O Concello de Portas acaba de facer pública a súa nova páxina web (www.portas.gal), unha ferramenta dixital para revitaliza-la economía local fronte a crise derivada da Covid-19 ao mesmo tempo que procura impulsar iniciativas a prol do turismo aproveitando o Ano Xacobeo e o paso do Camiño Portugués a Santiago polo municipio.

A nova web, ademais de favorece-lo acceso á información por parte da veciñanza e impulsa-los atractivos turísticos que presenta o concello a través das súas rutas de sendeirismo, patrimonio etnográfico, establecementos de turismo rural, paisaxes, historia, etc., implementa un acceso especialmente orientado a dar maior visibilidade aos establecementos comerciais e servizos de hostalería existentes no municipio ao tempo que se pon a disposición dos visitantes notas históricas relacionados con personaxes vencellados co concello como o cartógrafo e matemático ilustrado Domingo Fontán ou mesmo Concepción Pérez Iglesias, a primeira alcaldesa de Galicia e unha das pioneiras en España en ocupar ese cargo de representación.

Desde a páxina web tamén se poderá acceder á sede electrónica do Concello coa intención de que sexa máis doado e sinxelo facer calquera tipo de trámite administrativo desde este mesmo lugar de internet.

A web entre o seu contido recolle un apartado adicado a cada parroquia e nace como un proxecto vivo e aberto á colaboración e aportación veciñal para enriquecer todos e cada un dos seus apartados e incluso se poderán incluír todos aqueles que a propia veciñanza vaia considerando ao contar cun formato adaptable ás necesidades que se lle vaian demandando a este sitio de internet.

O Concello agradece a tódalas persoas que colaboraron con esta páxina coa recopilación de información e aporte gráfico, especialmente á Comunidade de Montes de Lantaño, ao portal e blog “Historiadeportas.wordpress.com” e a veciños como José Ramón Moure e Elicio Mandallo, entre outros.

Recomendados