A Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, destinou 90.000 euros para a adquisición dun novo punto limpo móbil que prestará este servizo para o fomento da reciclaxe na agrupación de concellos conformada por Moraña, Portas e Campo Lameiro.


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu este mediodía ao acto de entrega e presentación desta infraestrutura medioambiental na Praza do Concello de Moraña xunto ao alcalde anfitrión, José Cela, e os rexedores de Portas e Campo Lameiro, Ricardo Martínez e Carlos Costa.


“Queremos seguir liderando a xestión ordeada e sostible do lixo e por iso estamos a impulsar a dotación de puntos limpos móbiles nos concellos rurais co obxectivo de achegar ao máximo aos cidadáns a posibilidade de que separen axeitadamente os seus residuos”, comentou o representante autonómico.


O punto limpo móbil de Moraña, Portas e Campo Lameiro vai funcionar de xeito itinerante polas súas contornas rurais e incluso urbanas con estancias periódicas, que en principio serán semanais, para que os veciños de cada zona depositen os seus residuos, mellorando as ratios de reciclaxe, impulsando a separación para a súa reutilización e evitando a conformación de vertedoiros incontrolados.


Esta adquisición foi posible grazas á orde de axudas dirixida a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2019-2020.

Recomendados