O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, supervisou esta mañá o remate das obras de substitución da herba sintética do campo de fútbol municipal da Rapeira que permitirán aos equipos do municipio de dispoñer dunhas instalacións deportivas de última xeración. Os primeiros en estrear o novo tapiz serán os nenos e nenas pertencentes ás categorías inferiores das escolas de fútbol do Portas e do Romai que estes días realizarán os seus adestramentos neste novo terreo de xogo.

A obra, que conta co financiamento do Plan Concellos da Deputación, saiu a licitación cun orzamento de partida de 170.146,82 euros e foi adxudicada cun aforro de 13.526,67 euros á empresa Obras y Pavimentos Especiales, S.A. ao resultar a oferta que obtivo a mellor puntuación por ser a máis vantaxosa.

Martínez amosou a súa satisfacción porque estean xa rematadas estas obras e manifestou que “deste xeito teremos o campo listo para a práctica deportiva no caso de que as novas condicións sanitarias permitan o seu uso en toda a súa plenitude y si se recuperan as competicións ligueras nas distintas categorías, agora interrumpidas polas restriccións impostas polas autoridades sanitarias na loita contra a pandemia da Covid-19”.

O alcalde sinalou tamén que “deste xeito o Goberno local cumpre así co compromiso de renovar estas instalacións deportivas que tiñan xa completamente esgotada a súa vida útil despois de tanto tempo de intensa actividade. Seguiremos pola senda de facer realidade todos e cada un dos compromisos que fumos asumindo ante a veciñanza e, pese ás dificultades do periodo polo que estamos a pasar, seguro que cumpriremos con todo o mundo”, asegurou Ricardo Martínez.

Este novo tapiz instalado no campo de fútbol, que conta co selo de calidade  FIFA e da Federación Internacional de Hockey, terá unha maior duración ao estar fabricado cos criterios da terceira xeración de céspede artificial, baseada na utilización de fibras de  monofilamento de polietileno, sección diamante, resistente ao raios U.V. e cun espesor de 410 micras.

A base primaria botouse dobre con 100% de PP Thioba, cor negra, estabilizado á acción de raios U.V. e de peso aproximado de 252 gramos por metro cadrado. Pola súa banda, a base secundaria levou un composto de látex con base de estireno-butadieno (SBR) con orificios de drenaxe. Este novo material implica moita menos abrasión que o  polipropileno que se utilizaba ata o de agora.

As obras consistiron no tratamento previo do terreo e a colocación dos 6.968 metros cadrados (104×67 metros) da nova alfombra, previa aplicación de area de  sílice e, finalmente, a repartición de caucho no céspede.

Recomendados