IMG_0184

Azucreira de Portas

A fábrica de azucre de Portas é un edificio emblemático que representou unha esperanza industrial para o municipio a principios do pasado século XX e que hoxe, desde a súa recuperación para o patrimonio municipal, é un referente desde o punto de vista social e cultural do todo o municipio.

Sobre a historia da Azucreira de Portas hai varios estudios feitos e publicacións de todo tipo, entre elas moitas xornalísticas, polo seu interese recollemos este artigo, moi completo, escrito por Luís María Salgado Sáenz que tamén tivo eco no Diario de Pontevedra no ano 2019.

“Unha das grandes iniciativas industriais de capitalistas galegos, na Galicia de principios do século XX, foi a construción da Fábrica de Azucre de Portas. España quedara desabastecida de azucre, por mor da perda de Cuba, tras a guerra de España con Estados Unidos en 1898. O Goberno fomentou a produción de remolacha e a instalación de fábricas azucreiras, o que deu lugar en España a unha expansión descontrolada do cultivo do tubérculo e á multiplicación do número de refinerías. Dúas delas situáronse en Galicia, unha en Portas e outra en Iria-Padrón.

As fábricas de remolacha que se construíron en Portas e Padrón nos anos de cambio de século foron durante o breve tempo que se mantiveron activas as máis importantes empresas privadas galegas da súa época. Ambas activaron a economía da comarca.

O Diario de Pontevedra informaba, o 21 de xaneiro de 1899, que se viu en Pontevedra capital unha comisión composta dun enxeñeiro alemán, do banqueiro de Lugo Sr. Ramón N. Soler, de Laureano Salgado de Caldas, dos señores banqueiros Pastor e Dalmau da Coruña, e doutros varios capitalistas da rexión galega, que traían a misión de elixir unha zona de terreo apropiada para a instalación dunha fábrica de remolacha nesta provincia. Na tarde do mesmo día a comisión partiu para Caldas e Portas, onde se propoñía continuar os estudos.

Encargouse a Roque Carús, un médico con vocación científica, un estudo, no que concluíu, despois de comprobar satisfactoriamente ensaios efectuados en Vilagarcía, que o chan e o clima dalgunhas comarcas galegas eran adecuados para o cultivo da remolacha azucreira.

A Sociedade Azucreira Galega de Portas constituíuse na Coruña, o 19 de febreiro do ano 1899, cun capital de 3.500.000 pesetas. O Consello de Administración estaba constituído polo presidente Ricardo Rodríguez Pastor, do Banco “Sobriños de José Pastor”, os vogais señores José M. González, Ricardo Silveira, presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Manuel López Rodríguez, Evaristo Babé, exalcalde da Coruña, Luciano Marchesi Buhígas, Andrés García Taboada, indiano e adiñeirado propietario de Pontedeume, Ulpiano Sánchez, e o caldense Laureano Salgado.

O proxecto levado a cabo foi mirado como exemplo de iniciativa empresarial desde outros lugares próximos. Así o insigne escritor galeguista, natural da Estrada, Waldo A. Insúa manifestaba: Por que os estradenses non se asocian, non unen as súas forzas disgregadas para facerse donos dunha gran forza, e non emprenden a construción doutra fábrica de azucre, como a de Portas?

Colocación da primeira pedra o 4 de xuño de 1899

A inauguración oficial das obras, coa colocación da primeira pedra, tivo lugar o 4 de xuño de 1899 con presenza de autoridades de toda a rexión.

Ese verán os agüistas dos balnearios de Caldas tiveron bos intres de distracción contemplando as obras da Azucreira.

Publicáronse anuncios na prensa nos que se dicía que se admitían toda clase de traballadores para a construción da fábrica, en cuxas obras habería traballo para un ano cando menos.

Tróuxose importante carga de ladrillo para a construción da Azucreira en vapores que fondearon en Carril. Tamén se descubriron unhas vetas de excelente barro para a fabricación de ladrillo, nas escavacións feitas para a cimentación dos edificios da fábrica. Realizáronse ensaios con bo resultado, polo que a dirección da fábrica proxectou traer unha cuadrilla de operarios prácticos na confección de ladrillos.

