O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN E O ALCALDE DE PORTAS ASINAN O CONVENIO QUE FINANCIA CON 617.700 EUROS A REFORMA DO EDIFICIO DA ESCOLA DE MÚSICA

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcalde de Portas, Ricardo Martínez, para a rehabilitación do edificio destinado á escola de música municipal. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Martínez selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financia a totalidade dos máis de 617.700 euros dos que está valorada a obra cunha achega de 500.000€ a través do Plan Extra e co aporte de 117.700€ para cubrir a parte correspondente do Concello a través do Plan +Provincia. Un apoio que, segundo sinalou o mandatario provincial, permitirá mellorar os servizos prestados á veciñanza ao tempo que contribúe a modernizar os equipamentos municipais.

O proxecto ten por obxecto a rehabilitación dun edificio municipal para destinalo á escola de música a través da súa reforma e posterior dotación do mobiliario e equipos necesarios para tal fin. O inmoble consta dunha única planta con dúas zonas diferenciadas e comunicadas entre si. Unha zona anterior, onde se desenvolve a actividade da escola de música; e outra posterior, dedicada a zona de ensaio da banda de música. Actualmente, a construción presenta problemas de accesibilidade, confort térmico e unha distribución dos espazos pouco funcional. A intervención persegue a reorganización dos espazos da escola, as melloras de accesibilidade, da envolvente térmica e das instalacións, así como a construción dun anexo destinado a almacén  e cuarto de instalacións.

A colaboración da Deputación co Concello de Portas non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis arredor de 1,04M€ a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

O CONCELLO ORGANIZA UN TOTAL DE 12 SESIÓNS DE AUTOCOIDADO PERSOAL PARA MULLERES DO MUNICIPIO CON CLASES DE PILATES, IOGA, ZUMBA E HIPOPRESIVOS

O Concello de Portas organiza do 27 de maio ao 20 de xuño un total de 12 sesións de autocoidado persoal para mulleres maiores de idade do municipio con clases de pilates, ioga, zumba e hiporesivos.

Estas actividades serán impartidas de 10:30 a 11:30 horas no pavillón municipal e están financiadas con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría do Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

O prazo de inscrición estará aberto dende o xoves 15 de maio ata o xoves 22 de maio no Concello a través da Educadora Familiar (Rosa teléfono 662 620 397).

A CRUZ VERMELLA, EN COLABORACIÓN CO CONCELLO DE PORTAS, PON EN MARCHA UN OBRADOIRO DE MEMORIA DIRIXIDO A MAIORES DE 65 ANOS CHAMADO “MENTE EN FORMA”

A Cruz Vermella, en coordinación co Concello de Portas, levará a cabo un obradoiro de memoria dirixido ás persoas maiores de 65 anos do noso concello chamado “Mente en forma”. Coa finalidade de fomentar o envellecemento activo, realizaranse actividades de estimulación cognitiva co obxectivo de previr, mellorar ou compensar o deterioro cognitivo que pode producirse coa idade.

  • LUGAR: CASA DE CULTURA DE PORTAS
  • PRAZO DE INSCRICIÓN: 28 DE ABRIL – 9 DE MAIO
  • PRAZAS LIMITADAS (mínimo 15 persoas-máximo 25 persoas)
  • HORARIO: TODOLOS LUNS  DE 17:00- 18:30 H.
  • REALIZACIÓN TALLER: 12 DE MAIO AO 30 DE XUÑO
  • ACTIVIDADE GRATUITA

O CONCELLO E A DEPUTACIÓN ACHEGAN AO ALUMNADO DO CPI DOMINGO FONTÁN A PEZA AUDIOVISUAL “FONTÁN, O PRIMEIRO ROSTRO DE GALICIA”

O pasado venres no CPI Domingo Fontán de Portas, o Concello en colaboración coa Deputación de Pontevedra, promoveu a realización dunha actividade con proxección da peza audiovisual “Fontán, o primeiro rostro de Galicia” onde os estudantes descubriron o proceso que levou ao xeógrafo e matemático de Porta do Conde a crear a Carta Xeométrica de Galicia (1845), o primeiro mapa topográfico e científico da nosa comunidade.

