O ALUMNADO DO CPI DOMINGO FONTÁN DE PORTAS CONMEMORA O 25-N CUN MURAL FEITO CON DESEXOS DOS NENOS E NENAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O alumnado do CPI Domingo Fontán de Portas conmemorou o 25-N, Día Internacional pola eliminación da Violencia de Xénero contra as Mulleres, con diversos actos reivindicativos entre os que destacan a lectura dun manifesto por parte do alcalde, Ricardo Martínez, e a confección dun mural a base de tarxetas escritas polos nenos e nenas con “desexos” e consignas pola supresión da violencia de xénero.

O acto contou coa presenza do alcalde de Portas, Ricardo Martínez, a concelleira Ana Peña Maquieira, o director do CPI Domingo Fontán, Luís Villaverde Platas e o corpo docente así como a totalidade do alumnado que tamén colaborou na elaboración dunha bugambilla da cal os nenos nenas foron pendurando debuxos das súas mans en solidariedade coas vítimas da violencia de xénero.

No manifesto, lido polo alcalde, fixo fincapé no compromiso explícito que o Concello de Portas ten en contra da violencia de xénero e instou ás novas xeracións a medrar en igualdade, con respecto e rexeitando calquera comportamento agresivo e díxolles que “vós sodes o futuro e tedes un importante papel por diante que non é outro que contribuír co voso esforzo a construir unha sociedade mellor e un futuro en igualdade, respectuoso e non violento”.

Finalmente, Ricardo Martínez sinalou que “todos temos que poñer todo o que poidamos da nosa parte para impedir que exista violencia no mundo, especialmente contra as mulleres e as nenas. Temos que ser corresponsables todos dun novo modelo de comportamento onde o respecto, a igualdade e o bo trato entre homes e mulleres sexa o camiño por onde nos teñamos que conducir sempre”.

O CONCELLO DE PORTAS CONMEMORA O 25-N, DÍA INTERNACIONAL POLA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO CONTRA AS MULLERES

🟣 Con motivo da Conmemoración do Día Internacional contra a violencia de xénero, o Concello de Portas, en representación de toda a cidadanía, mostra a súa total repulsa por todas e cada unha das manifestacións da violencia.

Todos e todas sabemos que a violencia de xénero afástanos dos principios xurídicos básicos da igualdade e xustiza social, impedindo o desenvolvemento das liberdades máis elementais.

A pesares de existir unha maior conciencia por parte da sociedade ante esta problemática, somos conscientes de que aínda persisten roles e estereotipos sexistas que, instalados na vida diaria, perpetúan a desigualdade de xénero.

O Concello de Portas, desenvolve desde hai anos numerosas accións contra a violencia de xénero e ven impulsando, con carácter permanente e de proximidade, distintas actuacións para contribuír a loitar contra esta problemática estrutural.

Hoxe, 25 de novembro, o Concello de Portas volve renovar o seu compromiso irrenunciable de loita e condena contra a violencia de xénero, amosando ademais, o noso rexeitamento de quen as exerce e da complicidade de quen as silencia.

O Concello de Portas proclámase “CONCELLO CON TOLERANCIA CERO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO”.

A XUNTA INFORMA DA APROBACIÓN DO ACORDO DA ZONA DE CONCENTRACIÓN PARCELARIA DE BRIALLOS, NO CONCELLO DE PORTAS, AOS 713 PROPIETARIOS

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, informou na xornada de hoxe da aprobación do Acordo reestruturación parcelaria da Zona de Concentración de Briallos, no Concello de Portas, nun encontro celebrado cos 713 propietarios beneficiarios de dito proceso na antiga Azucreira.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xefe territorial da Consellería do Medio Rural, Antonio Crespo, presidiron esta mañá esta reunión informativa, que tamén contou coa presenza do alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e de técnicos de Infraestruturas Agrarias. Na mesma explicouse que nos vindeiros días os propietarios comezarán a recibir as notificacións individuais das fincas resultantes que se lles adxudican a cada un deles e da apertura do proceso de exposición pública.

