María del Carmen Ríos García “MUCHA” reside en Santa María de Portas. A súa profesión foi a de carteira como funcionaria de Correos repartindo a correspondencia de catro parroquias pola mañá e adicada á agricultura e aos animais polas tardes. Foi quen de sacar adiante 5 fillos quedando viúva moi nova cunha mínima pensión.

Defínese como reservada, gústalle viaxar, a igrexa, as noticias de actualidade, WhatsApp e Instagram e coidar a horta e as plantas. Sempre viviu en Portas e para ela é o mellor lugar, pois ten todo de bo: servizos, comunicación, coma unha cidade pero coa tranquilidade do rural.

O mellor de ser muller é a capacidade de poder facer ben moitas cousas xuntas, facer dos fogares empresas, pois considera ás mulleres moi versátiles e boas administradoras. Considera que non foi discriminada laboralmente.

Aconsella ás mozas que estuden, lean moito e traballen co obxectivo de ser independentes economicamente e non deixarse asoballar nunca. Recomenda que ao iniciarse nos traballos, débense desempeñar con efectividade.

Os seus plans de futuro son desfrutar dos netos, da casa e instar aos responsables a que recoñezan e valoren o traballo das coidadoras de maiores e dependentes.

Di sentirse certamente emocionada e agradecida cos veciños e veciñas de Portas que sempre a acolleron con cariño ao chegar aos seus domicilios coas cartas e diversas notificacións, todos a axudaron moitísimo. Atesoura grandes afectos, todos permanecen no seu corazón como unha gran familia.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

Recomendados