O Concello de Portas recupera o seu tradicional Xantar da Terceira Idade que se celebrará o vindeiro 12 de outubro no pavillón municipal de deportes e ao que poderán asistir todos os veciños maiores de 61 anos empadroados no municipio que previamente se inscriban e que teñan o certificado de terse vacinado fronte ao Covid-19.

Para facilitar que ninguén se quede sen inscribirse no “XXVIII Xantar da Terceira Idade”, a organización habilitou o teléfono 662 62 04 85 para que aquelas persoas que queiran asistir poidan facer a súa reserva ata este luns, aínda que é festivo local en Portas, e permitir que todo o mundo que así o desexe poida gozar deste reencontro das persoas maiores do municipio.

O evento comezará ás 12 da mañá no pavillón municipal de deportes cun concerto da Banda de Música de Lantaño que se interrumpirá ás 13 horas para que se poida oficiar unha misa de campaña para, posteriormente continuar coa música en directo da devandita agrupación musical.

Na sobremesa terá lugar un monólogo a cargo dun humorista e a actuación dun mago que ofrecerá un espectáculo de prestidixitación para animar aos comensais que se dean cita no pavillón municipal de deportas de Portas.

Segundo o alcalde, Ricardo Martínez, “a celebración desta actividade vén a representar a recuperación simbólica da normalidade despois das restricións por mor da pandemia. A xente ten gañas de verse, de volver recuperar as súas celebracións, as súas actividades e ir pouco a pouco volvendo a vivir en liberdade e con seguridade”.

Pola súa banda a concelleira María Jesús Fontán insistiu na necesidade de que a xente que cumpra os requisitos se anote para participar no evento “para o cal habilitamos o teléfono 662 62 04 85 para que ata o mesmo luns, aínda que é festivo local en Portas, quen queira se poida anotar e ninguén quede fóra. Queremos que todo saia á perfección, respectando en todo momento as medidas anticovid que nos indican as autoridades sanitarias. Animamos aos que todavía non se anotaron que o fagan porque vai ser un reencontro moi especial para todos”, indicou a concelleira.

Recomendados