Un lugar para o baño e o tempo de lecer á beira do río Umia
A Praia Fluvial da Areeira, en Lantaño, é unha zona de baño e área acondicionada para o lecer, situada á beira do Río Umia. Dispón dunha chaira de terra onde aparcar o coche, unha pequena pedaleta que pertence a Protección Civil de Portas e que ceden gratuitamente para o goce dos visitantes á zona e unha pequena zona con porterías para que xoguen os nenos.
Esta praia fluvial orixínase pola acción xeomorfolóxica das augas que depositan parte da súa carga sedimentaria, area e gravas, nunha beira, mentres que na outra experimenta procesos erosivos máis intensos. Isto dá lugar a unha gran variedade de ambientes, cada un coas súas comunidades vexetais características. Nalgunhas zonas mergullan plantas acuáticas, como as lentellas acuáticas e os ranúnculos. Na beira aparecen os xuncos, lirios, espadanas e fentos reais. Preto da correntes están os salgueiros, amieiros e freixos, árbores e arbustos típicos.
Dispón dunha amplia e atractiva área recreativa coa presenza dun local habilitado como bar-terraza, con servizo de cociña, etc. que explota para autofinanciarse a agrupación local de voluntarios de Protección Civil de Portas.
Así mesmo, os membros de Protección Civil de Portas habilitaron na praia da Areeira actividades gratuítas con canoas, piraguas e pedaletas. De modo paralelo, o espazo acolle xornadas divulgativas sobre as especies vexetais propias deste ecosistema fluvial.