Sonia Vázquez Carballo é veciña de Portas onde vive hai 38 anos. Medrou nunha familia adicada xeración tras xeración ao comercio da alimentación. Tomou o relevo xeracional e segue a exercer como autónoma na coñecida Tenda de Alimentación Sonia.

É unha muller afeccionada á xardinería pero tamén nos comenta que lle gusta moito a cociña e a repostería. Considérase unha muller de carácter máis ben serio, respectuosa coas persoas e veciñanza e tamén moi próxima no trato persoal.

Preguntada pola súa opinión sobre o concello de Portas, Sonia destaca a súa tranquilidade, a calma, un lugar onde non acontecen altercados na vida diaria son cualidades que destaca do seu pobo. Para Sonia o mellor de ser muller é poder ser nai, e non atopa ningunha connotación negativa en ser muller.

Dende que comezou a súa andaina laboral nunca se enfrontou a discriminación laboral por ser muller. Aconsella ás mulleres que comezan a traballar que sexan disciplinadas, que traballen no que lles gusta con moitas gañas e sempre con afán de superación dentro do desempeño do seu labor.

No seu futuro próximo desexa mellorar dirixíndose máis cara ao ramo da alimentación, nestas ideas de futuro está a traballar e vai continuar medrando xunto co Agro de Portas no que tamén traballa conxuntamente co seu marido.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

Recomendados