Parroquia de San Pedro de Lantaño

San Pedro de Lantaño é unha parroquia composta polos lugares de Aldea Nova, Almirante, Baceiro, Cachal, Casal, Fontenla e Cachadas, Paredes, Rial, San Bieito e Torre, cunha poboabión aproximada dunhas 700 persoas.

Vestixios arqueolóxicos confirman que esta parroquia estivo poboada xa desde o Neolítico como o acredita a esistencia dunha mámoa na zona do Castro de Rial. No resto do concello tense noticia de outras dúas, unha no Liñar e outra en Porta de Conde.

De tempos máis recentes son unha machada de talón (Idade do Bronce) atopada, xunto con restos de núcleos, no monte da Mourenta no lugar de Casal, grazas aos traballos dos arqueólogos Gil y Casal e de López Cuevillas, aínda que hoxe esta machada está desaparecida.

Castro de Rial, a pegada prehistórica na Idade do Ferro

A pegada da prehistoria remata co Castro de Rial (Idade do Ferro) situado entre o Rial e o lugar de Piñeiro, xa en Portas. Segundo as notas da Dirección Xeral de Patrimonio trátase dun castro cun só recinto, con defensas naturais de terraplén. No interior obsérvanse restos de muros, anacos de cerámica, de ladrillos e muíños de man. A falta de estudos arqueolóxicos non nos permiten saber máis sobre estos restos. O pobo que habitaba esta zona serían os Cilenos e os seus territorios irían do Lérez ao Umia.

A primeira referencia ao nome da parroquia de Lantaño fai referencia a un antigo mosteiro beneditino no século X. A mediados do XII pasa a depender do mosteiro da Armenteira e polos documentos esistentes sábese que, xa daquela, era unha zona produtora de viño.

Xunto co mosteiro existía unha ermida de San Bieito do Monte da cal hai referencias entre os séculos XV e XVII debendo ser unha capela importante a que acudían romeiros. A localización desta primeira ermida de San Bieito e o mosteiro non son coñecidas pero apúntase que poderían estar no lugar do Rial, no actual pazo de San Bieito, e que de aí lle veña o nome.

Entre os personaxes famosos que pasaron por Lantaño está Frei Martín Sarmiento que o 3 de xullo do ano 1754 adicou unha das súas entradas do seu libro a esta parroquia.

A Guerra da Independencia, en 1809, tamén deixou a sua pegada en Lantaño onde os franceses comandados polo xeral Soult castigaron duramente aos veciños que non querían someterse. No libro de defuncións, o párroco anota o seguinte:

“En este presente año de mil ochocientos y nueve, con motivo de las sangrientas guerras que los inhumanos franceses tienen con nuestra España pasaron estos infames a cebar su rabia por todos medios, tomando por uno de ellos la destrución de este Reyno de Galicia, para lo que se han valido de la atrocidad de incendiar los pueblos, iglesias y matar sus havitantes, con particularidad quanto eclesiástico encontrasen. Entre otras muchas parroquias ha tocado a ésta fatal desgracia; pues en la mañana del día 9 de Mayo de dicho año, como perros de rabia han entrado en ella por distintos puntos, poniendo fuego a las casas y frutos, derramando vinos y saqueando quanto havía de ellas, y con tanta ligereza que apenas los vezinos tubieron lugar a reservar su vida, de modo que han muerto muchos, tanto en esta parroquia como en las inmediatas; que en el mismo día han padecido esta ruina, llegando el número de las casas quemadas en esta freguesía a ciento treinta y ocho, poco más o menos, inclusa la Rectoral”.

Pazos señorais que dan esplendor á porta do Salnés

Os pazos centraron boa parte da historia da parroquia de Lantaño e entorno a eles foi medrando a actividade económica e social destes lugares tendo a agricultura e a viticultura como eixos fundamentais da súa vertebración económica. Boa mostra deles son os da Torre de Penelas, San Bieito e o Pazo do Outeiro.

