CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA E O CONCELLO DE PORTAS PARA A ADQUISICIÓN DE TERREOS NA AZUCREIRA DESTINADOS A DESENVOLVER ACTIVIDADES DE ÍNDOLE TURÍSTICA E CULTURAL AO AIRE LIBRE POR IMPORTE DE 50.000 €

O Concello de Portas e a Axencia de Turismo de Galicia asinaron un convenio por importe de 50.000 euros mediante o cal se destinarán estes cartos á adquisición de terreos na Azucreira destinados a desenvolver actividades de índole turística e cultural ao aire libre.

O Concello de Portas manifestou a necesidade extraordinaria de asistencia por parte da Xunta de Galicia no seu afán de contar cunha superficie máis ampla na que desenvolver as actividades culturais, de lecer e ocio ao aire libre que se veñen desenvolvendo ao longo do ano, polo que ve necesario a adquisición de terreos na parroquia de Portas, para dotar deses servicios á poboación do municipio.

Nesa parcela desenvólvense na actualidade numerosas actividades (escola infantil, centro de día, auditorio e salas de exposición no edificio da Azucreira, ademais de contar un edificio destinado a piscina municipal, unhas pistas de pádel e un xardín), as cales, contan cos seus espazos abertos ou cerrados diferenciados, deixando pouco terreo libre para desenvolver outro tipos de actividades recreativas, culturais ou de lecer.

Nos últimos anos, estanse a desenvolver numerosos espectáculos públicos e actividades recreativas e culturais, que fomentan o turismo e atraen a un amplo número de visitantes a esta pequena localidade. Estas actuacións precisan dun maior espazo libre para o seu correcto funcionamento, motivo polo cal, o Concello se ve na necesidade de adquirir a parcela colindante, ao ser a única que non se atopa edificada, e que presenta unha superficie suficiente para acoller este tipo de instalacións.

O CONCELLO ÚNESE AOS ACTOS CONMEMORATIVOS DO 25 N CON VARIAS ACTIVIDADES DIRIXIDAS AO ALUMNADO DO CEIP DOMINGO FONTÁN

O vindeiro luns 25 de novembro, o Concello de Portas, en colaboración co CEIP Domingo Fontán , organiza varias actividades dirixidas ao alumnado de primaria e de secundaria, coa finalidade de conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Estas accións realízanse ao abeiro das medidas sinaladas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, financiado polo Ministerio de Igualdade, Secretaría do Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, e teñen como obxectivo sensibilizar ás novas xeracións e fomentar unha sociedade libre de violencia.

O CONCELLO DE PORTAS ADQUIRE UN NOVO VEHÍCULO MUNICIPAL GRAZAS AO FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL DA XUNTA QUE APORTOU PRETO DE 30.000 EUROS

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o concello de Portas, que acaba de adquirir un novo vehículo da frota municipal grazas ao Fondo de Compensación Ambiental.

En total, o concello de Portas contou cunha achega de preto de 30.000 euros. Esta liña de axudas contou cun orzamento de máis de 400.000 euros na área territorial de Pontevedra dos que se beneficiaron 13 concellos.

Na comarca de Caldas, ademais de Portas, beneficiáronse do Fondo o concello de Valga e o de Caldas de Reis, ambos por valor de 30.000 euros.

O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor a importancia da coordinación entre institucións” e lembrou que son “os alcaldes e alcaldesas os que mellor coñecen as necesidades dos seus veciños”.

O CONCELLO ORGANIZA ACTIVIDADES DIRIXIDAS AO ALUMNADO DE PRIMARIA E SECUNDARIA POR MOR DO 25-N DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O Concello de Portas, en colaboración co Colexio C.P.I. Domingo Fontán, organiza varias actividades dirixidas ao alumnado de primaria e de secundaria, coa finalidade de conmemorar o 25N, Día Internacional contra a violencia de xénero.

Estas actividades realízanse ao abeiro das medidas sinaladas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría do Estado de Igualdade e contra a violencia de xénero.