O CONCELLO DE PORTAS PON EN MARCHA DOUS OBRADOIROS DE SAÚDE DA MULLER A TRAVÉS DO PACTO DE ESTADO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Ao abeiro das medidas sinaladas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría do Estado de Igualdade e contra a violencia de xénero, o Concello de Portas organiza dous obradoiros de SAUDE DA MULLER.

As sesións programadas están centradas en conseguir: benestar emocional, benestar físico, adquirir coñecementos e coidados, etc.

A metodoloxía será activa  realizando diversas dinámicas, activas  e participativas.

Poboación á que van dirixidos: mulleres maiores de idade do Concello de Portas

Prazo de inscrición: ata o 1 de abril

Teléfono: 662 620 397 (Rosa)

    AVANZAN A BO RITMO AS OBRAS DA BASE DA UNIDADE OPERATIVA (BUO) EN PORTAS QUE, CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS, REFORZARÁ A PREVENCIÓN E EXTINCIÓN DE INCENDIOS NA ZONA

    O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o tenente de alcalde, Alfonso Vázquez, visitaron as obras de construción da nova Base de Unidade Operativa (BUO) que a Xunta de Galicia está a executar en Portas, unha infraestrutura destinada a reforzar a prevención e a capacidade de resposta fronte aos incendios forestais na contorna.

    Durante a visita ás obras, os responsables municipais puideron comprobar o avance desta actuación, que conta cun prazo de execución estimado de doce meses e cun investimento total de 1.086.954,75 euros. A iniciativa está promovida pola Dirección Xeral de Defensa do Monte e conta cun cofinanciamento do 80 % a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

    O alcalde Ricardo Martínez destacou a importancia desta infraestrutura para mellorar a protección do territorio e a seguridade da veciñanza. “Estas novas bases operativas suporán unha mellora importante na capacidade de resposta fronte aos incendios forestais, permitindo unha organización máis eficiente dos medios de extinción e reducindo os tempos de intervención cando se produce unha emerxencia”, sinalou.

    Martínez subliñou tamén que actuacións como esta son fundamentais nun territorio cunha forte presenza forestal como o da comarca. “Estamos a falar dun investimento estratéxico que reforza a prevención e a seguridade dos nosos montes, pero tamén a protección das persoas e das vivendas do noso entorno rural”, engadiu.

    Pola súa banda, o tenente de alcalde Alfonso Vázquez puxo en valor a importancia da colaboración institucional para facer realidade este tipo de proxectos. “Esta actuación é un claro exemplo de cooperación entre administracións. A implicación da Xunta de Galicia, co apoio do Goberno de España e da Unión Europea a través dos fondos FEADER, permite que cheguen ao territorio rural infraestruturas fundamentais para mellorar a xestión forestal e a loita contra os incendios”, explicou.

    Vázquez lembrou ademais que as BUO permitirán unha mellor planificación dos dispositivos de prevención e extinción, facilitando o traballo dos profesionais que actúan nos montes galegos e incrementando a eficacia dos operativos.

    A construción destas bases en Portas e Valga forma parte da estratexia de reforzo da rede de infraestruturas destinadas á defensa do monte galego, apostando por máis prevención, máis medios e unha mellor coordinación na protección dun dos principais recursos naturais do territorio.

    UN NUMEROSISIMO DESFILE DE ENTROIDO REÚNE EN PORTAS A CENTOS DE PERSOAS QUE CONFIRMAN O GRAN NIVEL PARTICIPATIVO DESTE EVENTO

    O concello de Portas celebrou esta fin de semana o seu tradicional Desfile de Entroido, unha cita xa consolidada no calendario festivo local que volveu demostrar a súa capacidade de convocatoria e o dinamismo cultural do municipio. A pesar de coincidir na mesma xornada con outros desfiles de referencia como os de Marín ou A Estrada, o evento contou cunha gran asistencia de público, que encheu as rúas para desfrutar da creatividade, o humor e o esforzo das persoas participantes.

    A elevada participación foi outro dos aspectos máis destacados da xornada, cun importante número de grupos, comparsas, parellas e participantes individuais, tanto na categoría adulta como infantil, que amosaron un altísimo nivel na elaboración dos seus disfraces e posta en escena.

