A Corporación Municipal do Concello de Portas aprobou cos votos favorables do PPdeG os Orzamentos Municipais para o presente ano que acada a cifra de 1.890.814,63 euros e que afrontan con realismo os desafíos da nova realidade marcada polo aumento da demanda en servizos sociais, a suba da tarifa enerxética, combustibles, subministros, etc.

Momentos antes de iniciarse o Pleno, a Corporación Municipal aprobou por unanimidade unha declaración institucional de concena sen paliativos do presunto homicidio perpretado contra Jéssica Méndez Iglesias e de apoio incondicional á familia da vítima do lamentable suceso ocurrido hai escasos días.

A maior parte do orzamento, o 87,75% do mesmo está asignado a atender o pago das nóminas do persoal municipal e dos gastos correntes e subministros o que limita en gran medida a capacidade investidora do Concello que ten que recurrir á xestión do equipo de goberno para lograr financiación doutras administracións, como Xunta e Deputación para poñer en marcha proxectos de especial interese para o municipio.

APOIO Á ASOCIACIÓNS E ATENCIÓN AOS SERVIZOS SOCIAIS

A maior aposta do equipo de goberno nos orzamentos municipais céntrase en atender as demandas da veciñanza en materia de servizos sociais, atención no fogar, axudas ao estudio, transporte escolar, ludotecas, finaciamento da escola infantil e subvencións ás asociacións sen ánino de lucro.

O capítulo de obras acometidas con fondos propios, o Orzamento Municipal reserva uns 100.428 euros (o 5,3% do total) que irá destinado a atender as principais demandas que a veciñanza ten en materia de arranxo de estradas, camiños, viais, etc.

Outra partida que se ve incrementada este ano é a destinada á recollida selectiva do lixo como un dos principais compromisos medioambientais que ten asumido o equipo de goberno nesta lexislatura e que está avanzando en combinación con outras iniciativas tendentes ao aforro enerxético e aos compromisos de redución do impacto da pegada de carbono.

APROBADA A PRIMEIRA RPT NA HISTORIA DO CONCELLO

Finalmente, a Corporación aprobou por unanimidade a Relación de Postos de Traballo (RPT), a primeira que se realiza na historia do Concello e que tamén contou co apoio de 11 dos 13 traballadores municipais nunha votación feita para coñecer o seu nivel de aceptación entre a plantilla.

Ricardo Martínez manifestou a súa satisfacción pola aprobación destes orzamentos que cualificou de “realistas, eficaces e eficientes e que responden ás necesidades da veciñanza dentro do equilibro orzamentario e as posibilidades de tesourería que manexa o noso Concello sempre co obxectivo de manter todos e cada un dos servizos á cidadanía sen renunciar a mellorar a prestación dos mesmos e sen que entre en risco de solvencia a economía municipal”, indicou o alcalde.

Recomendados