Alumnos do CPI Domingo Fontán de Portas disputarán a final do “Torneo de Xadrez Escolar Nacional por Equipos Tic-Tac Chess” que terá lugar no mes de setembro na localidade madrileña de Alcalá de Henares, despois de impoñerse nun campionato autonómico celebrado no centro comercial Vialia de Vigo.
O alcalde do Concello de Portas, Ricardo Martínez, felicitou aos seis compoñentes do equipo que representará a Galicia nesta finalisima en Madrid e salientou o traballo que realiza o Club de Xadrez da Cultural Deportiva Portas, entidade á que pertencen estes campións galegos.
O equipo formado por Yeray, Lucas, Adán, Brais, Yoel e Manuel impúxose en Vigo ao CEIP García Barbón e a outros dous conxuntos denominados equipos Masterchess A y B que combinaban xogadores de varios colexios de Galicia.
Esta importante xesta prodúcese precisamente no transcurso da celebración do 50º Aniversario da creación do CPI Domingo Fontán en Portas onde a práctica do xadrez forma parte da idiosincrasia do centro e protagonizou cun torneo parte dos actos conmemorativos deste centro escolar coa disputa dun campionato de xadrez.
BÚSQUEDA DE RECURSOS ECONÓMICOS PARA ACUDIR Á FINAL
Por outra banda, ademais da ilusión de poder representar a Galicia, á provincia de Pontevedra, a Portas e ao CPI Domingo Fontán nunha final de trascendencia tan importante como esta a nivel nacional, as seis familias dos integrantes do equipo de xadrecistas están agora disfrutando da ilusión por acadar este éxito, pero tamén comeza un periodo de búsqueda de recursos económicos para facilitar o traslado e a estancia dos participantes e as súas familias na final que se disputará en Alcalá de Henares (Madrid).