banda2

Banda de Música Unión de Lantaño

Unha das bandas de música máis prestixiosas e antigas de Galicia é a nosa Unión de Lantaño, que ten as súas orixes na derradeira década do século XIX.

Segundo Juan Fernando Laguarta Badía o nacemento da primeira agrupación musical desta entidade no concello de Portas débese a D. Ricardo Candán Fernández, coñecido na parroquia coma “O Candango”, que naceu no lugar de Paredes (Lantaño) o 29 de novembro de 1852.

Descoñécese o lugar exacto onde puido iniciar os seus coñecementos musicais, aínda que hai quen di que pudera ser na Escola Laica de Vilanoviña, se ben recórdase que o seu instrumento era o bombardino, que simultaneaba co expresivo harmonio, nas celebracións relixiosas.

Nos comezos, Ricardo Candán reuniu a oito ou dez músicos que serían o punto de partida da banda. Ao parecer, a maioría con pouco solfexo e moita “orella”, segundo indicou Antonio Frieiro quen aseguraba que “bastante traballo tiñan para rematar unha peza todos xuntos”.

Pasados os primeiros anos do S. XX, é cando se produce a primeira excisión e fórmase a denominada banda “Dos Vilas”, formada por varios irmáns (Eligio, Álvaro e Hermógenes, apunta Fernando Salgado nun artigo de Diario de Pontevedra) e algúns membros da banda de Ricardo Candán; estes, apoiados polo seu pai D. Jesús Vila, perito agrónomo e persoa influínte na bisbarra.

A banda “Os Rebeldes”

Segundo relata Juan Fernando Laguarta Badía como data anecdótica a do 20 de xullo de 1910, cando a Banda “Dos Vilas” actúa na Estación de Ferrocarril de Portas, ó paso da Comisión do Concello de Vilagarcía, que viña de volta de Madrid de doar á Súa Maxestade o “Rey”, a Illa de Cortegada.

Esta Banda pronto logra os seus froitos, xa que no ano 1912 consigue o 1º premio para Pequenas Bandas no concurso celebrado en Santiago de Compostela co gallo da festa do Apóstolo. Dirixe a banda Álvaro Vila, que iniciara os estudios con Ricardo Candán para posteriormente melloralos en Noia, con D. Felipe Paz Carvajal, compositor e ex-director da Banda de Pontevedra.

Álvaro Vila finou moi mozo, ós 27 anos, e sucedeuno no cargo o seu irmán Hermógenes, que estivo ata o ano 1931 ó fronte da banda. Durante un ano sucedeuno Amador Piñeiro Buceta, de Porta do Conde (Portas), que o ano seguinte foi quen trouxo ó mestre Fiúza. Este último dálle forzas musicais á banda, que no ano seguinte logra o 1º premio en Ferrol, e o 2º en Santiago, onde tocaron as pezas “Follas Novas” de Brage e “A lenda do bico” de Soutullo.

Procedía o mestre Fiúza da Banda de Música de Vilagarcía onde desempeñaba o papel de clarinete solista e subdirector da mesma.

A andadura da Banda “Dos Vilas” tivo os seus problemas, pois no ano 1917, é cando os irmáns Vázquez Poza, discípulos de Álvaro Vila, non están de acordo coa administración da banda e xurde unha segunda excisión, formándose a Banda “Dos Poza”, que con algúns disidentes dos Vilas, e tamén, con músicos de Ricardo Candán, inicia o seu camiñar baixo a dirección do irmán máis novo, Xosé Vázquez Poza, bo músico que aumentou os seus coñecementos na Banda do Reximento Militar, onde estivo destinado mentres cumpría o servicio militar, pero a morte levouno moi mozo. Pasando pola dirección da banda os seus irmáns, Xoaquín e Manuel, que cando os Vilas traen a Fiúza, eles refórzanse con D. Andrés Blanco, coñecido como “Rebornecho”.

Xa no ano 1935, no Concurso de Bandas Populares celebrado en Pontevedra participan as dúas bandas, Vilas e Pozas, como tamén as de Arcade e A Lama.

Logran os Pozas o 1º premio coa interpretación das obras de “Unha noite en Calatayud” e “Negra Sombra”, certo que os Vilas logran o 3º premio, pero o Sr. Fiúza non subiu ó escenario a recollelo.

A rivalidade entre as distintas agrupacións músicoculturais chega a acadar niveis moi preocupantes e de enfrontamentos que incluso chegan a provocar auténticas liortas entre as familias e seguidores de cada agrupación.

Chegada a Guerra Civil, músicos de ámbalas dúas formacións teñen que incorporarse a filas polo que desgraciadamente moitos deles non volverán. Xurde ó remate da guerra, 1939, un grupo de persoas influíntes na parroquia que decide establecer contactos cos dirixentes e administradores das dúas bandas para unificalas.

Por parte dos Vilas, Amador Piñeiro, e pola banda dos Pozas, Manuel Vázquez Poza, que conxuntamente con D. Andrés Méndez, D. Bernardino Buceta e D. Nemesio Méndez, acompañados polo cura párroco, D. Balbino Lojo Lomba e o capelán, D. Santiago Santos Santamaría, levan a cabo varias reunións, ata unificar as dúas bandas no mes de xuño dese mesmo ano 1939.

