O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, inspeccionou o inicio das obras de mellora de camiños en Cachal (Lantaño) incluídas dentro do Plan Marco, impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), e que contempla a construción dun muro de perpiaño que permitirá a contención do terreo unha vez ampliado o acceso a diversas fincas produtivas da veciñanza.
Estas obras de mellora saíron a contratación por un prezo de licitación duns 51.551,98 euros e foron adxudicadas á empresa Covsa por un importe total duns 37.565,9 euros e un prazo máximo de execución de 3 meses. Foi a oferta máis acaída ao pliego de condicións das 11 empresas que se presentaron en aberto ao concurso para realizar estes traballos.
Os traballos que están agora acometendo os operarios de Covsa nos camiños de Cachal, na parroquia de Lantaño, enmárcanse dentro do obxectivo xenérico de mellorar as infraestruturas rurais porque xeran cohesión social e territorial, melloran as condicións de vida e traballo no medio rural. Así, estas obras van dirixidas a facilitar a accesibilidade e vertebrar interiormente o territorio e, por outra banda, contribúen ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrícolas.
O alcalde, Ricardo Martínez, comprobou no inicio das obras, a ampliación da plataforma para uso de vehículos e tamén deu instrucións oportunas aos operarios para facilitar o acceso ás fincas colindantes cos viais mellorados co fin de que os usuarios poidan seguir utilizándoas coa máxima seguridade e operatividade.