María del Mar González Loureiro é unha veciña de Portas de 37 anos nada en San Sebastián. A súa profesión é a de cantante e compositora, liderando actualmente o grupo de Folk Contemporáneo Celta “Ancestros”. Mar xa leva moitos anos vivindo en Lantaño. Destaca que cada día desfruta moito a tranquilidade do rural, pois asegura que é un luxo que non ten prezo.
Dentro da súa traxectoria laboral previa á esta etapa comenta que traballou como teleoperadora e na hostalería. Pero o que move a Mar dende sempre é a súa afección a cantar e a escribir. Saber escoitar, traballar en equipo e ser boa observadora son habilidades que destacan en Mar.
Considera que o mellor de ser muller é ter a capacidade de atopar recursos resolutivos en diversas situacións empregando a empatía e a sensibilidade. “Isto é unha capacidade que temos as mulleres pese aos muros, límites e prexuizos cos que nos atopamos ás veces, para acadar o éxito no emprendemento feminino”, asegura.
“Non consintas que os necios fagan cautiva a túa voz” forma parte da letra dunha das súas cancións e a súa proclama para a igualdade entre mulleres e homes.
Mar suxire que engadindo espírito de sacrificio e crendo en nós mesmas poderemos loitar polas nosas metas. Enfocar o teu destino cara ó que che fai sentir ben é determinante para ser boa profesional e, tamén é preciso esquecer as afirmacións negativas que che puideran facer os demais.
Os seus plans próximos consisten en posicionar ao grupo musical Ancestros transmitindo os valores da cultura e as crenzas do noso pobo, para isto precisa o apoio e a aposta decidida das institucións. Outro plan de futuro a longo prazo é poder publicar o seu libro.
Convida á veciñanza de Portas a descubrir o grupo de Folk Contemporáneo Celta Ancestros e sobre todo recomenda que sexan “persoas emprendedoras de soños sen prexuízos”.