Escenificación da unidade dun pobo a través da música

Segundo describe Juan Fernando Laguarta Badía nun artigo publicado en “Historia de Portas”, esta é unha data fermosa na que toda a bisbarra se reúne en Lantaño para ver como cada banda saía do seu local de ensaio e se reunían no camiño que conduce á igrexa parroquial. Bágoas, apertas,… alternadas con estoupidos dos foguetes, daban lugar ó nacemento da nova banda baixo a denominación de “Unión de Lantaño”, da cal foi o primeiro director D. Andrés Blanco “Rebornecho”, xa que o Sr. Fiúza marchou a Marín como recadador de contribucións.

A “Rebornecho” substitúeo Leopoldo Mallo, brigada da Banda Militar de Infantería de Ferrol. A continuación segue D. Darío, tamén desa banda militar. Xurdindo ausencias na dirección é polo que volta temporalmente o Sr. Fiúza, que vai facendo a suplencia ata que no ano 1944, o día 8 de agosto, na Alberguería (Moraña), se fai cargo D. José Laguarta Gracia, subdirector de bandas militares, que tivo como último destino Alxeciras (Cádiz), e que durante 34 anos estaría ó fronte da mesma escribindo páxinas históricas, xa que a converteu durante moitos anos, na primeira banda popular de Galicia.

Época dourada da Banda de Música

Preto de quince anos, dende a chegada de José Laguarta é a que se coñece como época dourada, xa que obras dos compositores universais como Wagner, Tchaicowski, Beethoven, Schubert,… e unha longa lista de compositores nacionais e galegos son interpretados fielmente polos músicos de Lantaño. Obras moi difíciles de execución e expresión.

Xa a partir do ano 1965, aínda manténdose ben, xurde unha peregrinación da xente nova cara horizontes remotos debido á emigración para países hispanoamericanos e máis tarde centroeuropeos, como tamén a aparición desmesurada de orquestras, fai que a banda vai diminuíndo en compoñentes e tamén en calidade.

Se ben considérase formada, nun principio, a Unión no ano 1939 non se consolidou totalmente ata o ano 1950.

Problemas que xurden co paso do tempo

¿Que sucedeu nese período de tempo?… Pois que un sobriño do fundador dos Vilas, Álvaro Barco Vila, non quixo entrar a formar parte da Unión, e cun grupo de doce seguidores segue funcionando co nome da banda dos seus antecesores, se ben chegan a coñecerse popularmente co nome “Dos Rebeldes”.

Álvaro Barco Vila foi un mozo traballador polo que engade á súa banda un grupo de xente nova, chegando a ser uns trinta. Á súa marcha para formar a banda de Rebón (Moraña), sucédeo no cargo administrativo Adolfo Fontán Vilar, quen trae para a dirección da mesma a Joaquín Montañés, a este substitúeo Waldo Tagore, Emilio Bell,… ata que pouco a pouco os compoñentes vanse integrando na Unión ata que no ano 1950 desaparecen definitivamente “Os Rebeldes”.

Volvendo de novo á Unión, que seguiu a súa longa traxectoria musical, hai que mencionar que é unha das poucas bandas galegas que non cesou na súa actividade nestes cento e pico de anos, xa que a diferencia doutras bandas, a Guerra Civil non corta a súa traxectoria.

Chegado o ano 1978, D. José Laguarta abandona a dirección por motivos de saúde, e substitúeo D. Ricardo Trinidad Ramón, que logra colocar a banda a un bo nivel. Xa preto dos noventa, faise cargo da banda, D. Javier Gargallo, e a este sucédeo D. Ignacio Estévez.

Nesta etapa é cando a banda sofre unha crise, que fai incluso pensar na súa desaparición. A finais do ano 1999 faise cargo da mesma D. Santiago Nerva, compoñente da Banda da Escola Naval de Marín, que con ideas novas e grande ilusión logra inxectar ós compoñentes un entusiamo especial que a fai renacer de novo con toda plenitude.

No ano 2017 faise cargo da Banda de Música Unión de Lantaño D. Alejandro García Pacheco que aglutina a un colectivo humano que conta con músicos de corta idade ata os 40 anos.

En abril 2018 a Banda Unión de Lantaño acompañou a Andrea Pousa na homenaxe ao xeógrafo Domingo Fontán en Porta do Conde.

A Banda Unión de Lantaño atesoura un amplio palmarés e recoñecemento social por toda Galicia. Así na primeira etapa de vida logrou o primeiro premio no Certame de Bandas de Santiago (1912), Ferrol (1934), Pontevedra (1935 e 1946), o segundo na capital de Galicia (1934) e o terceiro en Ourense (1949).

No seu historial tamén figuran a segunda posición nos concursos organizados pola Deputación en 2008, 2009 e 2010, colaboracións con outras bandas, actuacións en TVG e o intercambio coa de Vilanova de Azemeis (Portugal), en 2014.

Baixo a dirección de Alejandro García Pacheco actuou no acto de homenaxe a Domingo Fontán celebrado no Parlamento de Galicia, coa colaboración de Mariña Penas, en outubro de 2017, e en abril 2018 acompañou a Andrea Pousa na homenaxe ao xeógrafo en Porta do Conde.

Galería