O alcalde Ricardo Martínez acompañou aos estudantes de 3º e 4º da ESO nesta experiencia educativa pensada para achegar á mocidade o fascinante traballo de Domingo Fontán, o autor da primeira Carta Xeométrica de Galicia. A través dunha linguaxe sinxela, o documental explica como, sen novas tecnoloxías, Fontán conseguiu determinar a orografía do noso territorio, facendo un percorrido pola nosa historia e xeografía.

Con entrevistas a especialistas e nocións básicas de matemáticas e xeografía, esta peza convértese nunha ferramenta didáctica ideal para o alumnado.

O documental foi presentado por Manuel Amigo (Topógrafo) e Manuel Fernández (Productora Kaito, S.L.).

O CONCELLO DE PORTAS RECIBIU UNHA AXUDA DE AGADER A TRAVÉS DO PLAN DE CAMIÑOS RURAIS 2024-2025 COFINANCIADO POLO FEADER

A resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se aproba o Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025, cofinanciado co Fondo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural (PDR) 2014-2020, mediante tramitación anticipada de gasto recollía a concesión ao Concello de Portas dunha axuda por importe de 68.725,62 € equivalente a un 100% de axuda respecto do orzamento aceptado.

O CONCELLO TRAE ÁS ESCOLAS UNITARIAS DE LANTAÑO E ROMAI E AO CPI DOMINGO FONTÁN DOUS ESPECTÁCULOS DO PROGRAMA +ESCÉNICAS DA DEPUTACIÓN

O Concello de Portas, a través do programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra, achegará ata aos máis cativos do municipio dous espectáculos de animación e contactos que se representarán o 11 e o 22 de abril nas Escolas Unitarias de Lantaño e Romai e, o outro, no colexio.

Así, o 11 de abril visitará a Escola Unitaria de Lantaño e a de Romai o espectáculo “Supercoraza, na eira e na lareira”, a cargo da Xanela do Maxín. Pola súa banda, o 22 de abril no CPI Domingo Fontán, terá lugar o espectáculo “Contos de Trasnos e Meigallos”, no que Iván Dávila achegará á cativada toda unha serie de relatos que os farán pasar un bo rato e tamén reflexionar.

O CONCELLO DE PORTAS, BENEFICIARIO DA CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS ÁS ENTIDADES LOCAIS PARA A PRESTACIÓN DE SERVIZOS NO MARCO DA REDE GALEGA DE ATENCIÓN TEMPERÁ

O Concello de Portas foi beneficiario da convocatoria de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2024 a 2026, cofinanciada pola Unión Europea polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027” 

O obxectivo principal destas axudas é promover a autonomía persoal de menores de 0 a 6 anos con trastornos no seu desenvolvemento. 

O ESPECTÁCULO “A MIÑA TATARAVOA MARUXA” ACHEGA AO ALUMNADO DE PORTAS AS MULLERES PIONEIRAS GALEGAS E VALORES COMO A IGUALDADE E A COOPERACIÓN

Ao abeiro das medidas sinaladas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría do Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, o luns 10 de marzo, con movo do Día Internacional da Muller, o alumnado infantil do Colexio C.P.I. Domingo Fontán e das Escolas Infantís de Lantaño e Romai desfrutaron do espectáculo “A miña Tataravoa Maruxa”, na que unha nena chamada Lola embárcase nunha viaxe temporal a partir dun cofre que atopa no faiado da súa casa. A través dos obxectos encontrados que pertenceron a mulleres pioneiras galegas (Exeria; Irene González, Áurea Rodríguez e Ángeles Alvariño) descubrirá a historia da súa tataravoa.

Esta obra promove valores de igualdade e cooperación, e grazas a todas estas mulleres, Lola descubrirá que a súa tataravoa tamén foi unha muller pioneira e que ela, e todas as nenas poden ser o que queiran.