A XUNTA FINANCIA A ADQUISICIÓN DUNHA FURGONETA ELÉCTRICA PARA OS SERVIZOS MUNICIPAIS DO CONCELLO DE PORTAS CUNHA ACHEGA DE CASE 30.000€ DO FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vén de financiar a adquisición dunha furgoneta eléctrica para os servizos municipais do Concello de Portas cunha achega de case 30.000 euros ao abeiro da liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) correspondente ao 2022.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, acompañados doutros representantes do goberno local, presentaron esta mañá este novo vehículo de cero emisións que atenderá as necesidades dos departamentos de Obras, Servizos e Medio Ambiente e que supuxo un investimento de preto de 35.000 euros.

“O Concello de Portas leva anos apostando pola optimización enerxética e a implantación de tecnoloxías eficientes e respectuosas co medio ambiente na súa atención aos veciños, xa que quere prestar uns servizos municipais da máxima calidade ao tempo que reduce as súas emisións e por todo iso adoita beneficiarse destas axudas da Xunta de Galicia”, sinalou o representante autonómico, que revelou que o Goberno galego vai outorgarlle tamén 146.718 euros a este municipio ao abeiro do Fondo de Cooperación Local (FCL).

Cómpre sinalar que, ao abeiro das ordes de achegas da Dirección Xeral de Administración Local, o Concello de Portas recibiu case 500.000 euros nos últimos anos e moitas destas axudas orientáronse á posta en marcha de servizos municipais máis eficientes, xa que no exercicio anterior financiou co Fondo de Compensación Ambiental a colocación de instalacións fotovoltaicas para surtir de enerxía aos edificios municipais da contorna da Casa do Concello na rúa Rapeira.

Por outra banda, Luis López destacou o “forte compromiso” da Xunta cos concellos na protección e mellora do medio natural a través do citado Fondo de Compensación Ambiental, dotado na convocatoria deste ano 2023 con máis de 11 millóns de euros e ao que xa se poden acoller as entidades locais interesadas. Esta orde de axudas está dirixida a concellos, mancomunidades e consorcios locais para subvencionar accións como campañas divulgativas, melloras de eficiencia enerxética, integracións paisaxísticas ou proxectos para evitar a degradación ambiental, entre outras. O prazo da convocatoria aínda permanece aberto ata o 27 de febreiro.

A esta iniciativa súmase a orde para a creación e mellora de infraestruturas vinculadas aos servizos municipais, dotada con 3,5 millóns de euros e cuxa convocatoria quedou pechada hai uns días.

O CONCELLO DE PORTAS HOMENAXOU AOS DEPORTISTAS LOCAIS QUE AO LONGO DO PASADO ANO SE DESTACARON POLOS TRIUNFOS CONSEGUIDOS

O Concello de Portas rendiu homenaxe aos deportistas que ao longo do ano pasado acadaron relevancia e conseguiron importantes recoñecementos polo seu traballo en disciplinas como o taekwondo, o xadrez a hípica ou o fútbol. Así, o alcalde, Ricardo Martínez, destacou o seu traballo e animounos a seguir impulsando “a cultura do esforzo e a deportividade” ao tempo que agradeceu que “levaran o nome de Portas por Galicia e España enteira”.

Este acto de homenaxe estivo presentado pola concelleira Ana Peña quen foi dando paso ás distintas actividades que se foron desenvolvendo sobre o escenario como unha demostración de taekwondo e un vídeo co saúdo emocionado do futbolista profesional David Goldar Gómez que non puido asistir á gala recollendo o galardón no seu nome a súa familia.

Recibiron o recoñecemento público do Concello de Portas na categoría de taekwondo os membros do Club Número Phi, que adestra a campiona de España absoluta, Lúa Piñeiro, a taekwondista Ekaterina Rebón Fedorova, campiona de España cadete e campiona de España por clubes; Nuria Angueira Varela, campiona galega cadete; Roi Mosteiro Ares, campión galego escolar; Mariña Mosteiro Ares, subcampiona de España pre-cadete; Alejandro López González, subcampión galego cadete; Lara Cayón Saborido, campionata provincial escolar; Yago Castro Ruibal, bronce Copa Xunta Técnica e bronce Cidade de Pontevedra de Combate; Xavi Castro Ruibal, ouro campionato galego de Técnica e campión galego Promesas.