Pazo da Torre de Penelas

PAZO TORRE DE PENELAS 2
PAZO TORRE DE PENELAS 1

O Pazo Torre de Penelas está catalogado como patrimonio histórico, Segundo os expertos, a orixe podería datar dos séculos XIV ou XV e podería ser complementario á fortaleza defensiva que os Soutomaior tiñan na zona, e que hoxe está totalmente desaparecida. Esa antigüidade podería estar avalada tamén pola argamasa que une as pedras, formada por conchas de ostras e ameixas, técnica tamén utilizada noutros monumentos como as murallas romanas de Lugo.

Segundo se recolle na páxina web da Comunidade de Montes de Lantaño, a partires do século XVII aparecen as primeiras referencias escritas, que sitúan ao escribán Benito García como morador da «Cassa de Penelas». A falta de herdeiros directos en varios momentos da súa historia fai que fora mudando de nomes. O xa dito García, os Buceta ou os Ponce de León son apelidos ligados á historia deste pazo.

De arquitectura sobria, o pazo intégrano dous edificios e unha torre que une a ambos. Na cara orientada ao nacemento do sol pódese ver un patín cuberto e unha escalinata de acceso, que probablamente sexan dos séculos XVII e XVIII. Conta tamén cos elementos típicos destes pazos medievais co seu hórreo, pombal e unha fermosa capela románica.

O escudo situado na fachada é de forma ovalada e amosa as armas dos Somoza, Boceta de Caamaño, Barba de Figueroa, Torres, Cea e Bazán. O helmo volto cara á esquerda é significado de bastardía. Todo o conxunto aparece decorado con motivos vexetais de clara traza barroca.

Probablemente, o uso continuo nos últimos séculos foi o que o mantén tan ben conservado. Primeiro unha granxa de vacuno e, posteriormente coa consolidación do albariño, unha gran explotación vitivinícola, mantiveron con vida as instalacións. Dende o 2017, o pazo pertenece á familia Torres, unha das máis senlleiras da viticultura mundial. Na súa restauración preservaron o aspecto orixinal do pazo.

Adega con depósitos ovoides de granito galego

O viñedo de seis hectáreas ten albariño de entre 12 e 35 anos e busca ofrecer un viño diferente e exclusivo. Na pequena adega existente no interior do pazo conta con depósitos ovoides de granito galego para a vinificación e crianza dos viños.

Familia Torres elabora eiquí o primeiro viño totalmente en granito, un vino experimental da añada 2018 que fai todo o proceso nestes depósitos de pedra, dende a fermentación ata a crianza posterior, realzando así a singularidade do viñedo, prantado en chans graníticos. Estos depósitos potencian os aromas e mineralidade do viño, gracias á porosidade da pedra que permite unha microoxisenación constante e dotan ao viño de maior untuosidade e volumen na boca pola forma ovoide do depósito, que favorece o movemento do viño no seu interior e mantén as lías en suspensión.

Ademáis de adaptar as técnicas de viticultura, Familia Torres está impulsando a recuperación de variedades de uvas ancestrais que sexan resistentes ás altas temperaturas e á sequía.

Pazo de San Bieito (Lantaño)

Outro dos pazos senlleiros que posúe a parroquia de Lantaño é o Pazo de San Bieito, que está situado no lugar de Rial e a súa orixe remóntase ao século XV, aínda que é probable que esistise un cenobio dependente do Mosteiro de Armenteira dende o século XII, segundo se recolle en toda a súa extensión unha entrada na páxina web da Comunidade de Montes de Lantaño referida a este pazo.

Segundo se describe, o edificio ten forma de “U” acollendo un pequeno patio pequeno. No muro exterior podemos ver un portalón brasonado cun frontón circular flanqueado por pináculos e coroando por unha cruz. A torre, de equilibradas proporcións, é típica dos pazos da época.

O pazo consérvase tal cual era hai 100 anos, co seu mobiliario da época. A construción actual é de finais do século XVII, cunha superficie construida de 850 m2 distribuidos en dúas plantas, salvo a torre que ten tres plantas. A torre almenada é de finais do século XV e posiblemente fose unha torre dos Álvarez de Sotomaior para defender a fronteira do Río Umia, que discurre a escasos 200 metros do límite da propiedade.

