O Concello de Portas acudiu á liña de axudas económicas a entidades locais para realizar actuacións de emerxencia que garantan o abastecemento de auga potable domiciliaria ante a situación de seca postas en marcha pola Deputación de Pontevedra para repoñer o material destrozado polos ladróns que asaltaron a ETAP de Romai.

O importe total da subvención solicitada a Deputación de Pontevedra ronda os 10.000 euros e van destinados a atender, pola vía de urxencia, a dotación de material informático, medidores, dosificadores de cloro e todo o sistema automatizado que daba cobertura á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Portas que foi totalmente inutilizada e destrozada por un grupo de asaltantes que acabaron levándose unha das dúas electrobombas que prestaban servizo alí.

Con urxencia e para evitar que os veciños e veciñas das parroquias de Lantaño, Portas e Romai se quedaran sen abastecemento domiciliario de auga potable, os operarios municipais e os da empresa instaladora do sistema automatizado da ETAP lograron en tempo récord habilitar un sistema provisional para dar subministro, pero que agora se tivo que completar cun novo en substitución do existente.

O alcalde, Ricardo Martínez agarda que a Deputación de Pontevedra sexa sensible a esta petición que encaixa perfectamente no espírito desta liña de axudas coa que o ente provincial colabora cos concellos da provincia para facer fronte aos efectos da seca e, como neste caso, aos problemas urxente sobrevidos en materia de abastecemento de auga potable domiciliaria.

Recomendados