O campo de fútbol da Rapeira serviu de escenario para dar por rematado o I Campus de Tecnificación de fútbol impartido a 23 nenos de idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos e que contou coa presenza do alcalde de Portas, Ricardo Martínez, o presidente do C.D. Portas, Manuel Fraga Estévez, o director do CEIP Domingo Fontán, Luis Villaverde, e o organizador do evento, Manuel Campos.
O Campus estivo coordinado polo adestrador galego Manu Campos e contou coa presenza do árbitro da Terceira División Ismael González, cedido para este evento pola Federación Galega de Fútbol; o adestrador de fútbol-sala César Sanmamed; o adestrador nacional nivel 3 José Antonio Lodeiro e pola monitoria de tempo libre, Paula Barral.
Entre o 5 e o 9 de xullo no campo de fútbol da Rapeira, os nenos en grupos moi reducidos, en horario de 9 a 14 horas, recibiron formación en tecnificación de fútbol para mellora-las súas habilidades individuales desde un punto de vista integrador no xogo de equipo.
Os adestradores puxeron en marcha un proxecto formativo intensivo que permitiu analizar e personaliza o adestramento de todos e cada un dos 23 nenos asistentes, procedentes dos municipios de Portas, a inmensa maioría, pero tamén de Caldas, Moraña e mesmo Pontevedra.
Ademais, os participantes tiveron actividades lúdicas e de multideporte coa intención de fortalecer a súa formación deportiva combinando as técnicas propias do fútbol coa práctica divertida do fut-bolei, fut-tenis e mesmo fútbol sala grazas as magníficas instalacións municipais cedidas polo Concello para esta actividade formativa.
Manuel Campos agradeceu a colaboración do Concello, do equipo de fútbol do Portas e mesmo do CEIP Domingo Fontán xa que se utilizaron as súas aulas para as actividades teóricas e as charlas protagonizadas polos especialistas convidados a este Campus.
O organizador agradeceu tamén a colaboración a Supermercados Froiz que facilitou o avituallamento durante todas as xornadas e á tenda especializada en deportes, Soccerfactory Pontevedra quen doou varias prendas deportivas e balóns de reglamento oficiais da Liga Española de Fútbol para sortear entre os asistentes.
Pola súa banda, o alcalde, Ricardo Martínez, felicitou aos participantes e organizadores por esta iniciativa e animou aos máis cativos a seguir coa práctica deportiva para “fornecer un estilo de vida saudable onde o deporte xoga un papel fundamental na vosa etapa formativa como persoas e de cara ao futuro”.