Os veciños de Lantaño honrarán este sábado 30 de abril ao seu patrón, San Pedro Mártir, avogado das colleitas e da reuma, recuperando as celebracións tradicionais entre as que destacan a procesión entre os cruceiros do Culebrón e de Paredes que terá lugar despois da misa das 13 horas.

Despois da tradicional procesión terá lugar un concerto amenizado pola Banda de Música Unión de Lantaño e, a continuación, procederase a degustar uns aperitivos gratuítos para todos os asistentes.

Pola tarde, a partir das 20 horas, terá lugar a actuación do grupo musical Vilamariachi no Centro Cultural Candelas de Lantaño, en caso de que haxa choiva a actuación celebrarase no Auditorio Municipal da Azucreira de Portas.

UN TEMPLO RELIXIOSO DE PROPIEDADE MUNICIPAL DESDE 1995

A capela de San Pedro Mártir, ubicada na parroquia de Lantaño, só se abre ao público a derradeira fin de semana do mes de abril para honrar ao seu patrón, engalanándose o Cruceiro do Culebrón (un dos máis curiosos e vistosos da comarca que posúe representado unha enorme figura dunha serpe enroscada no fuste desta cruz de pedra) cunha coroa de millo para pedirlle unha boa colleita ao santo.

Este templo relixioso é de propiedade municipal desde o 7 de abril do ano 1995 en que foi doado ao patrimonio do Concello de Portas polos señores Gándara Gómez e Remedios Junquera Gómez, herdeiros da familia Buceta Quintáns, e é a admistración local a encargada de garantir o seu mantemento e conservación.

Recomendados