Parroquia de San Cristovo de Briallos
San Cristovo de Briallos é a parroquia máis pequena das que conforman o concello de Portas cunha extensión de 3,7 km². Até a creación dos concellos coa División territorial de España en 1833, pertenceu á xurisdición de Peñaflor.
Como detalle curioso hai que sinalar en Briallos a existencia dun gravado rupestre nunha pena redonda que sobresae onde aparecen unhas inscricións na pedra que asemella un “Manto da Virxe”, como se lle denomina popularmente e que sirve de extrema entre Briallos, Caldas de Reis e Moraña.
Tamén é de salientar a beleza do escudo dos Mariño que aínda se conserva cunha figura dunha serea espida de medio corpo para arriba e que está adosado na parece dunha casa senlleira en Briallos.
A parroquia de Briallos está composta polos lugares de: Barosa, Bouza, Castro e San Roque, Cima de Vila, Cruceiro, Igrexa, Maquieira, Outeiriño e Piñeiro e a súa poboación ronda os 370 veciños e veciñas.
Os edificios máis nobres da parroquia son a Igrexa parroquial de San Cristovo e a ermida de San Roque, situada no lugar de Castro. Nela celébranse as festas de San Roque e Nosa Señora de Lourdes.
Nas proximidades da estrada N-550 hai un cruceiro e un peto de ánimas, que ten unha talla e unha inscrición co texto “Polas ánimas do purgatorio. Reformado por herdeiros de Manuel Herosa e familia ano de 1898”. Hai outros dous cruceiros en Outeiriño e outro na Bouza de San Blas.
O Camiño portugués, ó saír de Coruto, intérnase na parroquia de Briallos onde o concello posúe un albergue de peregrinos que acaba de ser distinguido coa “Q” de Calidade Turística.
Como detalle curioso hai que sinalar en Briallos a existencia dun gravado rupestre nunha pena redonda que sobresae onde aparecen unhas inscricións na pedra que asemella un “Manto da Virxe”, como se lle denomina popularmente e que sirve de extrema entre Briallos, Caldas de Reis e Moraña.
Tamén é de salientar a beleza do escudo dos Mariño que aínda se conserva cunha figura dunha serea espida de medio corpo para arriba e que está adosado na parece dunha casa senlleira en Briallos.
A Igrexa de San Cristovo de Briallos
A igrexa de San Cristovo de Briallos actual é resultado dunha reconstrución da existente no mesmo lugar que se cre dataría do século XV. Os traballos realizados para levantar o novo templo están datados no ano de 1727 segundo a data que aparece sobre a porta da fachada principal, levantada posiblemente no mesmo lugar onde existía a primitiva parroquial, que polo seu mal estado ou a súa reducida capacidade houbo de substituírse.
No interior son interesantes os retablos pertencentes ó século XVIII datan da reconstrución da igrexa e un retablo de pedra que parece de estilo renacentista e que ben puido pertencer ó templo anteriormente referenciado e erixirse no século XV.
A igrexa de San Cristovo de Briallos consta dunha nave rectangular cuberta en tella a dúas augas. O presbiterio, cuberto a catro augas, é máis alto ca nave. Espadana de tres vans. No interior acolle uns retablos do século XVIII onde se pode ver a imaxe do patrón San Cristovo.
A antiga igrexa pertenceu a un antigo cenobio dependente de San Paio de Antealtares, logo anexionado como priorado a San Martiño Pinario, en Santiago.
Frei Martín Sarmiento, na súa Viaxe a Galicia no ano 1745, cita un priorado de Barosa, na mesma parroquia de Briallos.
A falla de pazos ou casas solariegas en Briallos fala da ausencia dunha fidalguía afincada nesta parroquia sen embargo hai que mencionar a existencia dun escudo coas armas dos Mariño (a serea) que se conserva na casa dos señores Maquieira. Parece que os Mariño son oriúndos da illa de Sálvora e que en Briallos asentouse Juan Mariño de la Barrera y Lobos feito cabaleiro da Orden de Carlos III o 14 de xullo de 1784 e tivo aquí a súa casa á que pertenceu o mencionado escudo.
Entre os personaxes a destacar da parroquia de Briallos figuran dous importantes relixiosos: Antonio de Herosa, franciscano que vestiu o hábito cara o ano 1714 e antes de 1725 pasou ó colexio-seminario de Herbón (Padrón) sendo gardián do mesmo desde 1745 a 1749 e autor dun extenso inventario, un “Memorial” deste centro relixioso desde a súa creación no ano 1396 ata o 1756. Herosa faleceu en 1764.
Outro relixioso famoso nado en Briallos foi José de Goldar, que en 1732 profesou como franciscano pasando ás misións de América, onde foi un dos fundadores do Colexio de Chillán, encomendándoselle a dirección no ano de 1757. Sendo misioneiro durante 25 anos. En 1795 nomeóuselle Vice-Comisario de Misións, escribindo un extenso informe sobre a situación e progresos das misións entre os Araucanos de Chile, segundo datos aportados por Couceiro Freijomil.
Festas celebradas en Briallos
A festa de máis sona nesta parroquia é a romaxe de San Brais que se celebra o 3 de febreiro. Celébranse misas durante todo o día nas que os devotos do Santo unxen a gorxa con aceite bendito. Ao finalizar cada acto litúrxico os asistentes mercan os tradicionais fanchucos benditos de San Brais.
O Rosario da Aurora celébrase o último sábado de maio na honra da Virxe Inmaculada. Sae en procesión Nosa Señora pasando polos distintos puntos dunha parte de Briallos, unha procesión longa na que se fan paradas en todos os lugares. A continuación celébrase unha misa cantada.
A festa de San Roque e A Nosa Señora de Lourdes celébrase na capela de San Roque a primeira fin de semana de setembro, o sábado na honra de San Roque e o domingo na honra da Virxe de Lourdes.
En xullo celébranse as festas patronais na honra da Virxe do Carme, A Nosa Señora do Perpetuo Socorro, San Cristovo (patrón) e o Santísimo Sacramento. No día de San Cristovo as persoas adornan os seus vehículos para saír en procesión detrás do camión que porta a imaxe do Santo, o día seguinte, celébrase o Santísimo, con grandes alfombras florais que ocupan a estrada dende o adro da igrexa ata o cruceiro de pedra que se encontra na bouza de San Brais.