivo representado polo seu alcalde, Ricardo Martínez, no acto de presentación oficial da presente edición de PortAmérica que se desenvolverá durante os días 2, 3 e 4 de xuño, e que contou tamén coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, o delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López, e o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, así como membros da organización do festival.

A programación comezará o 2 de xuño coas actuacións de Lori Meyers, Delaporte, A Randeeira Asasina, Muchachito Bombo Inferno, Natalia Lacunza, Rojuu, Cápsula, Fon Román e Grande Amore.O venres 3 será a quenda de WOS, Rozalén, Baiuca, Andrés Suárez, Instituto Mexicano do Son, Coque Malla, Arde Bogotá, Alice Wonder, A A Love You e The Parrots. E xa o sábado 4 os encargados de subirse ao escenario serán Nathy Peluso, Bizarrap, Xoel López, Viva Suecia, Mikel Erentxun, Depedro, Queralt Lahoz, Lisandro Aristimuño, Amparanoia, Dengue Dengue Dengue, Serbia, Dani e Frecha Valona.

Tamén se celebrarán un showroking, elemento característico deste festival. Nesta ocasión participarán preto de corenta chefs Estrella Michelín e 39 soles Repsol, baixo o comisariado de Pepe Solla. A organización ofrecerá liñas de autobuses desde as seis principais cidades galegas e está prevista que participen, como no resto dos Rías Baixas Fest, mozas mentorizadas dentro do empoderamento do talento musical feminino da provincia denominado ‘Descúbreas’, que ten en marcha a Deputación. Tamén se poñerán en marcha as campañas de igualdade, con repartición de material e a presentación dun audiovisual.

PortAmérica tamén forma parte dos Fest Galicia, da Xunta e así, Luís López, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, destacou durante a súa intervención o traballo e esforzo que realizan os Concellos e os promotores musicais para que Galicia se atope na vangarda do panorama musical europeo neste ano Xacobeo. Precisamente PortAmérica será tamén a cita de arranque dos concertos previstos na programación do Xacobeo 22.

A ASOCIACIÓN DE MULLERES RURAIS A AZUCREIRA DE PORTAS CELEBRA AS SÚAS VODAS DE PRATA CUN ACTO EMOTIVO E UN XANTAR DE CONFRATERNIDADE

A Asociación de Mulleres Rurais A Azucreira de Portas pudo conmemorar o seu 25 aniversario cun acto emotivo e un xantar de confraternidade no que participou o alcalde do municipio, Ricardo Martínez.

Despois de celebrar unha misa pola memoria das socias falecidas ao longo destes últimos anos, a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais A Azucreira de Portas, Carmen Lago Diz, agradeceu o apoio e o traballo realizado polas súas compañeiras da xunta directiva ao longo de todos estes anos e tamén ás socias que coa súa participación activa nas actividades da entidade lograron que fora unha das máis dinámicas de todo o concello.

Carmen Lago alegrouse que despois da paréntese obrigada pola pandemia poideran celebrar agora o 25 aniversario que tivo que ser adiado con anterioridade por culpa das restricións da Covid-19. “Aínda que xa contamos con 27 anos de vida, por fin podemos celebrar como queriamos o 25 aniversario cun acto de reencontro entre todas as sociais e lembrando toda a nosa traxectoria”, indicou Lago Diz.

Despois da misa e antes do xantar de confraternidade proxectouse un vídeo coas imaxes que recollen gran parte da historia desta asociación ao longo dos seus 25 anos de vida onde se reflectiron excursións, cursos de informática, baile, manualidades, festas, etc.

Pola súa banda, o alcalde Ricardo Martínez felicitou á presidenta, Carmen Lago, e salientou o traballo asociativo e de dinamización do mundo rural feito por esta asociación ao longo de todos estes anos e brindoulles o seu apoio persoal e institucional como alcalde para que sigan desenvendo con garantías todas e cada unha das súas actividades como ata o de agora.

PORTAS ACOLLE O DOMINGO 22 DE MAIO NA RAPEIRA UNHA NOVA EDICIÓN DO “MERCADO DAS PULGAS” CON ARTIGOS DE SEGUNDA MAN

Portas acolle na Rapeira unha nova edición do Mercado das Pulgas, un mercadillo de artigos de segunda man que estarán a disposición do público este domingo 22 de maio na Rapeira, no espazo existente entre a Casa da Cultura e o Centro de Saúde.

Aquelas persoas que estean interesadas en poñer un posto, poderán facelo de xeito gratuíto respectando os espazos e presentando artigos que encaixen perfectamente no espírito deste mercadillo de segunda man que dá a posibilidade de que moitos artigos consigan unha nova oportunidade de ser utilizados.

ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR PRAZAS PARA PARTICIPAR NAS ACTIVIDADES DE TEMPO DE LECER DA CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL “O VERÁN QUE QUERES CONTAR”

Permanece aberto o prazo ata o 26 de maio para inscribirse nas actividades de tempo de lecer da Consellería de Política Social “O Verán que queres contar”.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.

Para máis información consultar a seguinte ligazón: http://xuventude.xunta.es

O CONCELLO DE PORTAS CONMEMOROU O DÍA DAS LETRAS GALEGAS CO ESPECTÁCULO DO GRUPO GALLAECIA, INCLUIDO NO MUSIGAL 2022 DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL

O Concello de Portas conmemorou o Día das Letras Galegas coa posta en escena do Auditorio da Azucreira do espectáculo do grupo “Gallaecia”, incluido dentro do programa Musigal 2022 subvencionado pola Deputación.

O numeroso público asistente gozou da música e da maxia dos artistas José Manuel López “Josele” e Marina Vidal, que combinaron a súas voces coa participación da Banda de Música Unión de Lantaño, o Grupo de Baile Tradicional Punteirolo e a Banda de Gaitas de Forcarei, nunha fermosa xornada na que se honrou ao noso idioma e ás nosas letras.

A actuación do grupo Gallaecia, enmarcase dentro do programa de concertos “Musigal 2022” que patrocina a Deputación Provincial, e que puxo en marcha o Concello de Portas para homenaxear á nosa cultura polo Día das Letras Galegas.

O CONCELLO DE PORTAS, EN COLABORACIÓN DO CEIP DOMINGO FONTÁN, LEVARÁ A CABO UNHAS CHARLAS FORMATIVAS EN EDUCACIÓN SEXUAL

O Concello de Portas, en colaboración co Colexio C.P.I. Domingo Fontán, vai levar a cabo unhas charlas formativas en educación sexual co alumnado de 3º e 4º da ESO, coa finalidade de traballar a prevención da violencia sexual, reforzar e ampliar valores igualitarios e unha educación afectivo-sexual dende un abordaxe integral (aspectos fisiolóxicos e afectivos- emocionais).

Dita actividade realízase ao abeiro das medidas sinaladas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría do Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.