Pazo de Souto de Poio

Desaparecido o antigo camiño real, o acceso ó pazo a través de pistas forestais presentaba unas dificultades que se viron incrementadas como consecuencia dos desterros efectuados para o trazado da actual autopista do Atlántico, que atravesa o lugar no que está situado e que afectou a boa parte das 32 hectáreas de monte alto inmediato ó pazo.

Pero do que non deixamos constancia entonces foi da existencia da primitiva entrada, orientada cara o nordeste, que se abre no muro de cerre da finca e que bordea a pista asfaltada pola que tamén se accede a un primeiro portalón con porta de arco adovelado; un camiño bordeado por abundante foresta conduce a un segundo portalón, situado a man esquerda e de factura similar ó anterior, a partir do cal o camiño se quebra en ángulo recto e, salvando un terceiro e último portalón -tamén con porta de arco de medio punto de dovelas, brasonado por partida dobre e coroado por almenas -unha das cales leva esculpido o anagrama “JHS”-, sitúanos no amplo patio que se dispón ante a fachada do edificio principal, constituído por un corpo rectangular do cal as plantas baixa e alta as define exteriormente unha moldura corrida que se quebra a modo de alfiz para salvar a dovelaxe do arco de medio punto que perfila a porta. A este corpo de edificación, polo seu extremo dereito, atópase unida a torre, de planta lixeiramente cuadrilonga, cumprido contrapunto defensivo dotado dunha altura máis que aquel cunha porta, que parece réplica da da casa, e ventás nas súas plantas superiores; cóbrese con teitume a catro vertentes e, á altura do aleiro, complétase cunha batería de gárgolas que lle imprimen carácter de canoneira.

Pola súa parte S.O., o patio limita cun edificio secundario, de planta en “L”, habilitado como vivenda. Cara o lado oposto ten o seu emprazamento o hórreo de madeira, sostido por 8 pares de pes, e, dando fronte á torre, o edificio destinado a capela, máis alá do cal está o pombal, en estado ruinoso e cuberto pola maleza. Non moi lonxe encóntranse a fonte e o lavadoiro.

O conxunto, pola súa calidade arquitectónica, dependencias anexas e entorno, é merecedor de que as reparacións que os seus propietarios acometeron, fai xa bastantes anos, teñan continuidade e se completen cunha rehabilitación integral.

Escudos.- En Souto de Poio tense a oportunidade de someternos a un verdadeiro exercicio de práctica heráldica, pois contabilizamos ata oito escudos, todos eles cuartelados en cruz, distribuídos así:

Fachada principal.- Tres escudos ó nivel do piso superior; no da esquerda están representadas as armas dos Prego de Montaos, Figueroa, Valladares -armas que se repiten nun dos escudos do citado pazo de Agüeiros- e un cuarto liñaxe que non puidemos determinar: sobre unhas ondas, unha figura masculina, de perfil, mira cara a destra e vai tocada coun sombreiro con pluma, que recorda a forma dos tiroleses, e se apoia nunha espada que leva na súa man dereita; está acompañada, nos cantóns do xefe, dunha estrela no destro- e dunha venera -no sinistro-; tras ela, un cuadrúpede sostense sobre as súas patas traseiras. As armas que figuran no segundo escudo, situado sobre a porta principal, corresponden ós Prego de Montaos, Valladares, Castro e Sarmiento. As do terceiro, situado moi cerca da torre, repite as anteriores, pero alterando a orde no dos cuarteis: Prego de Montaos, Castro, Valladares e Sarmiento.

Torre.- Un escudo entre as dúas ventás da planta superior exhibe as armas dos Varela, Ulloa, Sotomayor e Mariño, liñaxe este que se ve reforzado pola sirena que o rodea cos seus brazos.

Edificio secundario inmediato.- Á dereita da súa fachada principal, tamén abrazado pola sirena dos Mariño, un quinto escudo leva por armas as dos Varela, Barbeito, Sotomayor, Mariño e Padrón.

Capela.- Esculpido sobre a porta practicada no seu frontis, é o máis pequeno de todos e repite armas dos Prego de Montaos, Ulloa, Castro e Lobeira.

Terceiro portalón.- O escudo da esquerda representa a mesma heráldica que o da fachada do edificio principal citado en terceiro lugar, esto é, Prego de Montaos, Castro, Valladares e Sarmiento; o da dereita leva por armas as de Varela, Ulloa, Mariño e Sotomayor, ademais da sirena dos Mariño na súa clásica postura. Esta labra tráenos á memoria un dos escudos que forman parte da colección heráldica integrada na Sección Lapidar do Museo Provincial de Pontevedra, situado no exterior da ábsida das ruínas da igrexa do mosteiro de Santo Domingo e catalogado por Luis E. Messía de la Cerda y Pita (q.e.p.d.) na súa última obra “Labras Heráldicas del Museo de Pontevedra. Ruinas de Santo Domingo”, segundo dunha colección de tres volumes dedicados a inventariar os escudos existentes na capital provincial. Por desgracia, a morte sorprendeu a Luis cando preparaba o terceiro libro. Pois ben, no citado escudo figuran os brasones dos Varela, Mariño, Sotomayor, Ulloa (armas que coinciden coas que acabamos de ver), ademais dos de Lobeira e Ribadeneira, o que nos confirma a relación de Souto de Poio coa liñaxe de Jorge Varela de Dubra y Mariño de Goyanes,señor das casas de Quindimll (Palas de Rei), Goiáns (Lampón-Boiro), etc. e que levaban os seus ascendentes, ademais dos citados, os apelidos Arias, Ulloa, Taboada, Sotomayor, Caamaño, Mendoza, Montenegro, Fandiño, Gómez, Mosquera, Oanes (Yáñez), Romay, etc.

Estado de conservación.- Exteriormente aceptable, pero non apto para habitar. Reiteramos o noso desexo manifestado liñas atrás.

Propietario actual.- D. José Luis Piñeiro y Salvidegoitia, XI conde de Canillas, mercé á carta de sucesión expedida en 16 de abril de 1971.

Galería