A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, acaba de dotar de doce puntos limpos móbiles ao servizo mancomunado da xestión do lixo dos Concellos de Portas, Campo Lameiro e Moraña cun investimento de 72.000€.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu esta mañá ao acto de entrega e presentación destas infraestruturas medioambientais na Azucreira de Portas xunto ao alcalde anfitrión, Ricardo Martínez, e os rexedores de Moraña e Campo Lameiro, José Cela e Carlos Costa.

Os bos resultados acadados en materia de reciclaxe fan que os tres concellos decidiran incrementar e reforzar este servizo e veñen de beneficiarse novamente do citado financiamento ao abeiro das axudas para o tratamento de residuos de competencia municipal. Así, agora disporán de 13 puntos limpos móbiles que se distribuirán, atendendo á poboación, en Moraña (5), Portas (4) e Campo Lameiro (4).

O obxectivo desta actuación pasa pola prevención medioambiental e o impulso da recollida, separación e clasificación adecuada dos residuos especiais para o fomento da reutilización e a reciclaxe, evitando a aparición de vertedoiros incontrolados, especialmente en zonas naturais. Entre os materiais susceptibles de depósito nestes puntos limpos móbiles figuran os tóner, cartuchos de impresora, pinturas, vernices, lámpadas, tubos fluorescentes, pequenos electrodomésticos, pilas, baterías, xoguetes, pezas de metal ou aerosois, entre outros.

Recomendados