A parcelaria de Briallos, cuxas bases definitivas adquiriron firmeza en outubro do pasado ano, viu como o Acordo de reestruturación parcelaria recibiu o informe favorable da xunta local e, posteriormente, a comezos do presente mes de novembro, foi aprobado pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

Neste momento, e tras a próxima recepción das notificacións por parte dos donos, abrirase a fase de información pública dos planos, que estarán expostos na web da Consellería do Medio Rural e na antiga escola de Briallos. Os beneficiarios disporán dun prazo dun mes -dende o día seguinte á recepción da súa notificación- para interpoñer, se así o consideran, un recurso de alzada contra a súa concesión e de dous meses para a realización de permutas de mutuo acordo. En caso de que as reclamacións non superen o 6% do total, podería procederse á toma de posesión provisional dos novos predios.

Paralelamente, a Consellería do Medio Rural está a finalizar os traballos de colocación dos marcos nas fincas resultantes para facilitar a visualización e localización por parte dos donos e tamén encargou a execución da rede de camiños secundarios e da mellora dos camiños principais deste proceso de reestruturación por un importe de 581.000 euros e un prazo de execución de doce meses. Esta última actuación está pendente da recepción dos permisos sectoriais doutros organismos, polo que se prevé que comece nos primeiros meses do vindeiro ano.

A concentración parcelaria de Briallos comprende os lugares de Barosa, Bouza, O Castro, Cima de Vila, O Cruceiro, A Igrexa, A Maquieira e O Outeiriño e ten unha superficie de 338 hectáreas, das que o 45% son de actividade agrogandeira e o 55% restante para uso forestal. As 3.688 parcelas iniciais tiñan unha superficie media de 918 m2, pero os traballos de reagrupación permiten reducilas a 1.355 cunhas dimensións de 2.362 m2, o que facilita a operatividade e o desenvolvemento dos traballos de campo. Ademais, a propiedade estará moito máis concentrada, xa que os 713 beneficiarios pasarán de ter unha media de 5,17 parcelas a só 1,90.

Ata a data, a Xunta de Galicia xa investiu preto de 2,2 millóns de euros neste proceso, dos que máis de 1,5 millóns correspondéronse con obras físicas, mentres que a contía restante destinouse aos traballos de carácter técnico.

O CONCELLO, EN COLABORACIÓN CO CPI DOMINGO FONTÁN ORGANIZA CHARLAS PARA CONMEMORAR O 25 N, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Con motivo da conmemoración do 25 de Novembro como Día Internacional contra a Violencia de Xénero o Concello de Portas, en colaboración co Colexio C.P.I. Domingo Fontán, organiza varias charlas sobre relacións afectivas saudables e de prevención da violencia de xénero coa finalidade de proporcionar ao alumnado os coñecementos axeitados sobre o paradigma de xénero e como se constrúe e afecta ás nosas vidas desde un punto de vista afectivo- sexual, desmitificando a pornografía como axente educativo sexual e reflexionando sobre o  amor, o enamoramento, o amor romántico, etc.

Estas actividades realízanse ao abeiro das medidas sinaladas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría do Estado de Igualdade e contra a violencia de xénero.

O ALCALDE DE PORTAS ASISTE CONVIDADO A SANTIAGO A UN ENCONTRO DO PACTO DAS ALCALDÍAS PARA A CLIMA E A ENERXÍA EN GALICIA

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, asistiu como convidado a un acto celebrado en Santiago baixo o título “Balance e perspectivas de futuro do Pacto das Alcaldías para a Clima e a Enerxía en Galicia”.

Nesta xuntanza que foi clausurada pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, abordáronse temas de especial interese para os concellos a través de charlas, conferencias e mesas redondas onde se puxeron de relevo diversos puntos de vista desde a administración autonómica, a Unión Europea e, por suposto, os concellos galegos.

Deste xeito, o Concello de Portas está presente nos retos de futuro de Galicia e do noso concello.

A CASA DA CULTURA DE PORTAS ACOLLE, O MARTES 29 DE NOVEMBRO, UNHA CHARLA INFORMATIVA SOBRE AS COMUNIDADES ENERXÉTICAS

A Casa da Cultura do Concello de Portas acolle o vindeiro martes 29 de novembro, a partir das 19 horas, unha charla informativa sobre as comunidades enerxéticas. Durante este encontro aberto á participación de calquera veciño, poderase informar como funcionan estas novas comunidades enerxéticas que están xurdindo e que contan con importantes subvencións para poñelas en marcha. A este acto poden ir membros de comunidades de montes, asociacións de veciños, colectivos sociais e persoas a título individual.

