Manuel Buceta del Villar
Manuel Buceta del Villa foi un destacado militar de tendencia liberal que desenvolveu a súa carreira no século XIX. Naceu no lugar de Outeiro (Portas) o 15 de abril de 1807, fillo natural de María Buceta Villar.
Ingresou como cabo primeiro nas Milicias Populares e participou na Primeira Guerra Carlista como sarxento primeiro, destacándose desde un principio polo seu talante liberal.
Na revolución de 1846 era comandante da Garda Civil e en compañía do xeneral Solís marchou cara á Coruña formando parte da primeira división, integrada polos rexementos provinciais de Xixón e Segovia, un batallón de Infantería de Zamora, unha compañía de “Guías da Liberdade”, 120 carabineiros, 20 cabalos e dúas pezas de artillería. Pero o levantamento fracasou e Miguel Solís Cuetos foi fusilado con outros en Carral o 26 de abril, e Buceta fuxiu disfrazado de muller a Portugal.
Ao ano seguinte está en Madrid participando nos movementos liberais populares que preparaban a revolución de 1848, que dirixe; pero é detido e ten que escoller o camiño do exilio ata que en 1850 é amnistiado e retorna de novo ao servizo activo. Tivo parte moi activa no Pronunciamento militar de xullo de 1854 que determinou o triunfo do Partido Progresista e o regreso de Espartero a España.
Buceta é nomeado coronel e é destinado ao cargo de Gobernador Militar da praza de Melilla. Logrou éxitos importantes combatendo aos rifeños, que o coñecían polo sobrenome de “Farruco”.
Ascende a brigadier e ata 1857 permanece como Gobernador de Melilla, loitando á beira do xeneral O’ Donnell. Posteriormente pasa a Cuba e logo, como Gobernador de Samaná na illa de Santo Domingo, onde realizou unha moi importante labor entre a poboación indíxena. Alí fundou a poboación “Flechas de Colón”, contribuíndo a pacificar a provincia de Santiago dos Cabaleiros que estaba sublevada durante a Guerra Domínico-Española de 1863-1865 tamén chamada Guerra da Restauración, desempeñando máis tarde o posto de Cabo segundo da Capitanía Xeral de Santo Domingo.
En 1866 regresa a Madrid e, ao producirse a Revolución de 1868, Buceta está encarcerado en Peñíscola. Unha vez en liberdade é de novo destinado a Cuba, participando en varios feitos de armas para daquela ser nomeado Gobernador militar de Málaga.
Cando se achaba destinado en Xirona en 1873, foi arrestado polo Capitán Xeral de Cataluña e posto en liberdade a comezos do ano seguinte. En 1879, estando de comandante xeral do Campo de Xibraltar e destinado á reserva, tres veces foi proposto para tenente xeral, pero dada a perseveranza e ardor con que sempre mantiña os seus ideais liberais, o seu nome foi rexeitado.
Manuel Buceta do Villar faleceu en Málaga, lonxe do seu Galicia natal, o 3 de febreiro de 1882.