Nas obras da Azucreira houbo algúns incidentes e accidentes. O máis grave foi o que ocorreu ao procederse a colocar unha viga no teitume, que veu ao chan caendo sobre a cabeza do enxeñeiro que naquel momento encargábase das obras, Herr Emilio Jurgues, de nacionalidade alemá, quedando en tal estado que faleceu á media hora, sendo enterrado en Caldas.

Foi concedida en decembro 1899, á sociedade A Azucreira Galega, autorización para establecer un ramal de vía de ferrocarril para establece-la ligazón entre a fábrica de azucre de remolacha e a estación ferroviaria de Portas, e en xaneiro de 1900 obtívose autorización para aproveitar cen litros de auga por segundo, do río Chaín, para abastecemento da fábrica.

“Din de Caldas —recolle “A Correspondencia Galega”, o 24.2.1900— que o grandioso edificio da Azucreira, próximo a terminarse, ten máis dimensións que ningún dos construídos noutras rexións de España, podendo chamarse a raíña nos da súa clase”.

“A cheminea ten unha altura de 65 metros, e un diámetro interior de tres metros; a torre de filtracións 27 metros. A cimentación ten máis ou menos catro metros de profundidade, e seis e medio en moitas partes; nos cimentos investíronse máis de 500 barricas de cemento. O perímetro da fábrica é un rectángulo de 95 de lonxitude por 20 de ancho, os muros teñen unha altura media de 15 metros, sen contar as casas para bombas; as máquinas elevarán 6.000 litros de auga por minuto. Cada unha das caldeiras pesa 15 toneladas. Os fornos de cal, as oficinas para a dirección e os laboratorios son todos moi espazosos” describía a prensa.

A finais de marzo de 1900 viñeron de Alemaña, un enxeñeiro e varios operarios mecánicos a montar a maquinaria. A principios do mes de maio as obras de cantería da fábrica estaban a piques de terminarse e atopábase moi adiantada a instalación da maquinaria. Ese mesmo mes renováronse as obras da gran cheminea que se interromperon por falta de material. No mes de xuño chegaron seis caldeiras alxibes con destino á fábrica. E en xullo no Arcebispado de Santiago facían plans para ir a Portas con obxecto de bendicir solemnemente a Azucreira.

Na empresa de José Alemparte, de Carril, fixéronse columnas dunha soa peza destinadas ás edificacións da Azucreira.

As obras executadas de máis importancia foron un túnel de trinta metros de longo que atravesaba o edificio, desde o pozo que había de alimentar de auga á fábrica ata a casa de bombas. Este túnel foi bautizado polos traballadores co nome de “Calvario”, polas dificultades que tiveron para a súa construción. Tamén a colosal e extraordinaria cheminea xa mencionada, un gran pozo de trece metros de profundidade por seis de diámetro que apellidaron os obreiros como “A Praza de Touros” polas súas grandes dimensións e a torre de filtracións.

A “Gaceta de Galicia” informou o 23.9.1900: “Foron desembarcadas do vapor “Campeador” sete caldeiras que veñen destinadas á fábrica de Azucre de Caldas. Do buque pasaron directamente aos vagóns de ferrocarril en que serán conducidas á devandita fábrica”.

O 20 de outubro de 1900 comezou a funcionar a fábrica

O 20 de outubro de 1900, aos 16 meses do inicio da construción da fábrica, comezou a funcionar a fábrica de azucre. A maquinaria funcionou con toda precisión sen ter que facer a máis lixeira rectificación, con todo a súa magnitude e complexidade. En dúas horas de traballo producíase un azucre exquisito.