OS CONCELLOS DE CUNTIS, CALDAS DE REIS, BARRO, MORAÑA E PORTAS VAN POÑER EN MARCHA UN NOVO PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO

Os concellos de Cuntis, Caldas de Reis, Barro, Moraña e Portas van poñer en marcha un novo Programa Integrado de Emprego cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal. Nos proxectos precedentes conseguiuse unha alta porcentaxe de colocación das persoas participantes no programa.

As persoas que poden participar son aquelas que sexan demandantes de emprego e que estean empadroadas nalgún dos cinco concellos mencionados e que pertenzan aos colectivos aos que vai orientado o programa.

Dentro das accións previstas vanse a levar a cabo diferentes cursos, así como prácticas en empresas da comarca. Todas as persoas inscritas no programa percibirán unha axuda de 7 euros/ día pola súa asistencia ás diferentes actividades nas que participen. Tamén se contempla a posibilidade de sufragar servizos de gardaría para aquelas persoas que teñan fillos ao cargo, para facilitarlles a súa participación no programa.

Todas as persoas interesadas poden poñerse en contacto nos teléfonos dos concellos. O de Portas é o 986 53 69 25.

O CONCELLO DE PORTAS, XUNTO COS DE MORAÑA E CAMPO LAMEIRO, POÑEN EN MARCHA UN PROGRAMA PARA FACILITAR A COMPOSTAXE DOMÉSTICA

Dende a agrupación de concellos anímase á veciñanza a inscribirse ao proxecto de compostaxe doméstica, implicando así a Moraña, Portas e Campo Lameiro na loita contra o cambio climático.  Este proxecto axuda tanto a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible como a reducir a pegada de carbono.

Con esta aposta pola compostaxe, preténdese que os residuos orgánicos xa non cheguen aos colectores da rúa, pechando así o ciclo da materia orgánica nos propios fogares.

A iniciativa conta coa financiación da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

O seguimento da campaña prolongarase durante un ano e nela participa O Camiño Sostible. Esta asociación sen animo de lucro ten como obxectivo crear e fortalecer unha rede de persoas e entidades que compartan e divulguen as súas experiencias, proxectos e esforzos por vivir nun mundo máis sostible.

Para participar, de balde, no programa é necesario completar un formulario online (https://www.elcaminosostenible.org/biorresiduos) ou enviar un correo electrónico a  biorresiduos@elcaminosostenible.org.

Unha vez inscritas as familias, serán contactadas vía telefónica para proceder á instalación do composteiro na casa. O día da instalación recibiran unha breve formación por parte dun experto en compostaxe. Durante todo o ano darase seguimento ao programa, facendo visitas aos fogares, enquisas e formación continua.  

A veciñanza terá a súa disposición o número de teléfono 690 145 190 (chamadas e WhatsApp) e o correo electrónico biorresiduos@elcaminosostenible.org para resolver calquera tipo de dúbida. Este servizo esta atendido por un biólogo experto en compostaxe.

O único requisito para formar parte deste programa é ser veciño/a do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto/a e motivado/a para formar parte deste proxecto educativo e formativo.

O AUDITORIO DA AZUCREIRA DE PORTAS ACOLLE ESTE DOMINGO O ESPECTÁCULO “BERNARDA. VILALBA 1975” DENTRO DO PROGRAMA “TORNAR ÁS TÁBOAS”

“Malasombra” ofrecerá este domingo 20 de novembro, a partir das 19 horas, no Auditorio da Azucreira de Portas a obra de teatro “Bernarda. Vilalba 1975”, Premio María Casares 2020 ao mellor espectáculo, texto orixinal, dirección e actriz secundaria. Esa actividade inclúese dentro do programa “Tornar ás Táboas”, da Deputación de Pontevedra e conta coa colaboración do Concello de Portas.

“Bernarda. Vilalba 1975” é un espectáculo teatral inspirado na célebre obra “La casa de Bernarda Alba”, de Federico García Lorca. Precisamente con esta obra de Lorca comparte o punto de partida, para centrarse no choque xeracional entre unha viúva que decreta o estado de loito e as súas dúas fillas, aínda novas, na sociedade galega de mediados dos anos 70.

