O CONCELLO INFORMA A TRAVÉS DUN BANDO DE QUE SE VAN COLOCAR ESTACAS NAS PARCELAS AFECTADAS POLA MELLORA DA ESTRADA EP-8101 ENTRE PORTAS E ROMAI

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, acaba de facer público un bando no que se informa á veciñanza de que a partir do vindeiro luns 16 de setembro de 2024, vaise proceder á instalación de estacas nas parcelas que se van ver afectadas polo ensanche e acondicionamento da estrada provincial EP 8101 Portas-Romai, entre o punto quilométrico 0+000 e o 3+350, coa finalidade de mellorar a mobilidade peonil nesta estrada, coa creación dunha senda, incrementando así a seguridade viaria neste tramo.

Por elo, rógase que non se proceda a súa retirada, e poder comprobar así as zonas a ocupar.

Esta alcaldía, ten intención de contactar con cada un dos propietarios en vindeiras datas.

O que se fai público para xeral coñecemento da veciñanza.

SUPERVISORES DE SEAGA VISITARÁN AS PARROQUIAS DE PORTAS, ROMAI, LANTAÑO E BRIALLOS PARA REVISAR A XESTIÓN DA BIOMASA NAS FAIXAS SECUNDARIAS

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, acaba de facer público un bando no que se informa á veciñanza de que a partir do vindeiro luns 16 de setembro de 2024, en virtude do Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias vaise iniciar, por parte dos supervisores de Seaga, nas parroquias de Portas, Romai, Lantaño e Briallos, a xestión da biomasa nas faixas secundarias establecidas no Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais do Concello.

Naqueles casos que xa foran notificados e non se procedera a súa limpeza, iniciarase o expediente sancionador correspondente.

AVANZA A REDACCIÓN DO PROXECTO DE ENSANCHE E MELLORA DA ESTRADA PROVINCIAL EP-8101 ENTRE PORTAS E ROMAI QUE PREPARA A DEPUTACIÓN

A Deputación de Pontevedra avanza na redacción do proxecto de ensanche e acondicionamento da estrada provincial EP-8101 Portas-Romai entre o punto quilométrico 0+000 e  o 3+350. A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, visitou co alcalde de Portas, Ricardo Martínez, a estrada provincial para analizar os terreos que son necesarios para levar a cabo a actuación e incorporar as demandas do goberno local ao proxecto que xa está a redactar o servizo provincial de Infraestruturas.

En liñas xerais, Couselo e Martínez realizaron un percorrido pola estrada provincial e estudaron as diferentes alternativas para avanzar na construción dunha vía máis segura para o tránsito peonil. Deste xeito, tal e como avanzaron, está previsto que o proxecto para a mellora da mobilidade peonil na EP-8101 Portas-Romai incorpore a creación dunha senda peonil.

O proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-8101 Portas-Romai, tal e como recordou a deputada Isabel Couselo, trátase dunha das principais demandas e prioridades trasladadas polo alcalde de Portas en canto ás estradas provinciais que atravesan a vila.