    Ao desfile asistiron o alcalde de Portas, Ricardo Martínez; o tenente de alcalde Alfonso Vázquez; e a concelleira de Cultura e encargada da organización do Entroido, Ana Peña, quen agradeceron a implicación da veciñanza e o traballo realizado durante semanas para facer posible esta celebración.

    A concelleira Ana Peña destacou que “é unha satisfacción ver como, malia coincidir con outros desfiles importantes, Portas volve responder con forza, tanto en participación como en asistencia. O Entroido é unha festa feita pola veciñanza e para a veciñanza, e iso nótase no ambiente e na calidade das propostas”.

    Pola súa banda, Alfonso Vázquez sinalou que “o nivel dos disfraces e das escenografías foi excepcional. Cada ano sorpréndennos máis, o que demostra o compromiso e a creatividade das persoas participantes”.

    O alcalde, Ricardo Martínez, subliñou que “o Entroido é unha das celebracións máis esperadas do ano en Portas. Ver as rúas cheas de xente, familias e grupos de amigos compartindo esta festa é unha mostra do orgullo e da vitalidade do noso concello”.

    RELACIÓN DE PREMIADOS – ENTROIDO PORTAS 2026

    Grupos de máis de 20 persoas

                •          1º – 300 € – Héroes da Ría

                •          2º – 200 € – El dragón en la muralla china

                •          3º – 120 € – Dioses del Nilo

                •          4º – 70 € – O ciclo da vida nace no San Fermín

    Grupos de 3 a 19 persoas

                •          1º – 250 € – Os ratos de laboratorio

                •          2º – 150 € – O resurxir dos Picapedra

                •          3º – 100 € – La tarta se comparte

                •          4º – 50 € – Vikingos

    Grupo Infantil

                •          1º – 250 € – Quen vive é quen o goza. Barranquilla

                •          2º – 150 € – Revelión na colmena

                •          3º – 100 € – Los piratas con máis pluma del Caribe

                •          4º – 50 € – A churrería do abuelo

    Parellas Adulto

                •          1º – 120 € – De volta á prehistoria

                •          2º – 90 € – Volando voy

                •          3º – 70 € – Raíñas reciclaxe

    Parellas Infantil

                •          1º – 120 € – A vixe máxica

                •          2º – 90 € – Las diosas del mar reciclado

                •          3º – 70 € – Os animalíños da fraga

    Individual Adulto

                •          1º – 100 € – A muller escorpión

                •          2º – 70 € – Recicleitor

                •          3º – 50 € – Vamos de pesca

    Individual Infantil

                •          1º – 100 € – Unicornio volador

                •          2º – 70 € – Señora do monte

                •          3º – 50 € – Filla da terra galega

    Premios Especiais

                •          Premio Especial Orixinal – 50 € – Juego de la Oca

                •          Premio Especial Reciclado – 50 € – Ulla en rosa

                •          Premio Especial Marchoso – 50 € – Arendelle en fuego

                •          Premio Especial Artístico – 50 € – Super Meaño Kart

    O Concello de Portas agradeceu a implicación de todas as persoas participantes, do xurado e do público asistente, que fixeron posible un Entroido 2026 marcado pola convivencia, a creatividade e a alta participación.

    PORTAS CONMEMORA O 8 M, DÍA DA MULLER, CON DIVERSAS ACTIVIDADES QUE TERÁN COMO PROTAGONISTAS AO ALUMNADO DO CPI DOMINGO FONTÁN E ÁS ESCOLAS DE LANTAÑO E ROMAI

    Ao abeiro das medidas sinaladas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría do Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Portas en colaboración co Colexio C.P.I. Domingo Fontán e coas Escolas Infantis de Lantaño e Romai, levará a cabo:

    • Un contacontos co alumando infantil das EEI de Lantaño e Romai onde se traballará os estereotipos de xénero e se fomentará a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres dende a infancia.  
    • Un obradoiro co alumando de 3º e 4º de primaria do CPI Domingo Fontán, a través do cal se traballará a importancia da empatía, o respecto e a xestión emocional como ferramentas de prevención da violencia.