Os asistentes a esa posta en funcionamento puideron ver como viraban tanta e tanta roda co auxilio do vapor, executando automaticamente todas as operacións necesarias para converter en azucre a raíz da remolacha. Desde o carrexo desta, amoreada en silos, o lavado e triturado, a transformación en pasta mediante unha prensa, a súa purificación con cal e outros produtos, e a evaporación do líquido ata convertela en pedra de azucre seco.

O aspecto que presentaba o interior do edificio da fábrica era grandioso co gran número de motores, máquinas e rodas existentes. O ruído que se producía co movemento de todo iso era ensordecedor e chamaba a atención dos visitantes daquelas tranquilas comarcas.

Pola noite a fábrica presentaba un aspecto rechamante e fantástico, pola multitude de luces que brillaban a través das súas cen xanelas, de gran tamaño algunhas, e polos catro arcos voltaicos, situados nos diversos costados do edificio, que esparexían a súa potente luz en toda aquela contorna.

Unha vez posta en funcionamento a fábrica de azucre tivo moitos visitantes que quixeron coñecela.

A empresa expediu unha circular anunciando aos cultivadores de remolacha, que tivesen contrato coa Azucreira, que se acordou a recolección dentro do mes corrente. Os xefes de todas as estacións de ferrocarril de Santiago a Pontevedra tiveron autorización para pesar, dispoñer o envío da remolacha e fondos para pagala ao prezo prefijado de 35 pesetas por tonelada. Na mesma fábrica o caixeiro tivo orde para facer os pagos aos que directamente conducisen a remolacha ata o establecemento. A gran división da propiedade rústica obrigou a facer miles de contratos, obtendo pequenas cantidades de remolacha por cada un dos paisanos cos que se contrataba.

O 30 de outubro de 1900 informábase na “Gaceta de Galicia” que se viron mostras en Santiago do primeiro azucre elaborado na Azucreira, de cuxa calidade facían eloxios os entendidos.

Antes da data prevista para a posta en funcionamento, xa se estaba colleitando a remolacha nos puntos afastados á fábrica. Para subministración da fábrica cultivouse remolacha en diferentes comarcas das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Por suposto nas inmediacións de Portas e Caldas.

Cultivouse remolacha, con destino á fábrica de Portas, ademais de en outros lugares, en Redondela, na Toxa, en Ferrol, en Tui na extensa veiga do Louro, na Pobra do Caramiñal, en Santa Uxía de Ribeira. Antonio López de Neira, alcalde de Vigo, cultivou dous vagóns de remolacha que deu un rendemento de azucre moi satisfactorio, segundo a análise que se fixo na fábrica.

Informouse nos diarios: “Estes días están a pasar por Santiago moitos carros de remolacha destinados a Portas, para a fabricación do azucre”, “din de Santiago que é grande a abundancia de remolacha que estes días existe na estación de Cornes, con destino á fábrica de azucre de Portas”.

No semanario caldense “Frei Prudencio” alentouse o cultivo da remolacha a través dunha columna titulada “Paliques n’a veira d’o adro”, editando tamén un libro co mesmo título. Estaban “Os Paliques” escritos en galego, con naturalidade e sorna defendíase a conveniencia de sementala remolacha, achegándose para o efecto datos demostrativos que os labradores debían coñecer.

Explicábanse en prensa os beneficios do cultivo da remolacha fronte ao millo. “Os labradores galegos non sementaron máis que millo desde tempo inmemorial, e por esta causa os rendementos desa plantación son nulos. Se se dedican con afán ao cultivo da remolacha, acharán os beneficios que hoxe desgraciadamente non teñen”. Comentábase para animar aos paisanos.

A Azucreira Galega repartiu, gratuitamente, entre os agricultores unha cartilla ou opúsculo sobre o modo de cultivar a remolacha.

Ofrecíaselles aos agricultores a semente de remolacha, abonos minerais e millo importado de Gran Bretaña a prezo inferior ao de mercado para que puidesen alimentar ás súas familias durante o período de transición ao novo cultivo, pero non foi suficiente ante o medo dos paisanos a que o novo cultivo arruinase as súas colleitas. Tamén se pagou, con millo importado, aos labradores que quixeron cobrar nese produto, xa na súa totalidade ou xa en parte, a súa sementa de remolacha.

