O Concello de Portas está levando a cabo estes días un exhaustivo proceso de limpeza e desinfección dos contedores do servizo público de recollida de lixo co fin de evitar cheiros e implementar medidas sanitarias acordes coa loita e prevención da Covid-19.
Estes traballos de limpeza e desinfección están sendo levados a cabo por unha empresa especializada que extenderá a súa actuación por todo o termo municipal, con especial atención ás zonas rurais.
Estes labores non só consisten no baldear os contedores, senón que se someten a un proceso de limpeza exhaustiva con produtos que axudan a eliminar bacterias e cheiros indesexables, así como elementos de prevención e loita contra a Covid-19.
Así mesmo, e ao mesmo tempo, os operarios municipais proceden a realizar labores de mantemento e reparación daqueles contedores que se atopan en mal estado e, se estan moi deteriorados, procédese ás súas substitución por outros novos de recente adquisición por parte do Concello a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra.
O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, lembra que o municipio dispón dun dos servizos de recollida máis eficientes da provincia, comparable ás grandes cidades, e cun custo moi axustado, moi inferior ao desas urbes, e en sintonía cos municipios existentes na súa área de influencia, aínda así o rexedor recorda que “manter limpo o noso municipio é tarefa de todos e todas xa que é un deber cívico contribuír coa nosa colaboración como veciños e veciñas a que se ensucie o menos posible”, indicou o rexedor.