O Concello de Portas decidiu cancelar os actos para honrar a San Pedro Mártir, previstos para o vindeiro sábado 24 de abril, ante as medidas preventivas sanitarias marcadas por mor da Covid-19 que fan imposible manter esta tradicional celebración anual.

Aínda así, o Concello de Portas manterá a capela aberta ao público todo o sábado desde as 10 da mañá ata as 19 horas (sete da tarde) cun aforo limitado a tan so 5 persoas, como máximo, co fin de manter as medidas de prevención impostas por mor da pandemia.

A capela de San Pedro Mártir, ubicada na parroquia de Lantaño, só se abre ao público a derradeira fin de semana do mes de abril para honrar ao seu patrón, engalanándose o Cruceiro do Culebrón (un dos máis curiosos e vistosos da comarca que posúe representado unha enorme figura dunha serpe enroscada no fuste desta cruz de pedra) cunha coroa de millo para pedirlle unha boa colleita ao santo.

Este templo relixioso é de propiedade municipal desde o 7 de abril do ano 1995 en que foi doado ao patrimonio do Concello de Portas polos señores Gándara Gómez e Remedios Junquera Gómez, herdeiros da familia Buceta Quintáns, e é a admistración local a encargada de garantir o seu mantemento e conservación.

Recomendados