IMG_7092

Domingo Fontán Rodríguez

Domingo Fontán Rodríguez naceu en Porta do Conde (Portas) o 17 de abril de 1788. Foi un galego insigne, ilustrado, matemático, político e xeógrafo coñecido sobre todo por ser o autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia.

Fillo de Rosendo Fontán Oliveira e de Sebastiana Rodríguez Blanco, Domingo Fontán foi o segundo de cinco irmáns: Andrés, Domingo, María Alberta, Gabriela e Rosalía. Da súa educación e da do seu irmán maior Andrés ocupouse o seu tío materno, Sebastián Rodríguez Blanco, cura párroco de Noia. Na devandita vila, durante os veráns, aprendeu inglés e francés, a través de presbíteros emigrados de Francia tras a Revolución de 1789.

Pasou boa parte da súa vida vinculado á Universidade de Santiago de Compostela, onde comezou os estudos de Filosofía con doce anos, obtendo o título en 1802, con catorce anos; logo, tras estudar a lingua hebrea e a Biblia matriculouse ao longo dos anos en Leis e Cánones, Ciencias Exactas e Teoloxía (título obtido en 1809).

En 1811 comezou a súa carreira docente como substituto do catedrático de Retórica e Belas Artes e durante o curso 1813-14 substituíu ao titular da cátedra de Lóxica e Metafísica. En 1811 foi profesor de francés e inglés na Escola Militar do VI Exército, establecido en Santiago de Compostela, no Colexio de San Clemente. O 2 de setembro de 1813, obtivo o título de Licenciado en Filosofía, á idade de vinte e seis anos.

O curso de 1813-1814 cursou clases de matemáticas con José Rodríguez González, quen lle inspirou a idea de realizar a triangulación xeodésica de Galicia, para levantar a súa carta xeométrica. O 28 de setembro de 1813 recibe o título de Licenciado en Artes e no curso 1813-1814 substitúe a cátedra vacante de Lóxica e Metafísica.

En 1814 foi denunciado por liberal, sendo absolto por sentenza ditada pola Real Audiencia de Galicia o 3 de xuño de 1815. O curso 1814-1815 substitúe ao seu mestre José Rodríguez González na Cátedra de Matemáticas Sublimes, cursos que continuou impartindo ata 1818, ano en que foi nomeado presidente da Academia de Filosofía.

En 1817 comezou os seus traballos de medición para realizar a Carta Xeométrica de Galicia, traballo no que investiu dezasete anos e polo que é lembrado hoxe en día. En 1818 cubriu a Cátedra de Física Experimental. En xuño de 1820 incorporouse á secretaría da Deputación Provincial de Galicia, con sede na Coruña, presidida, primeiro, por Pedro Agar e, a partir de xaneiro de 1821, por José María de Arce Calderón da Barca.

En 1829 remite ao Rei Fernando VII unha memoria sobre os adiantos prácticos da súa Carta Xeométrica e o 6 de abril dese ano unha Orde Real encárgalle o trazado de todo o Plan de Estradas de Galicia

En 1834 acabou os traballos da carta e presentouse oficialmente a Raíña Gobernadora, María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias, quen mandou imprimila, aínda que non se puido realizar esta tarefa ata o ano 1845 en París. Este foi o primeiro mapa realizado en España con métodos científicos e medicións matemáticas.

Foi nomeado Catedrático de Xeometría, Mecánica e Delineación, aplicacións ás Artes, con destino á Escola especial da Sociedade Económica de Santiago.

En 1834, tamén foi nomeado pola Raíña Director do Observatorio Astronómico de Madrid.

Máis tarde foi elixido deputado polo Partido Liberal Moderado pola provincia de Pontevedra en 1836, ocupando este posto ata 1843, ano no que se retirou. Fontán foi membro de diferentes comisións parlamentarias e interveu con frecuencia nos debates dos grandes temas da política nacional.

Participou na creación da primeira fábrica de papel de Galicia, construída en Lousame en 1810, e traballou tamén no deseño do trazado da primeira liña férrea de Galicia en 1863, que uniu Santiago de Compostela con Carril, proxecto aprobado polas Cortes Españolas en 1861, e que non foi inaugurado ata once anos despois.

Faleceu en Cuntis o 24 de outubro de 1866 e está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa do convento de Santo Domingo de Bonaval, en Santiago de Compostela.

Galería