O Concello de Portas segue pola senda de modernización e mellora da eficiencia enerxética coa renovación da iluminación exterior e do alumeado público do municipio a través dun convenio asinado co Instituto para a Diversificación e Aforro a Enerxía (IDAE) e a Deputación de Pontevedra que permitirá investir 90.586,11 euros na rede lumínica local.

Este investimento afróntase a través da financiación do 80% por parte do IDAE, outro 10% pola Deputación de Pontevedra e o 10% restante polo Concello en virtude do acordo que permite avanzar pola senda da eficiencia enerxética e a diminución da contaminación no municipio de Portas co obxectivo de chegar aos compromisos do Pacto das Alcaldías polo Clima e as Enerxías Sostibles (PACES) para o ano 2030.

Pola súa banda, o Concello de Portas afronta tamén, con fondos propios, o cambio de 5 cadros eléctricos para adaptalos ao Regulamento Electrotécnico de Baixa Tensión da Unión Europea e cumprir tamén deste xeito coa normativa da UE neste tipo de instalacións que garanten unha importante eficiencia enerxética. O orzamento total que ten que destinar o Concello para realizar a modernización destes cadros é de 12.773,59 euros.

RENOVACIÓN DAS INSTALACIÓNS DE ILUMINACIÓN EXTERIOR

As liñas xerais de actuación a realizar nas instalacións de iluminación pública exterior do municipio contemplan o desmonte e substitución de luminarias completas existentes por outras de tecnoloxía LED con regulación para reducir o fluxo  lumínico nas horas de menor uso, segundo as especificacións que se establecen ao longo do proxecto.

Tamén se procederá á instalación de  interruptores astronómicos e proteccións contra  sobretensión en cadros de mando que o requiran, desmonte e substitución de proxectores existentes por outros de tecnoloxía LED, reforma e adaptación de cadros de mando que teñen algún tipo de deficiencia ou incumprimento co  REBT.

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez sinalou que “estamos adiantándonos ao futuro e facendo todo o posible por optimizar o alumeado público ao tempo que o modernizamos para conseguir máis eficiencia cun menor consumo e, polo tanto, cun menor gasto para os veciños e veciñas do municipio que, con estas melloras, disporán dunha mellor e máis moderna rede de alumeado público abaratando no posible o recibo que as eléctricas nos pasan por manter este servizo na amplia e variada rede de camiños que existen no concello”, indicou o rexedor.

Recomendados