O Concello de Portas convértese en pioneiro no fomento do uso de enerxías alternativas ao emprego de combustibles fósiles tras instalar na Rapeira un posto de recarga semirápida para automóviles, bicicletas eléctricas e patinetes. Polo momento, este servizo terá un carácter gratuíto e autoxestionado polos usuarios co que o Concello pretende ofrecer unha alternativa medioambiental sostible.

O custe total do investimento foi de 10.836,23 euros e contou cunha achega de 9.687,59 euros provinte do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Leader) que permite contar con estas instalacións habilitadas a través de dúas prazas de aparcamento sinalizadas en verde no chan e que poderán dar servizo a dous automóbiles ao mesmo tempo cunha potencia máxima de 22 Kw/hora.

Segundo manifestou o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, “esta “electrolinera” terá unha capacidade de recarga de máxima de 22 Kw/hora e permitirá que varios usuarios poidan utilizar ao mesmo tempo este servizo de xeito gratuíto. A nosa intención é ofrecer nun sitio xeoestratéxico, como é A Rapeira (nas proximidades do campo de fútbol, o centro de saúde, o consistorio e a Casa da Cultura) un punto de recarga para facilitar que aquelas persoas que decidiron apostar por outras enerxías alternativas aos combustibles fósiles teñan posibilidades de repostar”.

Para Ricardo Martínez “o ideal é que a xente use con respecto e racionalidade o servizo que, de momento será gratuíto, e que poidan achegarse tanto veciños como visitantes a repostar comodamente mentras fan as súas compras, van ao médico, a unha actividade deportiva, etc. Ao ser un servizo pioneiro seguro que tamén se achegarán visitantes ao noso Concello con vehículos destas características e fomentarase de xeito indirecto tamén o turismo xa que non todo o mundo dispón deste servizo que é cada vez máis demandado por aquelas persoas que apostaron por algún tipo de vehículo eléctrico”, indicou Martínez.

UN CONCELLO COMPROMETIDO COA SOSTENIBILIDADE, QUE APOSTA POLO AFORRO ENERXÉTICO E O RESPECTO MEDIOAMBIENTAL

O alcalde de Portas lembrou que o municipio está levando a cabo nos últimos tempos unha aposta clara e decidida polo medio ambiente, baseado en cumprir cos obxectivos do Pacto de Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES) que prevé unha redución do 30% das emisións contaminantes. Así, o Concello levou a cabo un ambicioso proceso de substitución das luminarias tradicionais por outras Led de baixo consumo en practicamente todo o municipio, optimizouse a caldeira de pellets no complexo sociocultural da Azucreira e se instalaron placas solares que abastecen de enerxía aos edificios de titularidade municipal.

“O futuro está no uso racional e sostible da enerxía en perfecta harmonía co medio ambiente. Todos, na medida das nosas posibilidades, temos que contribuir a loitar contra o cambio climático e por facer máis habitable medioambientalmente o noso planeta e o noso espazo máis próximo”, indicou o alcalde de Portas quen insistiu en que “esta é unha experiencia pioneira na que temos depositadas moitas ilusións e agora agardamos un uso responsable da veciñanza e un aproveitamento racional deste recurso que, inicialmente, poremos a disposición do público dun xeito gratuíto”, concluiu Ricardo Martínez.

Recomendados