A sinopse céntrase na historia de Bernarda, unha muller que queda viúva o mesmo día da morte de Franco. Ten dúas fillas novas e xemelgas. Bernarda decreta un rigoroso loito. Durante dous anos non poderán ver a televisión, escoitar a radio nin ler revistas. Durante este tempo só poden saír de casa para ir á igrexa, á tenda ou ao cemiterio. As contras deberán permanecer pechadas día e noite. Fóra, a sociedade da transición está a cambiar. Dentro, Bernarda fai todo o posible para que eses cambios non entren na súa casa.

Esta obra que se representará na Auditorio da Azucreira de Portas é un texto orixinal de Jose Prieto, que nos retrata a vida de dúas xeracións de mulleres galegas durante a Transición española.

O elenco desta obra está composto polas actrices cunha traxectoria no mundo do teatro e no audiovisual moi contrastado. Así, figura Luisa Merelas, a piques de cumprir medio século sobre os escenarios (desde

1970). É unha das grandes actrices da nosa terra. Recoñecida con premios como “Maruxa Villanueva de interpretación 2008”, “Premio María Casares á mellor actriz secundaria 2013” ou “Xociviga de honra 2019”. Participou en series como Néboa (RTVE), Fariña (Antena3), Piratas (Tele5), e máis dunha decena da TVG, entre as que se atopa “Matalobos”, pola que foi nomeada a mellora actriz nos “Premios Mestre Mateo”. En cine, actuou en Os Luns ao Sol, Heroína, Lobos Sucios, O Ano da Garrapata, Entre Bateas, etc.

Outra das actrices é Celia González, “Premio María Casares á mellor actriz secundaria 2020”. Esta xoven actriz, graduada en Árte Dramático pola E.S.A.D., xa conta con sete espectáculos profesionais ás súas costas, con traballos nas compañías Teatro do Morcego, Triatreiros e Malasombra. Ultimamente puidemos vela dando os seus primeiros pasos no audiovisual na serie de Tele 5 “Vivir sen permiso”, así como as súas primeiras participacións en cinema nas longametraxes “Dogs” e “Kauslanders”.

A terceira actriz é Esther Aja, bailarina cántabra e profesora de interpretación afincada en Galicia desde 2017 que conta con máis de 15 anos de experiencia na escena profesional estatal. Participa en numerosas xiras por Europa e América con espectáculos como “Cartas a las golondrinas” (Premio MAX 2013), “Cucu Haiku” (Premio FETEN 2013), “Dulce de leche” (Mención especial no Festival Iberoamericano Cume das Américas), “Los viajes de Petit” (Nomeada aos Premios MAX 2007), “Iglú” ou “Diosas del olvido” entre moitas outras.

O AUDITORIO DA AZUCREIRA DE PORTAS ACOLLE ESTE DOMINGO O ESPECTÁCULO “BERNARDA. VILALBA 1975” DENTRO DO PROGRAMA “TORNAR ÁS TÁBOAS”

Esta obra teatral, baseada nun texto de García Lorca, retrata a vida de dúas xeracións de mulleres galegas durante a Transición española

Portas, 16 de novembro de 2022

CRUZ VERMELLA E O CONCELLO DE PORTAS POÑEN EN MARCHA UN OBRADOIRO DE MEMORIA DIRIXIDO Á POBOACIÓN MAIOR DE 65 ANOS

Cruz Vermella Españla, en coordinación co Concello de Portas, desenvolverá un taller de memoria dirixido á poboación do concello de máis de 65 anos entre o 8 e o 14 de novembro todos os martes de 16:30 a 18 horas na Casa de Cultura.

Coa finalidade de fomentar o envellecemento activo, realizaranse actividades de estimulación cognitiva co obxectivo de previr, mellorar ou compensar o deterioro cognitivo que pode producirse coa idade.

  • LUGAR: CASA DE CULTURA
  • PRAZO DE INSCRICIÓN: 8 – 14 DE NOVEMBRO
  • PRAZAS LIMITADAS (mínimo 15 persoas)
  • HORARIO: MARTES DE 16:30- 18H.
  • COMEZO TALLER: 15 DE NOVEMBRO
  • ACTIVIDADE GRATUITA