A Corporación Municipal de Portas decidiu, por unanimidade, no Pleno Extraordinario celebrado esta mañá un decálogo que recolle o rexeitamento á decisión da Dirección de Abanca de pechar a única oficina bancaria que posúe este municipio e decretar un día de loito oficial para o día 22 de setembro, data prevista do peche da sucursal.

A totalidade dos concelleiros apoiaron a convocatoria de actos de protestas e mobilización e instaron ao goberno municipal a iniciar contactos con outras entidades financeiras ou axentes bancarios co fin de que poidan instalarse no municipio. O Concello de Portas clausurará tódalas súas contas en Abanca no caso de que leve a cabo a decisión anunciada de pechar a súa sucursal no municipio.

Os voceiros municipais coincidiron na necesidade de conservar a unidade de acción e acordaron pendurar mañá na fachada do Consistorio así como noutros lugares estratéxicos varias pancartas de protesta. Tamén confirmaron o seu desexo de convocar unha manifestación unitaria de protesta que terá lugar en datas próximas e que será consensuada entre tódolos grupos unha vez analizadas as mellores opcións para garantir o maior número de persoas posibles neste acto de repulsa cívica cidadá.

DECÁLOGO APROBADO POR UNANIMIDADE POLA CORPORACIÓN

Por outra banda, o Pleno da Corporación Municipal aprobou por unanimidade unha declaración institucional, base da unidade de accións dos grupos presentes na Corporación (PPdeG, BNG, VUP e PSdeG-PSOE), e que se resume nestes dez puntos que enumeramos a continuación:

1.- Expresar ante a Dirección de Abanca, Xunta de Galicia, Goberno Central e Banco de España o seu malestar e rexeitamento total a esta decisión unilateral e inxustificada tomada de xeito irreflexivo pola Dirección de Abanca.

2.- Manifestar á Dirección de Abanca, Xunta de Galicia, Goberno Central e Banco de España o seu desacordo polas consecuencias económicas e sociais negativas que esta decisión traerá para os clientes e usuarios da entidade no municipio.

3.- Responsabilizar á Dirección de Abanca deste ataque contra os dereitos dos nosos maiores, vítimas da fenda tecnolóxica e abandonados á súa sorte á hora de poder cobrar as súas pensións ou atender as súas xestións bancarias.

4.- Comisionar ao Goberno Municipal de Portas a buscar calquera alternativa que permita recuperar o servizo bancario no municipio a través doutra entidade financeira, un asesor bancario ou fórmula similar que poida ser implantada para resolver o problema creado á veciñanza pola marcha de Abanca.

5.- Instar ao Goberno Municipal a retirar de Abanca tódolos fondos dos que dispón o Concello de Portas e aperturar novas contas na entidade que se instale no municipio.

6.- Solicitar ao Goberno Municipal que coordine tódalas accións necesarias de mobilización social para expresar o rotundo desacordo da nosa sociedade coa medida emprendida por Abanca.

7.- Adoptar todo tipo de medidas en defensa dos intereses económicos e sociais dos veciños e veciñas de Portas.

8- Decretar un día de loito e de reivindicación oficial polo peche de Abanca no momento en que se efectúe a clausura da oficina bancaria.

9.- Instar á Xunta de Galicia para que actúe como garante dos Concellos rurais da nosa Comunidade e poida esixir anta as Administracións do Estado que lexislen para velar polo mantemento de servizos básicos nos concellos rurais, estando entre eles a existencia de oficinas bancarias para que non deixen de prestar os seus servizos á veciñanza, ademais para poder garantir o funcionamento da actividade económica destes concellos.

10.- Evitar o despoboamento e o abandono por parte das Administracións públicas tentando lexislar e adoptar medidas que favorezan o asentamento de poboación e a forma de vida rural no noso país como, por exemplo, impedir ás entidades financeiras deixar sen servizos bancarios presenciais ao mundo rural.

Finalmente, e en aras de manter a unidade de acción e coordinar de xeito consensuado as accións a levar a cabo, o alcalde Ricardo Martínez e os voceiros municipais acordaron manterse en contacto permanente para ir tomando as decisións que se consideren oportunas.

Recomendados