O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, acompañado polo tenente de alcalde Alfonso Vázquez e os concelleiros Ana Peña e Víctor Estévez, inaugurou esta mañá o Parquing Municipal de Autocaravanas, cualificado polos máis de 200 autocaravanistas presentes como o de maior capacidade e superficie dos existentes en Galicia.

O acto contou tamén coa presenza do presidente da Asociación Galega de Autocaravanas, Manuel Fernández-Arruti que aproveitaron a ocasión para celebrar unha asemblea da entidade e realizar unha serie de actividades lúdicas e turísticas polo concello de Portas entre as que destacan a visita a dúas adegas, un paseo pola Vía Verde e varias saídas por rutas de sendeirismo do concello.

Durante o acto de inauguración, Fernández-Arruti agradeceu ao alcalde de Portas, Ricardo Martínez, a “aposta clara e decidida do Concello por este tipo de turismo cunhas instalacións e un espazo moi interesante e agradable para albergar a visita de autocaravanas, con todo tipo de servizos e moi ben ubicado”.

Pola súa banda, o alcalde Ricardo Martínez deulle a benvida aos máis de 200 autocaravanistas presentes neste acto e animounos a descubrir as marabillas e os atractivos turísticos de Portas e defendeu estas instalacións como “ideais pola súa ubicación para ser base de “lanzamento” para realizar todo tipo de visitas xa que está ubicado en pleno Camiño de Santiago, a un saltiño da ría de Arousa, das comarcas do Ulla-Umia e mesmo da Barbanza e Pontevedra. Ademais temos en Portas mil e unha ofertas turísticas por descubrir que van desde o turismo enolóxico ás adegas, como xa ides a coñecer hoxe, ata a visita ao rico patrimonio arquitectónico civil e relixioso con pazos, igrexas, cruceiros, petos de ánimas, pontes medievais, etc. Sen esquecer a magnífica Azucreira onde estamos e a Vía Verde, que pivota sobre Portas como eixo fundamental, tanto a existente cara Vilagarcía como a que se pretende crear ata Pontevedra”, indicou o alcalde.

MÁIS DE 200 PERSOAS APUNTADAS PARA A VISTA ÁS ADEGAS

A inauguración destas instalacións municipais permite aos membros da Asociación Galega de Autocaravanas coñecer en profundidade os atractivos turísticos e etnográficos do concello de Portas e así os asistentes a este acto visitaron a Adega Viña Cartín “Terras de Lantaño” e Viña Almirante. Tivéronno que facer por quendas xa que anotáronse máis de 200 persoas pertencentes a este colectivo de autocaravanistas.

Pola tarde, os participantes neste evento visitaron a Azucreira de Portas, lugar escollido pola organización para celebrar a Asemblea Xeral Ordinaria deste colectivo na que participarán membros vidos de toda Galicia.

A xornada do domigo 27 de marzo estará reservada ao paseo e ao coñecemento da Vía Verde, no tramo comprendido entre Portas e Caldas de Reis que se fará, no sentido de ida pola estación e volverase polo río. Este roteiro ten unha concepción circular e unha dificultade moderada sobre unha distancia que non chega aos 9 quilómetros.

Recomendados