Elena Estévez Pomar é unha veciña Portas de 46 anos que vive en Lantaño. A súa profesión é a de vendedora ambulante de peixe. Cada madrugada Elena sae cara á lonxa do Berbés, en Vigo, ás 4:00 a.m para traer a Marín, Campañó, Poio, Barro e Portas o mellor do noso mar.
É unha muller moi aficionada ao sendeirismo de montaña, a lecturas de motivación e superación, ao baile. Elena organizou moitos eventos como presidenta da ANPA e participou dende sempre en numerosas actividades culturais do Concello. Gústalle moito vivir no rural e di que o mellor de Portas é poder relacionarse coa súa boa xente. Ten a habilidade de socializar e colaborar coa veciñanza.
Para ela é un privilexio ser muller, pois asegura que “somos capaces de facer ben 10.000 cousas á vez”. Indícanos que non sufriu discriminación laboral nin de xénero en xeral, sempre conseguiu o apoio e respecto. Para acadar a igualdade de xénero sinala que é importante a “confianza en nós mesmas”, poñer metas na vida para loitar e chegar a elas.
Considera que é importante ser autosuficiente. A súa fórmula e consello para as mozas que comezan a traballar é: Traballo + Constancia = Éxito seguro. Emociónase ao falar da súa familia, di que aprendeu a ver doutra maneira a vida coa enfermidade da súa nai que xa era feliz cando os xuntaba a todos.
Actualmente Elena é a que ten este papel dende que a súa nai finou. Asegura que as decepcións e fracasos son ensinanzas da vida pero “non podes esquecer vivir”. Os plans as veces non saen como pensabas, di que é mellor improvisar e recomenda que nunca falte a alegría, cousa que ela transmite na entrevista.
#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado