OPERARIOS DO CONCELLO REPARAN DE URXENCIA UNHA AVARÍA NUNHA TUBAXE DE AUGA DO COMPLEXO DA AZUCREIRA QUE DEIXOU SEN SUBMINISTRO Á GALIÑA AZUL

Operarios do Concello de Portas deixaron resolta a avaría producida nunha tubaxe de abastecemento de auga ao complexo da Azucreira que provocou a rotura de dous tabiques e o anegamento do almacén onde se gardaban os pellets para a caldeira da calefacción.

Desde primeira hora da mañá, en que foi detectada a avaría, operarios do Concello coordinados polo propio alcalde Ricardo Martínez, lograron deter o avance da auga polo complexo da Azucreira e arbitraron solucións paliativas para que os usuarios dos distintos espazos dispuxeran de subministro agás a Galiña Azul que foi o espazo que resultou máis afectado polo corte de auga aínda que agora xa está restablecido.

Tamén se levaron a cabo labores de limpeza e retirada da auga que afectaba a varios espazos do complexo. Os maiores danos producíronse ao rebentar dous tabiques dun habitáculo que exercía as funcións de almacén para albergar os pellets que se utilizan para a nova caldeira de calefacción que dá servizo a todas as estancias da Azucreira.

RICARDO MARTÍNEZ AGRADECEU OS ESFORZOS DOS OPERARIOS

Ricardo Martínez lamentou os inconvintes que esta avaría puidera ocasionar aos usuarios da Galiña Azul, as únicas dependencias que quedaron sen auga, agora xa restablecida, e agradeceu os esforzos do persoal municipal que levaron a cabo as labores de subsanación do problema.

“Pese á gravidade da avaría, en tempo récord quedou todo solucionado, incluída a Escola Infantil da Galiña Azul que conta xa con subministro de auga. Foi necesario facer un corte que afectou a estas dependencias para poder acometer a avaría, pero xa está todo resolto grazas á dilixencia e profesionalidade dos operarios municipais que estiveron ao pé do canón desde o primeiro momento. Pedimos disculpas polos problemas que se poideran ocasionar mentras non se puido recuperar a normalidade que se restableceu en tempo récord dada as dimensións da avaría presentada”, sinalou o alcalde Ricardo Martínez.

A CAMPAÑA DA XUNTA “GALICIA SABE AMAR” DE DEGUSTACIÓN DE PRODUTOS DO MAR ESTARÁ NO CAMPO DE FÚTBOL DA RAPEIRA 0 SÁBADO 23 DE SETEMBRO

GALICIA SABE AMAR é unha campaña da Xunta de Galicia que nace no verán de 2021 para animar á cidadanía a través da retranca galega e os dobres sentidos a consumir produtos do mar, impulsar a súa venda e poñer en valor o labor dos profesionais da pesca e do marisqueo.

Este 2023 a iniciativa sóbese ás catro rodas a través de catro foodtrucks que levarán o sabor das rías galegas por máis de 250 municipios de toda España vinculados ao Camiño de Santiago. En cada parada os visitantes poderán degustar algún dos 10 petiscos pensados para a campaña e realizados a base de produtos certificados do mar e da terra.

✅Este sábado, 23 de setembro, estarán en Portas no campo de fútbol da Rapeira no seguinte horario:

➡12:00h-15:00

➡18:00-21:00

O ALCALDE DE PORTAS DENUNCIA GRAVES DANOS PRODUCIDOS POR ACTOS VANDÁLICOS NOS TELLADOS DAS ESCOLAS UNITARIAS DE LANTAÑO E ROMAI

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, denuncia graves danos producidos por actos vandálicos nos tellados das escolas unitarias de Lantaño e Romai a escasas horas do comezo do curso escolar. Os operarios terán que actuar sobre as cubertas destes edificios para retirar as tellas rotas, recolocar as que están movidas e repoñer os sistemas de suxeción para garantir a súa seguridade.

Uns descoñecidos arroxaron esta semana palés de madeira que causaron graves destrozos nos tellados, con rotura de tellas e o desprazamento de zonas da cuberta que poñen en serio risco a estas instalacións municipais.

Ricardo Martínez considera un grave atentado contra o patrimonio público estas accións realizadas por desaprensivos a escasas horas de dar comezo ao novo curso escolar e nuns edificios que dan cobertura e servizo aos nenos e nenas de Lantaño e Romai, que son os que fan uso destas instalacións.

Operarios municipais procederán a partir deste luns a reparar os desperfectos causados nas cubertas así como a correxir o corrimento das tellas existentes que deixaron nun estado de deterioro importante o tellado destas instalacións educativas.

Os traballos levaranse a cabo coa máxima preocupación e tomando as máximas medidas de seguridade para garantir que os cativos poidan acudir ao centro educativo e non causar ningún percance ás familias á hora de conciliar a vida laboral coa familiar. Nestes momentos hai matriculados uns 18 nenos e nenas entre as dúas escolas unitarias que prestan un gran servizo educativo e social á veciñanza.

O rexedor cualificou o feito de grave e sinalou que “é unha broma de mal gusto atentar precisamente contra unhas instalacións que van ser utilizadas por nenas e nenos moi cativos e que prestan un servizo moi importante desde o punto de vista da facilitación da vida familiar e laboral así como a primeira escala na formación dos nosos nenos e nenas polo que deberían de ter un mínimo de respecto”.

O alcalde solicitou a colaboración veciñal para identificar aos autores destes feitos tan lamentables para poñelos en coñecemento da autoridade e que responsan dos seus actos.