A Casa de Cultura Domingo Fontán, de Portas, foi o lugar escollido polo escritor Alberto Fortes para presentar o seu último libro sobre o matemático e xeógrafo galego que leva o nome deste centro cultural e que se convertiu no primeiro cartógrafo que foi quen de representar coa precisión científica do momento un mapa exhaustivo de Galicia.

O evento contou coa presenza do alcalde, Ricardo Martínez, o ex director da UNED e de Maxisterio, Gerino Calvo Maquieira e Afonso Ribas Fraga, coordinador de Edicións Laiovento, empresa editora do libro, así como numeroso público que encheu por completo a Casa da Cultura Domingo Fontán. Entre os asistentes estaban o historiador Xosé Fortes Bouzán e a súa dona, así como a filóloga e poetisa Belén Fortes, proxenitores e irmá, respectivamente, do escritor que presentaba o libro.

O alcalde, Ricardo Martínez, deu a benvida aos presentes e agradeceu especialmente ao autor, Alberto Fortes, que escollera a figura do insigne xeógrafo para escribir o seu último libro e salientou a importancia que para Portas e para Galicia enteira ten a figura de Domingo Fontán.

Sen máis, o alcalde deixou paso ao desenvolvemento do acto de presentación que coordinou Afonso Ribas quen deu paso a Gerino Calvo Maquieira quen fixo unha aproximación ao libro e, sobre todo, á capacidade do autor de harmonizar a súa erudición sobre Domingo Fontán coa imaxinación e un dinamismo literario ao longo dos 27 capítulos desta obra que cautivan o interese do lector.

Calvo Maquiera falou do libro como un relato “de lectura obrigada para nenos e nenas así como adolescentes e mestres porque Fontán é un referente para Galicia. Alberto Fortes pon ao descuberto dun xeito sublime e ameno a persuasiva e empática figura de Domingo Fontán, un patriota que creía e traballaba polo desenrolo e o futuro do país”.

A continuación, tomou a palabra Alberto Fortes quen esbozou a vida e a obra de Domingo Fontán, base do relato que inspira o seu libro e reivindicou a necesidade de facer esta presentación na “patria do autor” (Portas) frase que utilizou no seu día o xeógrafo para indicar nos mapas o seu pobo de nacemento.

Alberto Fortes reivindicou a figura de Domingo Fontán como o artífice de que Pontevedra obtivera a capitalidade, ser responsable do trazado do primeiro ferrocarril galego entre Carril e Santiago, a actual división provincial de Galicia, a planificación de estradas interprovinciais así como a realización do primeiro mapa de Galicia mediante métodos científicos e xeodésicos que deron orixe a cartografía galega.

Fortes incursionou sobre o pensamento liberal e inconformista de Domingo Fontán, os seus anos de persecución e sufrimento polas súas ideas, os enfrontamentos coa Inquisición, os padecementos aos que foi sometido, a súa expulsión da Universidade, etc. Tamén falou da súa faceta como político, como deputado en Cortes, así como do seu sacrificado periplo pola xeografía galega, cargado cos seus estaquillóns e facendo levantamentos topográficos do terreo. Segundo Fortes, Domingo Fontán percorreu todas e cada unha das parroquias de Galicia e tiña unha concepción territorial baseada nas comarcas como unidade de agrupamento poboacional e de idiosincrasia galega.

Finalmente, abreuse un turno de palabra e unha pequena charla sobre a figura de Domingo Fontán entre os presentes. O acto rematou coa interpretación do himno galego e un aperitivo facilitado polo Concello de Portas no que aproveitou o público presente para solicitarlle ao autor que lle adicaran os libros adquiridos a Librería Couceiro, que colocou un stand na entrada do centro cultural.

Recomendados