Presidindo o frontón do portalón, un escudo ovalado sobre unha cartela ten o seu campo dividido en oito particións, en cada unha das cales están representadas as armas dos Caamaño, Villar de Francos, Soutomaior, Losada, Pereira, Bermúdez, Moscoso e Castro. Tímbrase con helmo volto á sinistra e complétase coa inscrición “ANO de 1791”.

Outro escudo atópase situado no patio, no lugar habitual, e mostra seis particións desiguales nas que se distribúen as armas dos Gil, Somoza, Agar, Cardecid, Sarmiento, Soutomaior, Mariño e, sobre todo, Figueroa. Leva por timbre un helmo que mira á destra do que saen plumaxe e lambrequíns. As armas citadas falan dos numerosos entronques do pazo de San Bieito e da súa importancia ó enlazar con liñaxes tan ilustres, deducíndose da súas análises a relación que debeu ter con outros pazos veciños, como Torre Penelas e O Outeiro, na propia parroquia de San Pedro de Lantaño, e Souto de Poio e incluso A Peroxa, na de Santa María de Portas.

Dous son os hórreos que testemuñan a importancia agrícola que tivo a casa: un de respectable lonxitude, ó punto que a súa cámara se sustenta sobre sete pares de pés; o outro, máis pequeno, de tres claros. O antigo pombal e a construcción anexa foron habilitados como pequena pero cómoda e agradable vivenda. Tamén ten lagar, adega, forno e cuadras, todo en pedra.

A finca de San Bieito ten unha superficie de 60.000 m2 e mantén a súa enorme importancia ecolóxica e medioambiental, alternándose na súa superficie valiosas especies entre as que hai que destacar unha gran magnolia, un ciprés, varias camelias e, no chamado “rincón de la fuente”, vellos buxos que dan sombra ó relaxante lugar, que se completa cun lavadoiro e unha fonte de auga fresquísima.

Ata o ano 1970 tivo dedicación ganadeira (vacuno, prados), vitivinícola e forestal (eucalipto). Na década dos 70 substituise o gando e o viñedo por plantacións de maceiras e nectarinas. A partir dos 90 reemplazouse o eucalipto por carballos e creouse un parque de arborado ornamental. Posúe dous pozos artesanais e catro mananciais de auga.

Pazo de Outeiro (Casa dos Boceta Losada)

Outro dos pazos senlleiros de Lantaño é o Pazo de Outeiro. É o máis antigo de Lantaño xa que a súa construcción data do ano 1276, sendo reconstruido posteriormente no 1369 como consta no testamento de D. Fernán García Barba de Figueroa, feito no ano 1473. Entre finais do XVII e principios do XVIII tivo unha importante reforma que o deixou como está na actualidade, segundo se recolle tamén na páxina web da Comunidade de Montes de Lantaño.

A edificación consta de dúas plantas en forma de “L”. No patio de entrada érguese un arco semicircular con doelas de grandes dimensións. A fachada posterior ten unha porta adintelada con mochetas. A cuberta resólvese a dúas e catro augas, rematando nunha cornixa con moldura.

Conserva o reloxo de sol e dous escudos, situados un na fachada principal (ala norte) e outro na ala sur, representan o mesmo pero non son da mesma factura.

O situado na fachada principal é de mellor factura, presenta catro carteis que se corresponden ós apelidos: 1º Boceta; 2º Losada; 4º Figueroa. Con respecto ó 3º cartel os expertos en heráldica difiren aínda que a opinión máis acertada podería ser a que o asigna a Barba de Figueroa.

Como dato curioso para coñecer o periodo histórico da Revolta Irmandiña contamos cun documento extraordinario como é o testamento de D. Fernán García Barba de Figueroa, feito no ano 1473, onde se recolle que: “O reino todo rebolto en guerras, e tantos roubos e mortes, e todos malos feitos; lebantarse grande chusma de comuneros contra os caballeros e moitos caballeros contra el mismo Rey e outros señores da terra façer guerra contra outros e deitar por terra tantas casas e torres…”.

