O CONCELLO RECIBE UNHA SUBVENCIÓN DE 2.855,60 EUROS DA DEPUTACIÓN PARA A SINALIZACIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL NO MUNICIPIO

O Concello de Portas recibiu unha subvencións para a Sinalización do Patrimonio-Cultural aos Concellos da Provincia de Pontevedra – Liña B da Deputación de Pontevedra, pertencente á anualidade 2021 de 2.855,60 euros.

Esta axuda permite seguir sinalizando os distintos elementos pertencentes ao patrimonio cultural, etnográfico e histórico do que dispón o municipio.

A UNED DE PONTEVEDRA, EN COLABORACIÓN CO CONCELLO, PON EN MARCHA CLASES DE REFORZO EDUCATIVO PARA OBTER O TÍTULO DA ESO

A UNED de Pontevedra en colaboración co Concello de Portas pon en marcha na Aula Universitaria ubicada na Casa da Cultura deste municipio unha serie de clases de reforzo educativo para obter o título da ESO.

Este programa vai dirixido a maiores de 18 anos que non teñen o título de graduado en ESO co obxectivo de conseguir a mencionada titulación. Preténdese axudar nas distintas materias incluídas nos tres ámbitos (ámbito científico-tecnolóxico, ámbito da comunicación e ámbito social) dos que consta a proba para obtención do título da ESO.

Programa formativo:

Luns: 19:00 – 22:00h ámbito da comunicación

Martes : 19:00 – 22:00 ámbito social

Mércores: 19:00 – 22:00 ámbito científico-tecnolóxico

Xoves: 19:00 – 22:00 ámbito científico-tecnolóxico

Venres: 19:00 – 22:00 ámbito científico-tecnolóxico



O CONCELLO DE PORTAS PUBLICA UN BANDO COAS AXUDAS MUNICIPAIS DE APOIO AO ESTUDO PARA O CURSO ESCOLAR QUE ACABA DE DAR COMEZO

O Concello de Portas acaba de facer público un bando no que se recolle a convocatoria das Axudas Municipais o Apoio ao Estudo para o curso escolar 2022-2023. O prazo para a súa solicitude está aberto ata o 4 de outubro e poderán acoller as familias que estean empadroadas no municipio.

Os gastos subvencionables a través desta liña de axudas postas en marcha polo Concello de Portas son os seguintes:

GASTOS SUBVENCIONABLES:

1.- Material escolar funxible(libretas, lapis, folios, material de papelería non reutilizable e/ou material de manualidades) para o alumnado da segunda etapa de educación infantil, educación primaria e secundaria obrigatoria..

2.- Libros de texto en educación infantil.

3.- Material informático para alumnado de primaria e secundaria (pincho usb, tablet, ordenadores portátiles/mesa, ratos, teclados e/ou impresoras).

4.- Vestiario básico para alumnado da segunda etapa educación infantil (mandilón)

✅ Máis información no seguinte enlace https://portas.sedelectronica.gal/ e nas oficinas do Concello de Portas.

A XUNTA COLABORA NA MELLORA DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS DO CONCELLO DE PORTAS EN MONDOIRO, NA PARROQUIA DE LANTAÑO

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, o concello de Portas para coñecer as actuacións de mellora desenvolvidas na pista deportiva do Mondoiro, na parroquia de Lantaño. As obras, realizadas ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público da Xunta, supuxeron unha achega de 33.764 euros. Na súa visita estivo acompañado polo alcalde, Ricardo Martínez e a concelleira, María Jesús Fontán.

A través da iniciativa ampliouse a plataforma existente ata os 44×24 metros, coa limpeza e preparación do terreo, e executouse un novo pavimento de formigón, co trazado das liñas divisorias do campo. Ademais, instaláronse porterías antivandálicas para fútbol sala con canastra de baloncesto e unha rede fixa de protección da pista deportiva de catro metros de alto.

