O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcalde de Portas, Ricardo Martínez, para a rehabilitación do edificio destinado á escola de música municipal. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Martínez selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financia a totalidade dos máis de 617.700 euros dos que está valorada a obra cunha achega de 500.000€ a través do Plan Extra e co aporte de 117.700€ para cubrir a parte correspondente do Concello a través do Plan +Provincia. Un apoio que, segundo sinalou o mandatario provincial, permitirá mellorar os servizos prestados á veciñanza ao tempo que contribúe a modernizar os equipamentos municipais.
O proxecto ten por obxecto a rehabilitación dun edificio municipal para destinalo á escola de música a través da súa reforma e posterior dotación do mobiliario e equipos necesarios para tal fin. O inmoble consta dunha única planta con dúas zonas diferenciadas e comunicadas entre si. Unha zona anterior, onde se desenvolve a actividade da escola de música; e outra posterior, dedicada a zona de ensaio da banda de música. Actualmente, a construción presenta problemas de accesibilidade, confort térmico e unha distribución dos espazos pouco funcional. A intervención persegue a reorganización dos espazos da escola, as melloras de accesibilidade, da envolvente térmica e das instalacións, así como a construción dun anexo destinado a almacén e cuarto de instalacións.
A colaboración da Deputación co Concello de Portas non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis arredor de 1,04M€ a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.