Dende a agrupación de concellos anímase á veciñanza a inscribirse ao proxecto de compostaxe doméstica, implicando así a Moraña, Portas e Campo Lameiro na loita contra o cambio climático.  Este proxecto axuda tanto a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible como a reducir a pegada de carbono.

Con esta aposta pola compostaxe, preténdese que os residuos orgánicos xa non cheguen aos colectores da rúa, pechando así o ciclo da materia orgánica nos propios fogares.

A iniciativa conta coa financiación da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

O seguimento da campaña prolongarase durante un ano e nela participa O Camiño Sostible. Esta asociación sen animo de lucro ten como obxectivo crear e fortalecer unha rede de persoas e entidades que compartan e divulguen as súas experiencias, proxectos e esforzos por vivir nun mundo máis sostible.

Para participar, de balde, no programa é necesario completar un formulario online (https://www.elcaminosostenible.org/biorresiduos) ou enviar un correo electrónico a  biorresiduos@elcaminosostenible.org.

Unha vez inscritas as familias, serán contactadas vía telefónica para proceder á instalación do composteiro na casa. O día da instalación recibiran unha breve formación por parte dun experto en compostaxe. Durante todo o ano darase seguimento ao programa, facendo visitas aos fogares, enquisas e formación continua.  

A veciñanza terá a súa disposición o número de teléfono 690 145 190 (chamadas e WhatsApp) e o correo electrónico biorresiduos@elcaminosostenible.org para resolver calquera tipo de dúbida. Este servizo esta atendido por un biólogo experto en compostaxe.

O único requisito para formar parte deste programa é ser veciño/a do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto/a e motivado/a para formar parte deste proxecto educativo e formativo.

Recomendados