Na súa visita a directora xeral comprobou o resultado das actuacións e salientou a importancia de apoiar as administracións locais en proxectos coma este, que lle facilitan a práctica deportiva ao conxunto da poboación e, sobre todo, lles ofrecen aos máis novos un lugar de encontro e esparaxemento.

Segundo apuntou, este é o principal obxectivo da Orde infraestruturas de uso público da Xunta, facilitarlles ás administracións locais e á cidadanía unhas axeitadas infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.  Coas axudas búscase tamén garantir un equilibrio entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, que permita tanto o desenvolvemento económico da totalidade do territorio galego como unhas óptimas condicións de vida da cidadanía con independencia do lugar de residencia. 

A Orde de infraestruturas de uso público destínase a concellos de menos de 30.000 habitantes para mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Neste ano, o orzamento global previsto para as actuacións ascende a 3,5 millóns de euros.

Desde a creación da orde, en 2009, o Goberno galego mobilizou máis de 44 millóns de euros para financiar 1.480 proxectos en concellos de toda Galicia, dos que 125 se executaron o pasado ano e 108 serán executados este ano.

A medida forma parte das diferentes liñas de axudas a prol das administracións locais. Segundo sinalou Natalia Prieto, o Concello de Portas recibiu nos últimos anos preto de 500.000 euros para diversas actuacións tanto en infraestruturas como de protección e mellora ambiental.

VOLVE O “MERCADO DAS PULGAS” A PORTAS O VINDEIRO DOMINGO 11 DE SETEMBRO, DIANTE DA CASA DE CULTURA

O “Mercado das Pulgas” volve ao concello de Portas o vindeiro domingo 11 de setembro pola mañá diante da Casa de Cultura. Este mercadillo de segunda man achega todo tipo de artigos e produtos para que o público poida mercalos e darlles outra oportunidade.

Esta actividade está organizada por “Portas sostible” e o Concello de Portas e pode participar de xeito gratuíto quen queira cun stand previa solicitude chamando ao teléfono 986 53 69 25.

Anímate e participa!!!

“ENKI NO CAMIÑO”, UN PROXECTO DEPORTIVO E SOCIAL DO XACOBEO, ESTARÁ NA AZUCREIRA DE PORTAS O VINDEIRO LUNS A PARTIR DAS 17 HORAS

O proxecto deportivo e social de dinamización do Xacobeo 2022, “ENKI NO CAMIÑO 2022” estará na Azucreira de Portas este luns día 5 de setembro a partir das 17 horas.

“ENKI no Camiño” xuntará a persoas con e sen diversidade funcional para superar en bicicleta varias etapas do Camiño Portugués pola Costa.

Facer o Camiño de Santiago é unha oportunidade para vencer medos e obstáculos, para compartir experiencias e para coñecer xente. “ENKI no Camiño” pretende facer visible e sensibilizar sobre o deporte adaptado e a diversidade funcional.

O teu Xacobeo

“ENKI no Camiño” é un proxecto deportivo e social de dinamización do Xacobeo 2022 subvencionado pola Xunta de Galicia co programa “O teu Xacobeo”.

CLAUSURADAS CON ÉXITO AS ACTIVIDADES DE VERÁN “CAMIÑANDO XUNT@S 2022” POSTO EN MARCHA POLO CONCELLO DE PORTAS

As concelleiras María Jesús Fontán e Ana Pena fixeron entrega dos diplomas de participación aos asistentes ás actividades de verán “Camiñando Xunt@s 2022” postas en marcha polo Concello de Portas e que se desenvolveron durante os meses de xullo e agosto para facilitar tamén a vida laboral e familiar.

Os participantes despediron este ciclo de actividades por todo o grande cunha gran festa e diversos xogos onde o pasaron estupendamente.

Deste xeito e durante todo o verán os cativos que se inscribiron na presente edición de “Camiñando Xunt@s 2022” poideron gozar de actividades lúdicas e formativas que non so lles axudaron a pasar unhas xornadas entretidas senón socializando cos demais compañeiros e aprendendo mentras se divertían.