O alcalde, Ricardo Martínez, e os voceiros dos grupos municipais do PPdeG, VUP, BNG e PSdeG-PSOE penduraron esta mañá unha pancarta de protesta diante do Consistorio, así como noutros lugares estratéxicos do municipio, en protesta polo anunciado peche de Abanca da única oficina que presta servizos bancarios no concello.

Por outra banda, o alcalde en nome da Corporación deu as instrucións oportunas aos funcionarios municipais para que dean traslado de inmediato dos acordos plenarios adoptados por unanimidade e remitan canto antes o decálogo reivindicativo tanto á Dirección de Abanca como á Xunta de Galicia, Goberno Central e Banco de España, como órgano regulador da actividade bancaria co fin de que se teña coñecemento do proceder unilateral e inxustificado de Abanca solicitándolles amparo ante unha situación que consideran un atentado contra os dereitos dos veciños e veciñas de Portas.

Asemade, os voceiros municipais aprobaron esta mañá o contido da carta que a Corporación Municipal de Portas decidiu enviar a Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, para explicarlle as graves consecuencias que a aplicación desa decisión unilateral de pechar a sucursal suporía para o futuro do municipio e o perxuizos sociais que tería, sobre todo para as persoas maiores, vítimas da fenda tecnolóxica.

No escrito os edís insisten en que o peche “sumirá ao noso concello nunha situación sen precedentes nos últimos anos xa que privará a clientes particulares e empresas de dispoñer da ferramenta crediticia que desde sempre nos acompañou nos bos e nos malos momentos compartindo esforzos por construír un país máis próspero a través do acceso igualitario aos mesmos servizos que calquera outro cidadán residente en Galicia”.

Os concelleiros ratifícanse no seu escrito de que “a fenda tecnolóxica e a imposibilidade de contar cunha rede de transporte axeitada farán que esta decisión inxustificada provoque un desequilibrio e un custe social moi importante nun municipio rural, como o noso, que verá detido o seu avance consolidado dos últimos tempos, como o testemuñan tamén a marcha e o funcionamento da propia sucursal de Portas como receptora de gran parte do tráfico de usuarios doutros lugares e municipios próximos como Caldas de Reis”.

ACUSAN AO PRESIDENTE ESCOTET E ABANCA DE “DESLEALDADE”

A carta recrimina tamén a Juan Carlos Escotet e á dirección de Abanca a “deslealdade” coa Galicia rural en xeral e con Portas en particular. “O noso municipio respondeu sempre con lealdade ás novas esixencias do mercado bancario e ás distintas transformacións que foron sufrindo as caixas galegas ata a chegada de Abanca como herdeira dun pasado glorioso (económico e social) no fornecemento financeiro de Galicia que, agora, con esta decisión unilateral vai camiño de se converter nun cruel acto de deslealdade e de frustración de todo un pobo sen precedentes”, especifican no escrito.

Finalmente, a Corporación Municipal de Portas ínstalle a Juan Carlos Escotet e á Dirección de Abanca a reconsiderar a súa decisión e que non leven a efecto o peche da súa oficina o vindeiro 22 de setembro.

Recomendados