Historia de Romai e os seus monumentos máis emblemáticos

San Xiao, San Xián ou San Xulián de Romai é unha parroquia que se localiza no concello de Portas. Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE) uns 908 habitantes distribuídos nas seguintes entidades de poboación: Bacelo, Casal, Costa, Cubelo, Currás, Frieiro, Mourigán, Porto do Salto, Quintáns, Romai Vello, Tarrío, Tras do Río, Xagobe-Vilavedra e Romai.

Segundo os indicios arqueolóxicos, houbo un poboado castrexo no Peso, en Romai Vello. Nel atopouse unha ara votiva romana, conservada no Museo de Pontevedra.

A igrexa parroquial é de orixe románica. A fachada ten a portada de arco apuntado e dobre arquivolta. No interior do templo hai un arco triunfal de medio punto. Preto do templo hai un cruceiro coa imaxe da Virxe das Dores, e hai outro máis no lugar de Cubelo.

A parroquia de Romai conta con elementos que nos fan pensar que, desde a antiguedade, este territorio xa contaba con asentamentos humanos. Así, desde o establecemento dos romanos na Península Ibérica, aló polo ano 149-140 antes de Cristo, e como consecuencia da derrota sufrida por Viriato en Numancia chega a primeira expedición ó mando de Decio e Julio Bruto no ano 138 antes de Cristo.

Entre os ríos Ulla e Lérez establecéronse os Cilenos, un pobo de orixe celta que tiveron en Portas, Romai e todo o val do Salnés a súa morada ocupando os castros como vivendas que eles construíran na seu cume, ben como defensa ou morada habitual nas súas ladeiras ó deixar de practicar o nomadismo.

A chegada dos romanos supuxo para os pobos celtas que optaran por acadar acordos que evitaran a confrontación armada. Así, resignáronse a poboar a base do Castro que constituirá o primeiro núcleo de poboación compartido cos romanos, que respectarán as súas tradicionais e costumes aínda que non a súa relixión que teñen que adaptar á que traen os romanos, moi diferente á súa, pero que aceptarán nalgúns casos.

Considérase a Romai Vello situado ó pé do Castro como o primeiro núcleo de poboación da parroquia onde os veciños atoparon no lugar de o Peso hai varios anos (1975-76) casualmente facendo buratos para plantar cepas e postes unha lápida dedicada ó Deus Cosus, aínda que na epigrafía aparece un senfín de deuses de difícil interpretación, que poideran pertencer a clans locais ou de castros celtas, ou incluso preceltas segundo o historiador Vicente Risco.

Unha ara romana depositada no Museo de Pontevedra

O estudio da Ara aparecida en Romai realizado por Isidoro Millán, e que está depositada no museo de Pontevedra, establece que está dedicada ó Deus Cosus, protector da agricultura e que no seu altar se colocaban durante as festas ramas de guirnaldas onde se realizaban ofrendas de froitos acompañados de abundantes libacións de viño.

Ao parecer, pode considerarse ó Deus Cosus de orixe celta, non así a ofrenda, dedicada a Cosus escrita en latín, o idioma que falaban os romanos, pois os celtas ignoraban a lectura e a escritura. A inscrición que aparece na Ara, segundo Isidoro Millán, consiste nunha ofrenda feita por Saego fillo de Víctor, que ofrecera a promesa ó Deus Coso.

No lugar onde se encontrou o Ara existen outras pedras diseminadas que tiñan a finalidade de dedicarse ó culto pagán.

Pola súa banda, segundo Purificación Rodríguez, trátase dun fragmento de ara votiva de granito do século I ou como moito de principios do S.II. Polo seu deterioro, non se recoñece a forma orixinal, pero tiña base e cornixa. Atopado a finais de 1975 ou principios de 1976 ó abrir unha gabia, na área coñecida como O Peso en Romai Vello. Ofrece o sitio tódalas características dun pequeno centro ritual, relacionado cos moradores do castro e co culto ó deus Cosus. Cosus é unha das divindades indíxenas máis frecuentes no Noroeste, pero, curiosamente só se documenta neste lugar en toda a provincia de Pontevedra aínda que é posible que unha ara atopada en Curro (Barro), pero moi deteriorada, estea tamén dedicada a este deus. Cosus é un deus guerreiro, violento, ó que se lle ofreceron nos primeiros tempos incluso sacrificios humanos.

A parte que subsiste da ara é a parte que se corresponde coa dedicatoria.

Lese:

Deo Co-

se So-

agoe A-

u Victo-

r s v.s.l.m.

Lectura segundo G. Baños:

Deo Cosoe Soaegoe, Aus Victoris v (otum) s (olvit) l (ibens) m (erito).

“O deus Coso Soaegoe, Aus, fillo de Victor, cumpriulle gustoso o voto merecido”

Como notas curiosas destacar que mentres o nome do pai é romano, o do fillo, indíxena, e que Victoris é un cognome moi pouco frecuente na Península Ibérica, concretamente na provincia de Pontevedra só aparece aquí.

Un sepulcro antropomorfo que hoxe está na Igrexa

Se importante foi atopar o Ara dedica a Cosus, non o é menos o descubrimento de sepulturas unidas formando unha pequena necrópole situada na parte nova do cemiterio parroquial e que merece un estudio máis exhaustivo.

Segundo informes, nas proximidades da Igrexa parroquial encontrouse un sepulcro antropomorfo labrado en pedra que pertenceu a un gran xefe ou personaxe adiñeirado e hoxe se atopa situado o atrio parroquial.

A Igrexa Parroquial de San Xulián de Romai pertence ó estilo románico, construída entre os séculos XII, XIII. Aínda que a ábsida sufriu algunha reforma, a fachada principal conserva o estilo orixinal pese a que nas tres columnas que sosteñen o arco da porta principal unha da parte dereita pertence ó estilo barroco, xa que suponse que por algún accidente foi substituída sen ter en conta o arte orixinal.

O rosetón da fachada principal foi substituído pola esfera do reloxo. A porta lateral dereita conserva o seu estilo románico aínda que na actualidade perdeu o seu uso. O resto do edificio consérvase en perfecto estado.

As primeiras crónicas que citan a esta igrexa remóntanse ao ano 1239. A súa fachada conserva o seu estilo románico con formas lixeiramente apuntadas e con tímpanos, capiteles e columnas. Tamén son de salientar os canzorros que suxeitan o aleiro que representa diversos temas iconográficos.

A fachada de poniente presenta un total de dúas arquivoltas e unha chambrana decorada con billetes, ditas alquivoltas descansan sobre un par de columnas a cada lado, os capiteis lucen temática vexetal.

Romai atesoura edificacións curiosas e descoñecidas incluso para moitos dos seus veciños como é a adega existente nunha casa de Vilavedra que pola súa forte construción e as caracteríticas dos seus arcos e fortaleza deberían soster algunha torre ou elemento señorial de importancia. Hai quen asegura que pudo albergar unha capela ou mesmo unha pequena igrexa xa que tiña na súa porta de entrada un cristo de madeira de tamaño casi natural que co paso do tempo foise deteriorando e hoxe xa non existe.

Tamén é de destacar un escudo aparecido nunha casa de Trasdorrío e que recolle os tres elementos fundamentais que inspiran a heráldica oficial do Concello posto que parece representada unha torre, un león rampante xunta a unha árbore e mesmo unha cruz.

Galería

Como chegar