María Mercedes Abuín Mirás reside desde sempre na parroquia de Lantaño no concello de Portas, e ten 71 anos de idade. Estudou Maxisterio e exerceu como profesora. A súa paixón é e foi a do ensino, pois sempre foi moi activa nas aulas, motivando ao alumnado e facendo as clases amenas e participativas. Entre as súas afeccións atópase o baile tradicional galego, ler moito e camiñar.

Preguntada sobre que é o que lle gusta máis do concello de Portas, Mercedes confesa que é un lugar tranquilo, non conflitivo, con servizos semellantes ós das cidades e coa grandeza da paisaxe, ríos, monte, praia fluvial e roteiros de sendeirismo.

Para Mercedes Abuín, a maior honra de ser muller é poder ter fillos e o máis duro a superioridade coa que moitos homes aplicaban o “ordeno e mando” sobre a muller. “As mulleres non eran valoradas porque non traían un salario á casa”, asegura.

No maxisterio non tivo que enfrontarse á discriminación laboral, foi directora no Colexio Domingo Fontán de Portas ocupando un cargo moi masculinizado entón. Explica Mercedes que para acadar a igualdade entre mulleres e homes é preciso ter presente sempre que é a igualdade en dereitos e tamén a igualdade en obrigas e que ningunha muller permita xamais nin inxustizas nin humillacións.

Mercedes Abuín recomenda que cando as mulleres se incorporen á vida laboral deben ter presente que o traballo é sagrado, os horarios son para ser cumpridos e que procuren que ninguén as teña que reprender por calquera cousa na que alguén superior teña razón e que hai que render e formarse constantemente. Agora, con 71 anos é feliz cos seus fillos e netos.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

Recomendados