Patrimonio relixioso na parroquia de Lantaño

O patrimonio relixioso na parroquia de Lantaño xira en torno á igrexa de San Pedro que ten a súa orixe nos séculos XII ou XIII, sendo reformada no seu estilo barroco actual en 1693.

A actual Igrexa de San Pedro de Lantaño

Da factura primitiva consérvase unha das capelas, a Capela da Expectación, fundada por Don Alvaro Boceta e cuberta cunha bóveda de crucería renacentista con 17 claves de finais do século XVI. Os nervios descansan sobre ménsulas con bustos representando a un papa e a tres arcebispos. Accédese a ela a través dun arco de medio punto. A capela posee dous altares, un deles dedicados a Nosa Señora da O, cun retablo do século XVIII, onde aparece representada a Virxe, baixo o que atopamos un sarcófago coa seguinte inscripción: «EXPECTO dedicado VE NIAT INMU TATIO MEA JOB 14-14», que é moi probable que sexa o lugar onde está enterrado o fundador.

Nun dos altares podemos ver a imaxe de Santa Cecilia, patrona dos músicos e donada pola banda de música Union de Lantaño. O retablo, de estilo barroco, representa a Santo Domingo, Santa Clara e San Francisco tendéndolle os cordóns dos seus hábitos ás animas en pena, para axudalas a elevarse ata o ceo. Sobre a porta de acceso a sancristía vemos unha escultura pétrea do século XVI que representa a un clérigo orando e que probablemente é o fundador da capela.

Nunha esquina do atrio da igrexa está o panteón, que non ten inscripcións nin nengún dato que nos aporte a data da sua construcción.

Capela de San Bieito

A Capela de San Bieito foi construida moi problablemente polos donos do pazo homónimo, situado a 500 metros. No seu interior consérvase unha reliquia cun pequeno oso do Santo.

Rodeada por unha carballeira, cada 21 de marzo (San Bieito de Inverno) e 11 de xullo (San Bieito de vrán) os romeiros achéganse á pedirlle ao santo a curación das verrugas e outras enfermedades da pel, xa que é un santo moi miragreiro. Os devotos ofrecéndolle velas, exvotos, ovos ou pequenos animais coma ofrenda.

Neses días da festa, derredor da capela, podemos comer o típico prato de polbo ou asistir á ancestral subasta de galos.

Ao carón da capela podemos ver un palco de música feito de pedra e con teito de madeira e tella, indicativo da importancia que ten a música na parroquia e a banda Unión de Lantaño.

Capela de Santo Domingo e curiosos cruceiros

A Capela de Santo Domingo foi contruida no século XVII, sendo probablemente naqueles tempos un templo máis grande, xa que a fachada cegada podería ter sido a entrada a un prebisterio. A entrada actual está baixo un arco de medio punto e presenta unha imaxe clara de que tiña unha maior envergadura da actual e que co paso do tempo e reformas posteriores foina reducindo ata o seu espazo actual.

Outro dos elementos curiosos do patrimonio etnográfico e relixioso digno de destacar na parroquia de Lantaño son os cruceiros e cruces de pedra que abondan en tódolos lugares que compoñen esta parroquia. Entre eles destaca pola súa curiosidade o “Cruceiro do Culebrón”.

Cruceiro do Culebrón

O cruceiro do Culebrón, o máis grande de todo o concello, data posiblemente da misma época que a capela de San Pedro Mártir. Sobre unha plataforma escalonada, destaca pola sua gran beleza e a figura dunha serpe ou lagarto cunha gran cabeza no varal, representando o diaño no Pecado Orixinal, o que da lugar ao seu nome. No outro lado do varal, as figuras de Adán e Eva espidos.

A cruz é de sección cilíndrica e simila as polas dunha árbore, sobre un capitel rícamente ornamentado. No anverso podemos ver a figura de Cristo crucificado e San Francisco recollendo a sangue. No reverso, a figura da Virxe do Socorro co neno espido, coroada por dous ánxeles, e pisando ao demonio.

