María Elisa Abalo Méndez, de 81 anos, é pintora autodidacta e vive na parroquia de Lantaño. Nai de catro fillos/as e viúva moi nova, destaca a súa vocación pola familia. Elisa é unha muller afable e próxima con toda a veciñanza de Portas e sobre todo destaca o cariño que lle ten ao seu alumnado, tanto maiores como crianzas aos que imparte clases de pintura.
Pamplona, Santiago, Vilagarcía de Arousa, Zurich son lugares do mundo onde viviu e tamén expuxo a súa obra pictórica. Recordar os anos de nenez e a xuventude, respirar aire puro e o reencontro coa veciñanza considera que é o mellor de residir en Portas.
Para Elisa, ser muller é un privilexio e sobre todo destaca como regalo vital a capacidade de vivir a maternidade. Esta temática está moi presente nas súas obras pictóricas. O peor de ser muller di que pode ser unha vida moi sacrificada e con moitos traballos.
Asegura que foi unha muller que si sufriu discriminación laboral. Normalmente é máis difícil escalar e promocionar no mundo laboral ao ser muller, aínda hoxe seguimos a estar menos valoradas. Aconsella ás mulleres de Portas que sexan decididas e valentes.
Ás mozas que inician á súa vida laboral recoméndalles que sexan responsables e non esquezan defender sempre a outras mulleres ou compañeiras. Pide que se establezan máis axudas para as mulleres e que así poidan desenvolver mellor a súa vida laboral e os seus proxectos de futuro.
Nos seus plans a curto prazo figura o desexo de que algunha institución ou administración coñeza a súa obra sobre o Camiño de Santiago, pretende posicionarse nas redes sociais e organizar unha exposición virtual das súas obras.