LUIS LÓPEZ CONFÍRMALLE AO ALCALDE RICARDO MARTÍNEZ QUE A XUNTA EXECUTARÁ OU ACTIVARÁ 600.000€ EN INVESTIMENTOS NOS VINDEIROS MESES NO CONCELLO DE PORTAS

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este mediodía que o Goberno galego executará ou activará investimentos por 600.000 euros nos vindeiros meses no Concello de Portas, segundo se analizou na sesión mensual de novembro da Comisión Territorial de Coordinación da Delegación da Xunta en Pontevedra celebrada hoxe no salón de plenos da Casa do Concello.

Luis López, que xunto aos xefes territoriais foi recibido polo alcalde, Ricardo Martínez, e por outros membros do goberno local, concretou que os próximos investimentos serán a depuradora de Ponte Chaín, o acondicionamento integral da zona exterior do albergue, o PIR en Portas e a parcelaria de Briallos.

O CONCELLO DE PORTAS, PRESENTE NO QUINTO EVENTO DO PROXECTO “CULTURAL HERITAGE-A FOUNDATION FOR BUILDING EUROPE´S FUTURE”

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, asistiu ao quinto evento do proxecto “Cultural Heritage-A Foundation for Building Europe´s Future”, da Rede de Cidades do programa “Europe for Citizens” que se celebrou esta mañá en Santiago de Compostela.

A inauguración correu a cargo do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e a este evento asistiron representantes de 10 países: Malta, Francia, Estonia, Lituania, Eslovaquia,Hungria, Italia, Letonia, Grecia, Portugal y España, (son alcaldes, concelleiros e representantes da sociedad civil).

Portas contribúe coa súa experiencia á construción social da Europa dos pobos e dos cidadáns.

O CONCELLO RECURRE Á LIÑA DE AXUDAS DA DEPUTACIÓN POLA SECA PARA REPOÑER O MATERIAL DESTROZADO POLOS LADRÓNS QUE ASALTARON A ETAP DE ROMAI

O Concello de Portas acudiu á liña de axudas económicas a entidades locais para realizar actuacións de emerxencia que garantan o abastecemento de auga potable domiciliaria ante a situación de seca postas en marcha pola Deputación de Pontevedra para repoñer o material destrozado polos ladróns que asaltaron a ETAP de Romai.

O importe total da subvención solicitada a Deputación de Pontevedra ronda os 10.000 euros e van destinados a atender, pola vía de urxencia, a dotación de material informático, medidores, dosificadores de cloro e todo o sistema automatizado que daba cobertura á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Portas que foi totalmente inutilizada e destrozada por un grupo de asaltantes que acabaron levándose unha das dúas electrobombas que prestaban servizo alí.

Con urxencia e para evitar que os veciños e veciñas das parroquias de Lantaño, Portas e Romai se quedaran sen abastecemento domiciliario de auga potable, os operarios municipais e os da empresa instaladora do sistema automatizado da ETAP lograron en tempo récord habilitar un sistema provisional para dar subministro, pero que agora se tivo que completar cun novo en substitución do existente.

O alcalde, Ricardo Martínez agarda que a Deputación de Pontevedra sexa sensible a esta petición que encaixa perfectamente no espírito desta liña de axudas coa que o ente provincial colabora cos concellos da provincia para facer fronte aos efectos da seca e, como neste caso, aos problemas urxente sobrevidos en materia de abastecemento de auga potable domiciliaria.