Áurea Fariña Valiñas é veciña de Xagobe, parroquia de Romai, onde desde hai 93 anos. Esta veciña do concello de Portas, que adicou a súa vida profesional a traballar como autónoma no agro, comenta que xa moi nova “ía ao xornal”.

Áurea confesa que lle gusta moito viaxar e visitar os balnearios máis cercanos. Ten moitas máis afeccións, por exemplo tocar a pandeireta, cantar no coro, e as manualidades que ocupaban parte do seu tempo libre. Considera moi positivo o feito de poder vivir na tranquilidade do concello de Portas.

Síntese orgullosisima de ser nai, e solteira, pois facilitoulle toda a liberdade que nunca quixo abandonar. Aconsella ás mulleres de Portas “que loiten por un salario igual ao dos homes” que debera incluso ser maior, pois di: “antes de saír da casa a muller xa deixa un traballo grande feito e que continúa ao volver”.

Para Áurea é moi importante “ser responsable no traballo” e sobre todo “ter onde traballar que está difícil”. É magnífica a súa axilidade nas respostas e a actividade que segue a desenvolver: cociña, escribe, le, coñece e comenta a actualidade política e pasa moi bos ratos coa súa bisneta que “está sempre a tirar de min”.

Áurea foi nomeada II Alcaldesa de Honra o 28 de maio do 2017, na II Edición da Festa da Dona, por unanimidade a través das distintas asociacións do concello de Portas. É a socia máis antiga da Asociación de Mulleres Rurais e agarda festexar coas compañeiras o 25 Aniversario, e se cadra “ver aínda máis mundo”.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

Recomendados