En hípica recibiu tamén o seu recoñecemento Inés Martínez Barros, medalla de ouro Copa Galega Proba Clásica. Pola súa banda, en fútbol recibiu unha homenaxe David Goldar Gómez, xogador do U.D. Ibiza e do Burgos; Andrea Villadeamigo Buceta, Club Interrías de Fútbol Feminino; e Raúl Diz Fariña, xogador do Pontevedra C.F.

En xadrez recibiron o aplauso e o recoñecemento do público os membros do Club de Xadrez da Cultural Deportiva Portas, adestrados polo mestre Javier Fernández Costas, que gañaron o Campionato Escolar por equipos Tic-Tac Chess a nivel de toda España 2022 e que son Yeray Fernández Outón, Lucas Fariña Vázquez, Brais González Fontán, Adán Pomar Fariña, Yoel Duarte Blanco e Manuel Abal Susavila.

Antes de rematar o evento, o mestre Javier Fernández proxectou unha recopilación de fotografías sobre o periplo do Club de Xadrez que os levou a ser campións de España onde se recolleron momentos emotivos e de competición polos que pasaron os rapaces ata conseguir o triunfo final e levantar a copa acreditativa como gañadores deste torneo escolar a nivel nacional.

O alcalde, Ricardo Martínez, deu por rematado o acto sen antes amosar novamente o orgullo e a ledicia da veciñanza de Portas por contar con nenos e nenas tan sobresaíntes no mundo do deporte.

A XUNTA GARANTE A CONTINUIDADE DA UNIDADE DE ATENCIÓN TEMPERÁ DE PORTAS, CUNTIS, MORAÑA, BARRO, CATOIRA E CALDAS DE REIS CUNHA ACHEGA DE 250.000 €

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, vén de garantir a continuidade da unidade de atención temperá da bisbarra do Umia, que atende ás familias dos concellos de Portas, Cuntis, Moraña, Barro, Catoira e Caldas de Reis, cunha achega de 246.118 euros. Deste xeito, este servizo, orientado a favorecer o desenvolvemento de cativos de ata seis anos con dificultades, manterase operativo alomenos dous anos máis, ata finais de 2024.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, confirmou esta mañá o financiamento autonómico que garante o futuro desta unidade tras cinco anos en funcionamento nunha visita ás súas instalacións, emprazadas no lugar cuntiense de Meira, nas inmediacións do parque empresarial da Ran. No acto estivo acompañado polos alcaldes dos seis concellos, Manuel Campos, José Cela, Ricardo Martínez, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Alberto García e Juan Manuel Rey, por varios concelleiros de Servizos Sociais e por persoal técnico de Cuntis e Portas.

“Esta unidade fai un gran traballo dende o ano 2018, atendendo semanalmente a uns 60 cativos desta bisbarra con problemas de desenvolvemento grazas a grandes profesionais da psicopedagoxía, a fisioterapia e a logopedia, polo que creo que a súa continuidade era máis que merecida e necesaria e por iso dende a Xunta apostamos polo seu financiamento e ademais o facemos de xeito plurianual, que era unha atinada demanda de moitos destes servizos de toda Galicia para poder realizar mellor este traballo”, manifestou o representante autonómico.

Luis López tamén lembrou o despregamento realizado pola Consellería de Política Social e Xuventude para ampliar estas unidades por todo o territorio co obxectivo de “achegar os servizos públicos a todos os galegos e favorecer a igualdade de oportunidades equilibrando as prestacións nos ámbitos rural e urbano”. Deste xeito, a unidade de Cuntis, pola súa posición de centralidade xeográfica, permite que os cativos desta bisbarra poidan acceder á mesma nunha isócrona de entre 15 e 20 minutos como máximo.

“Hai algo máis dunha década apenas había dúas unidades de atención temperá en toda Galicia que atendían a quince concellos e, grazas á forte aposta social da Xunta, hoxe dispoñemos de 41 unidades, 11 delas na provincia de Pontevedra, que chegan a máis de 200 concellos cun investimento de 10,3 millóns de euros, o que fomenta a igualdade, xa que con estes servizos agardamos atender cada ano a uns 5.000 nenos e nenas con problemas de desenvolvemento”, detallou o delegado territorial.