As dúas fábricas, a de Portas e a de Padrón, fracasaron rapidamente por dúas razóns principais. A primeira foi a incapacidade para abastecerse de remolacha suficientemente, a pesar das campañas desenvolvidas para convencer aos paisanos dos beneficios que conseguirían sementándoa nas veigas que destinaban ao millo e ás patacas, que eran a base do autoconsumo familiar e dos seus gandos. As dúas empresas competiron entre si pola captación da subministración de remolacha. Tamén competiron polo persoal, por mor de que a de Padrón contratase técnicos da de Portas para substituír ao seu primeiro director e a varios colaboradores.

Para o fracaso das dúas fábricas indicadas foi aínda máis determinante a evolución do mercado español, pois en España multiplicáronse as fábricas. Había a principios do século XX máis de 40 azucreiras, case unha por provincia. A produción superou á demanda, o que fixo que baixasen os prezos e todo o sector situouse en números vermellos.

Por decisión da súa xunta de accionistas, do 15 de decembro de 1903, a fábrica de Portas integrou na Sociedade Xeral Azucreira de España, que se creou para reorganizar o sector, e foi unha das vinte que se pechou ao ano seguinte, case simultaneamente coa de Padrón. No outono de 1906 especulouse coa posibilidade de que ambas as fábricas renovasen os traballos, pero a cuestión quedou en rumor. A súa maquinaria desmontouse no ano 1911, e o edificio de Portas utilizouse como almacén dunha explotación agraria durante anos.

O peche da Azucreira, unha afronta industrial para Galicia

O peche das dúas Azucreiras foi considerada por parte da opinión pública galega como unha afronta industrial para Galicia. “Lévannos as Azucreiras”, díxose, “mentres a unha rexión con catro provincias como Galicia suprímenselle todas as fábricas de transformación da remolacha, nunha provincia, como a de Oviedo, mantéñense catro fábricas”.

Na primavera e verán do ano 1911 puidéronse ler na prensa noticias como esta: “Parece cousa resolta que se desmonte e se traslade a unha fábrica de Aragón a maquinaria da Azucreira de Portas. Estes días ocúpanse nos estudos preliminares para realizar este proxecto un enxeñeiro e un químico. Crese que como consecuencia do traslado das máquinas o edificio será demolido, xa que é tal a trabazón que existe entre aquelas e este que ao retirar a unha, haberá que destruír o outro”.

O 25.5.1911 “O Eco de Galicia” informou: “Hai días está a procederse a desmontar a maquinaria da fábrica de azucre de Portas para trasladala a La Puebla de Híjar, Baixo Aragón”.

“Nesta semana procederase á derriba, por medio da dinamita, da gran cheminea da Azucreira de Portas. Son moitas as persoas que se propoñen presenciar a emocionante operación, a que levará a cabo con toda clase de precaucións”, anunciou o 12.7.1911 “El Correo de Galicia”.

Quedáronse sen espectáculo, afortunadamente, os que tiveron tal pretensión. Non coñecemos as causas que impediron a derriba das instalacións, aínda que supoñemos que sería o custo económico para levalo a cabo, o que permitiu que se enriqueza o patrimonio industrial e cultural da comarca, e que as xeracións seguintes conserven a memoria e coñezan unha parte da nosa historia que doutro xeito quedase rapidamente no esquecemento.

La Antigua fábrica estivo en desuso durante moitos anos, ata que o Concello de Portas comprou as instalacións para rehabilitala, conservando unha boa parte da edificación orixinal, e darlle un uso sociocultural e lúdico. Na actualidade na Azucreira atópanse un centro de día, unha Galescola, Sala de Exposicións e Auditorio Municipal, etc. Na cheminea hai un miradoiro, ao cal se pode acceder pola escaleira exterior e por un ascensor interior, desde o cal se alcanza a ver varios municipios próximos”.

Galería

Como chegar