O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, supervisou os últimos retoques realizados pola empresa adxudicataria do contrato para continuar coa mellora enerxética emprendida polo Concello e que ten como obxectivo prioritario optimizar a calefacción do Centro de Día e da Galiña Azul, así como varias estancias do complexo da Azucreira a través da conexión de 39 novos radiadores que aproveiten mellor o calor da nova caldeira de biomasa que substitúe á vella existente de de gasóleo.

Esta actuación, que ten un custe de 19.207,11 euros e no que a Deputación asume o 10% do custe, ven a darlle continuidade ao proxecto acollido á liña de axudas para iniciativas en economía baixa en carbono promovidas entidades locais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e xestionada polo IDAE, co obxectivo de conseguir unha economía máis limpa e sostible, e que tivo como obxectivo a substitución da caldeira que abastecía de calefacción á Galiña Azul e ao Centro de Día por outra de biomasa, co seu correspondente depósito inercia e execución de silo que tivera un custe total de inversión de 62.225,28 euros dos cales foron subvencionados por estes organismos 49.780,22 euros.

Os operarios da empresa adxudicataria do contrato apuraron os traballos nestes días de verán co obxectivos de telos completamente rematados canto antes e que os 39 novos radiadores puideran entrar en funcionamento cando foran precisos coa chegada da baixada da temperatura, xa na temporada de outono e inverno.

Segundo o alcalde, Ricardo Martínez, “esta aposta do Concello de Portas pola redución de emisión de CO2 vai parella a toda unha serie de medidas de aforro enerxético que nos temos imposto non so con esta actuación na calefacción no complexo da Azucreira senón tamén nos últimos investimentos en tecnoloxía LED para as luminarias do alumeado público e toda unha serie de iniciativas que estamos pondo en marcha dentro do Pacto de Alcaldías sobre o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) ao que nos comprometimos e que nos permitirá acadar o obxectivo de reducir un 40% a nosa emisión de gases contaminantes no 2030”.

Ricardo Martínez manifestou que “este investimento que agora facemos nos vai permitir a curto e medio prazo un aforro enerxético importante porque non so reduciremos o consumo de combustible actual senón que tamén poderemos dar servizo coas mesmas instalacións a outro edificio máis o que redundará tamén no confort e no beneficio para os usuarios do complexo da Azucreira”, indicou o alcalde de Portas.

Recomendados