A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, vén de impulsar a eficiencia enerxética e a iluminación sostible nos edificios municipais do Concello de Portas cunha achega de 29.329 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA).
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta mañá, acompañado polo alcalde, Ricardo Martínez, esta actuación, consistente na implantación dunha instalación fotovoltaica nas cubertas da casa consistorial, o centro de saúde e a biblioteca municipal para o autoconsumo enerxético destes inmobles.
O proxecto impulsouse por parte do Concello de Portas posto que os gastos eléctricos derivados dos edificios municipais eran bastante considerables, polo que precisaba dun sistema de xeración alternativo, que encaixa á perfección no financiamento do FCA, para diminuír estes custos. A iniciativa complementouse coa colocación, na contorna da Rapeira, dun punto interactivo táctil sobre esta instalación solar e outras cuestións das enerxías renovables orientado á concienciación cidadá.
Deste xeito, o Concello de Portas segue a mellorar as súas infraestruturas e servizos municipais ao abeiro das distintas ordes da Dirección Xeral de Administración Local, que xa lle reportou máis de 430.000 euros nos últimos anos.
“A cooperación cos concellos é clave na acción de goberno da Xunta e, no caso do Fondo de Compensación Ambiental, ten unha gran importancia para fomentar actuacións de sostibilidade como a desenvolvida en Portas, xa que permitirá reducir a factura enerxética municipal, incrementar as accións de conservación do medio ambiente e minguar a pegada de carbono”, sinalou o representante autonómico.
Así mesmo, o delegado territorial tamén informou de que o prazo de solicitude do FCA 2022, na súa liña competitiva, permanece aberto ata o vindeiro 25 de febreiro co obxectivo de colaborar cos concellos en accións de protección medioambiental e busca da eficiencia para os servizos municipais. Esta orde, xunto coa liña non competitiva para os municipios que acollen parques eólicos e que se determina segundo a cifra de aeroxeneradores, conta este ano cun orzamento de 11,3 millóns de euros.
Entre as actuacións que se poden acoller ás axudas do FCA, figuran campañas divulgativas de carácter ambiental, accións de eficiencia enerxética en alumeado público ou dependencias municipais, adquisición de equipamentos eficientes e vehículos eco ou de cero emisións e actuacións que corrixan deterioros ambientais ou impulsen melloras de integración paisaxística.