O CONCELLO DE PORTAS COLABORARÁ EN MARZO CO FESTIVAL PORTAMÉRICA NA CAMPAÑA DE REFORESTACIÓN CON ESPECIES FRONDOSAS “UNHA ENTRADA, UNHA ÁRBORE”

O Concello de Portas volverá colaborar, un ano máis, co Festival PortAmérica na iniciativa de reforestación “Unha entrada, unha árbore”, que se levará a cabo en montes de Romai o vindeiro 11 de marzo.

Nesta ocasión plantaranse ata 1.050 árbores (carballos, avellanos, castiñeiros, bidueiros, sobreiras, madroños, cerdeiras, pradairos, freixos e nogueiras) nos montes de Romai en colaboración coa Comunidade de Montes de Lantaño, Concello de Portas, Consellería do Medio Rural, Deputación de Pontevedra, Coca-Cola, Estrela Galicia, Agader, Gadis, Montiño e Hotel O Cruceiro.

A plantación ten como obxectivo compensar o CO2 xerado pola celebración do festival na súa edición de 2022 e todo o que queira poderá participar nesta reforestación comunitaria apuntándose nesta ligazón. Do mesmo xeito que en anteriores edicións, cada árbore será identificado co nome de quen o plante.

Para acudir á plantación, o punto de encontro é en Outeiro Grande, monte veciñal de Lantaño (42.554236, -8.6812558). A iniciativa “Unha Entrada, Unha Árbore” é un compromiso adquirido nas xornadas de Medio Ambiente de 2017. Desde entón, tanto asistentes como todo aquel que queira participar, pode colaborar nesta xornada de reforestación con especies autóctonas que se celebra nos montes próximos ao recinto do festival. A día de hoxe, xa hai máis de 4.900 árbores plantadas e preto de 24 toneladas de Co2 compensados grazas a preto de 1.000 persoas que colaboraron.

O CONCELLO DE PORTAS FOI BENEFICIARIO DA CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS ÁS ENTIDADES LOCAIS PARA A PRESTACIÓN DE SERVIZOS NO MARCO DA REDE GALEGA DE ATENCIÓN TEMPERÁ

O Concello de Portas foi beneficiario da convocatoria de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2022 a 2024, cofinanciada pola Unión Europea.

O obxectivo principal destas axudas é promover a autonomía persoal de menores de 0 a 6 anos con trastornos no seu desenvolvemento. O resultado que se pretende acadar é facilitar a  inclusión sociale a igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas.

Por Resolución do 30 de decembro de 2022 da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade (DOG nº 21 do 31 de xaneiro de 2023), se concede subvención á agrupación de concellos de Cuntis, Barro, Caldas de Reis, Catoira, Moraña e Portas, para a prestación do Servizo de Atención Temperá no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2022 a 2024.

Este Servizo está situado en Cuntis, no lugar de A Ran, nº 56 (C.P. 36675) e o teléfono de contacto para solicitar entrevista é o 695 10 29 25.

UNS 1.245 CATIVOS DE EDUCACIÓN PRIMARIA PARTICIPAN EN PORTAS NA FASE FINAL PROVINCIAL DE CAMPO A TRAVÉS DO PROGRAMA XOGADE DA XUNTA

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, celebrou hoxe a Fase Final Provincial de Campo a Través do programa de deporte escolar Xogade, que contou coa participación de 1.245 cativos e que se celebrou na contorna da Azucreira de Portas.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e a concelleira Ana Peña asistiron ás cinco probas finais na contorna da Azucreira e presidiron o acto de entrega de medallas desta actividade organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Máis de 17.000 deportistas de 200 centros da provincia participaron nas 17 probas zonais, o que demostra o éxito crecente dunha iniciativa que busca a dinamización do deporte escolar, a inclusión do alumnado, a loita contra o sedentarismo e o fomento da igualdade de xénero, polo que é un absoluto acerto e imos a darlle continuidade.