Nas festas en honor de San Pedro Mártir, engalánase cunha coroa de millo para pedir por unha boa colleita.

A Ponte do Currucho e o seu muiño

A Ponte Currucho une as parroquias de Lantaño e Saiar, en Caldas de Reis, dende fai séculos.

O muíño de Ponte Currucho era un dos chamados de herdeiros; tiña 4 moas e a el acudían a moer xentes das dúas bandas do río, Saiar (Caldas de Reis) e Portas e Lantaño (Portas), grazas a esta pontella chamada Ponte Currucho.

Este era un muíño de herdeiros e cada veciño tiña estipulado unhas horas concertadas para dedicar a moer. Outros muíños eran de “maquía” e neles o muiñeiro cobraba unha medida de fariña, a maquía, por moer nel. Por último están os muíños privados nos que só os donos poden moer.

O gran que aquí se moía medraba tamén grazas á forza do río pois nas súas enchentes rega e fertiliza os campos facendo do val unha terra rica e produtiva, do que dan fe os catro pazos, tres casais e seis muíños, algún deles de cinco moas. A veciñanza só podía cruzar o río cos carros durante o verán; e cando o caudal aumentaba deixaban os carros nas beiras e atravesaban a ponte cos animais de tiro.

No verán utilizábase a zona para lavar roupa tanto na ribeira de Lantaño como de Saiar. Ademais os veciños de Lantaño utilizaban a Ponte para acudir ás festas da parroquia de Saiar e Godos que eran as do Perpetuo Socorro, en xuño; Santo Cristo, en setembro e Candeloria, no mes de febreiro, que se celebraba na capela de Santiaguiño (Godos).

A ponte do Currucho foi destruída por unhas inundacións a fináis da década dos 80, quedando as pedras cubertas polas augas. A parte da ponte que se pode ver en pé foi restaurada polos comuneiros de Lantaño no 2014. Falta a outra parte, correspondente ao concello de Caldas.

A lagareta rupestre da Viña do Monte

LAGAR RUPESTRE VIÑA DO MONTE 2
LAGAR RUPESTRE VIÑA DO MONTE 1

A lagareta rupestre da Viña Nova ou Viña do Monte é o primeiro localizado en toda a comarca do Salnés e, probablemente, foi construído na Idade Media. Recentemente chamou a atención dos estudiosos do mundo do viño que participaban nun curso organizado pola UNED e que decidiron desprazarse ata aquí para coñecer de primeira man este artiluxio tan curioso e orixinal.

Trátase dun lagar de pisado, é dicir, nel botábanse os acios que se viñan de vendimar para, mediante pisado, extraer o mosto. Este saía pola canle onde se poñía un bico de madeira, para que non escorregase pola pedra, e caía probablemente nun barcal de madeira. O máis habitual era que o mosto se baixase ata as adegas en pelexos que se enchían por inmersión no barcal.

Os investigadores dan como época máis probable a Idade Media pero, a falta estudos como datacións radiocarbónicas, aínda non se pode descartar que sexan aínda máis antigos, por exemplo romanos. Na zona de Monterrei, seguida de Ribadavia, existe a maior concentración coñecida de lagares rupestres de Galicia, aínda que tamén se atopan algúns en Trives, Quiroga, As Neves, Ponteareas e Mondariz. Alí existen de pisado pero sobre todo de prensa, similares aos lagares de pedra que aínda se conservan, e incluso se utilizan, en moitas adegas familiares por toda Galicia.

Actualmente non existen cultivos de vide na súa contorna inmediata aínda así a memoria destes cultivos quedou gardada nos topónimos que rodean este lugar con nomes tan suxestivos como Viña Nova ou Viña do Monte, como recorda Alberte Reboreda, unha auténtica autoridade sobre a historia desta lagareta rupestre.

Non se sabe con certeza cando se abandonaron este tipo de lagares, aínda que en Portugal se constatou o uso dalgún ata o ano 1700. Noutras rexións coma na actual Turquía séguense a usar na actualidade.

Galería

Como chegar