Co motivo da Conmemoración do Día Internacional contra a violencia de xénero, o Concello de Portas, en representación de toda a cidadanía, mostra a súa total repulsa por todas e cada unha das

manifestacións da violencia machista.

Todos e todas sabemos que a violencia contras as mulleres afástanos dos principios xurídicos básicos da igualdade e xustiza social, impedindo o desenvolvemento das liberdades máis elementais.

A pesares de existir unha maior conciencia por parte da sociedade ante esta problemática, somos conscientes de que aínda persisten roles e estereotipos sexistas que, instalados na vida diaria, perpetúan a desigualdade de xénero.

Por iso, dende o Concello de Portas, queremos poñer o foco de atención na comunidade educativa, tendo presente que a prevención é a principal ferramenta para anticiparse a calquera tipo de manifestación.

Así, por unha banda, a campaña “A igualdade a cada paso” levada a cabo no CPI Domingo Fontán pretende representar de forma metafórica o camiño a percorrer para acadar a igualdade de oportunidades e o rexeitamento de calquera forma de violencia contra as mulleres. Pasos que se entrelazan para visibilizar a necesidade de unirse a favor da igualdade, coa finalidade de sementar camiños de xustiza, liberdade e igualdade.

Por outra banda, hoxe tamén é un bo momento para denunciar e romper o silencio. Por iso o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, convócanos a reflexionar sobre o camiño que aínda queda por percorrer para acadar os nosos obxectivos: o dereito das mulleres a vivir sen violencia e a plena igualdade real de oportunidades.

Nesta liña, o Concello de Portas comprométese:

  • A realizar un traballo coordinado entre todos os axentes implicados, para articular os dispositivos de atención e reparación que garanten a recuperación integral das vítimas da violencia machista.
  • A reforzar os esforzos para a implementación de políticas integrais contra a violencia de xénero, deseñadas dende a defensa dos dereitos das mulleres, e dirixidos a promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
  • A promover iniciativas sensibilizadoras dirixidas a toda a cidadanía, impulsando a acción colectiva para a denuncia pública.
  • A seguir a traballar dende a prevención, empregando a ferramenta da coeducación, para a construción dun modelo igualitario entre mulleres e homes dende a primeira infancia.

Recommended Posts